sábado, 30 de outubro de 2021

SÁBADO 30 de OUTUBRO do 2021

Unha nova emisión do "Semprengalicia". Comezamos dándolle a ben-vinda ao noso amigo Manuel Rodríguez Julián, que foi o Primeiro Director deste programa. Escoitamos un bocadiño de música e conectamos co Presidente da A.C.G.Rosalía de Castro, Oliver Fernández, que nos informa das diferentes actividades previstas para os próximos meses de novembro e decembro. Salienta a celebración do Magosto a vindeira fin de semana, sábado día 6 de novembro. Tamén comenta a Excursión a Peñíscola e Morella para o día 20 de novembro, a celebración do Campionato de Tute e a Celebración das Xornadas Culturais para o mes de decembro que culminarán coa cea de entrega de Premios do "35 Certame de Poesía Rosalía de Castro". Agradecémoslle a súa participación.

Despois poñemonos en contacto co noso correspondente na Costa da Morte, Oscar M. Rey, que dende unha aldea perto de Fisterra nos dá conta da súa aportación cultural e informativa relacionada con aquela fermosa terra galega. Tamén nos fai referencia e convídanos a visitar a páxina "Qué pasa na Costa.gal", que nosoutros tamén recomendamos a tódolos nosos oíntes e seguidores, para poderen estar ao día dos acontecementos que alí suceden. ¡Moitas grazas, Oscar!

Continuamos escoitando outro bocadiño de música, nesta ocasión unha novidade-primicia para tódolos nosos oíntes e seguidores, trátase dunha peza do ultimo CD de Pancho Álvarez, que leva por título "Cordas Históricas". Baixamos a música e conectamos con Galicia para falar con dona María Carmen Caramés Gorgal, escritora e poeta galega que nos recibe moi amablemente. Felicitámola por ter acadado o XXII Premio Vecente Risco de Creación Literaria pola novela "A casa da mina". É unha autora con moitos Premios literarios e poéticos. Comentamos un chisco algo dese seu traballo galardonado e agradecémoslle a súa aportación de hoxe. Desexámoslle que siga colleitando moitos éxitos e prometémonos voltar a falar con ela en vindeiras datas.

Saudamos tamén a Henrique Fdez Mon-Sánchez, que sempre se conecta con nosoutros e nos acompaña nas tarefas de entrevistas e comentarios cos nosos convidados. Dámoslle a ben-vinda a Olga Novoa, que dende Ourense nos dá cumprida información da Revista "Nós, a Xente do Redor".  Tamén nos fala da súa creación poética. En próximas conexións seguro que nos dará lectura dalgunha poesía súa.

Dámoslle entrada a Juan Pedro Sánchez, Presidente da ASOBECAT, que nos informa das actividades que comezaron a realizar e comenta como a máis inmediata a celebración do "Magosto-Castañada 2021" no Restaurante "Can Mauri" de Polinyà. Tamén nos fala da pasada festa da Virxe da Encina, Patrona do Bierzo, que realizaron en días atrás cunha Misa en Polinyà e da vindeira "Festa do Botillo" prevista para o mes de febreiro do 2022, se non temos restriccións. Desexamos que sigan tendo moitos éxitos.

E antes de finalizar comentamos no noso amigo Henrique algunhas cousas relacionadas coa súa visita excepcional ás terras de Portugal.

E despedimos o progama ate o vindeiro sábado á mesma hora. 

¡Feliz Samaín e Bon Magosto!

Aquí teñen o programa completo:





sábado, 23 de outubro de 2021

SáBADO 23 de Outubro do 2021

Comezamos unha nova emisión do "Semprengalicia" coa nosa sintonía de sempre e dándolles a ben-vinda a tódolos nosos oíntes e seguidores. A continuación conectamos con XESÚS FRAGA, a quen parabenizamos, porque ben de gañar o Premio Nacional de Narrativa pola súa novela "Virtudes (e misterios)", que segundo as noticias que nos chegaron á Redacción, trata dunha familia da Coruña marcada pola Emigración. Coméntanos algunha cousas relacionadas coa súa creación e agradecémoslle a súa amable atención. Noutra ocasión, cando poidamos ler o seu libro, voltaremos a falar con el para aprender algo máis. ¡Grazas Xesús!


A segunda intervención é con outra persoa relacionada coa escrita, nesta ocasión chamase ARANCHA NOGUEIRA, que tamén a felicitamos dándolle os nosos parabens por ter acadado o Premio de Poesía Victoriano Taibo, que convoca o Instituto de Estudos Miñoráns en colaboración co Concello de Gondomar e a Editorial Galaxia. A obra presentada é "Antese". Mantemos unha conversa-entrevista para poder informarnos, un bocadiño, da súa traxectoria e agasállanos cuns versos desa obra premiada, como adianto do que será cando se publique. Moitas grazas Arancha!!! e ¡Moitos éxitos!!!


Continuamos o programa e conectamos novamente con Galicia, para recibir a crónica semanal do noso correspondente na Costa da Morte, Oscar Manuel Rey, que nos informa moi polo miúdo, das noticias que escolleu para nosoutros. Un privilexio e unha esclusiva para os nosos oíntes e seguidores.

A segunda hora encetámola saudando a Quique Fernández Món-Sánchez e voltando novamente a Galicia, concretamente Ourense, para falar con OLGA NOVOA. Agasállanos coa lectura dunha das súas creacións poéticas. Un primeiro contacto que nos serve para coñecela un chisquiño e en vindeiras datas terémola como colaboradora. ¡Moitas Grazas Olga!

Despedimos a Olga cun bocadiño de música e recibimos a UXÍA, responsable da Biblioteca Municipal de O Grove, a quen parabenizamos por teren acadado o Premio María Moliner a nivel de España. Unha distinción que comparten con tódolos usuários e lectores desta biblioteca que ofrece moitos servicios as seus usuários. Foi unha primeira conversa, algo curta, pero prometémonos voltar a conectar con ela e coa persoa que nos puxo en contacto (Ana Mari) para saber algo máis do seu traballo.

A continuación chamamos a don Xesús Mazaira Varela, socio da Queixería "Airas Moniz", na Ribeira Sacra, tamén para darlle os nosos parabens porque veñen de recibir o Premio ao Mellor Queixo Azul de España, no concurso de Gourmet Queixos. Non  o comentamos en directo pero tamén se lle concedeu un Premio por parte do Ministerio de Agricultura, no
Certame de Alimentos de España
. Prometémonos voltar a conectar con el para que nos siga informando desa empresa modélica na Ribeira Sacra.


E por último conectamos coa nosa correspondente no Ancares Lugueses, Fernanda Follana Neira, que ten preparada a súa crónica informativa sobre aquelas terras luguesas. ¡Grazas, Fernanda!


Despedímonos ate o vindeiro sábado á mesma hora.

Aquí poden escoitar o programa enteiro.

sábado, 16 de outubro de 2021

SÁBADO 16 de Outubro do 2021

Comezamos outra emsión do "Semprengalicia" dándolles a ben-vinda, pero ofrecéndolles unha peza musical de estrena (Rabia) , que seguro poderán escoitar en Manresa a partir das 19h, porque as súas intérpretes (Taxugueiras) están convidadas a participar alí. Precisamente a primeira conversa será con JORDI FOSAS, o Director da "Fira Mediterrània Manresa". Chamámolo e conversamos con el para que nos informe, máis polo miúdo, dese Grande Festival que este ano cumple nada menos que 24 anos. ¡Felicitámolos! e desexámoslles moitos éxitos. Despedímolo con música de Caamaño&Ameixeiras, que tamén actuarán esta noite nesa "Fira Mediterránia de Manresa". ¡Moitas grazas Jordi!

A segunda intervención é a do noso correspondente na Costa da Morte, Oscar Manuel Rey, que pertence a esa grande equipa que é : https://www.quepasanacosta.gal/estaticas/quienes-somos.html. Fainos a súa crónica semanal e despídese anunciándonos que este noso programa emitirase en difereido nada menos que os domingos de 12 a 24 horas en Radio Roncudo e Radio Neira. Será unha honra poder participar cos radioíntes desa zona tan querida e aprezada por nosoutros. ¡Moitísimas GRAZAS!

A continuación escoitamos a fermosa colaboración de Luís Losada, que dende Pontevedra mándanos unha aportación cultural relacionada co libro "Os paxaros" de Daniel Salgado. Moi interesante a súa aportación e posiblemente poidamos contar con el en vindeiras ocasións. ¡Grazas Luís!

Despois de escoitar outro bocadiño de música poñémonos en contacto con dona ANA MOSQUERA, avogada de profisión e grande investigadora. Dámoslle a ben-vinda e mantemos unha pequena entrevista coa que cumplimos un dos obxectivos da nosa humilde emisión: ¡"Aprendermos"! Fermosas leccións de coñecemento popular e rural. Exposición de temas moi interesantes e fermosa conversa. O blog "Á sombra do Penegache" que está ao seu cargo, é unha extraordinaria mostra desas cousas interesantes que vos comentamos. Prometémonos voltar a conectar con ela para seguir aprendendo e preguntándolle moitas máis cousas, que ela ten moi documentadas.

 

Tentamos chamar a Antonio, responsable da "Irmandade Galega O Noso LAR de Tarrasa", pero non puidemos conectar, posiblemente por causa dalgúnha ocupación persoal, pero en vindeiras datas intentarémolo novamente, porque desexamos informarvos das actividades que teñen previstas.

A última intervención de hoxe é a do noso "Poeta da Mariña Luguesa", PACO RIVAS. Sempre nos agasalla cunha conversa distendida e con algo de ensino relacionado coa nosa cultura. Hoxe falounos da riquezaa do noso vocabulario galego.

 

E así foi como decorreo o noso programa de hoxe. Despedímonos ate o vindeiro sábado á mesma hora. Que teñan unha feliz semana, e lémbrense de conectarse con nosoutros. Ahí lles deixamos o programa:


sábado, 9 de outubro de 2021

SÁBADO 9 de OUTUBRO do 2021

Outra emisión máis de "Semprengalicia". Dúas horiñas de música, informacións e entrevistas en galego. Comezamos coa nosa sintonía de sempre, dándolles a ben-vida e a continuación a colaboración de dona Mª Teresa Macedo, dende Guimaraes que será a nosa correspondente, dende Portugal, incorporada nesta nova tempada 2021-22.

 

A segunda colaboracións recibímola dende a Costa da Morte, concretamente dende Cee. O noso correspondente Oscar Manuel Rey, mándanos a súa crónica semanal. Resáltanos a súa relación coa páxina "que pasa na costa" que é o centro informativo de referencia para tódalas persoas interesadas. Moitas grazas, Oscar!

Escoitamos unha peza musical (primicia para tódolos nosos oíntes e seguidores) que interpretan as "Tanxugueiras", que leva por título Rabia. Pertence ao CD que acaba de publicar o Grupo catalán "Roba Estesa". Precisamente este trema interprétano empregando os tres idiomas: castelán, catalán e galego. A continuación conectamos con Galicia, concretamente coa nosa correspondente Fernanda Follana Neira, que dende os Ancares lugueses ofrécenos, tamén, a súa crónica semanal con novidades interesantes.

Despedimos a Fernanda con música e dámoslle a ben-vida a Eva Veiga Torre, poeta, escritora e periodista, a quen felicitamos pola súa extraordinaria actuación-declamación que tivo lugar en Santa Coloma de Gramanet, días pasados. Agradecémoslle a súa amable atención. É un primeiro contacto que celebramos e hónranos coa cativa charla que mantivemos, pero prometémonos voltar a convidala e preguntarlle moitas cousas máis para coñecemento dos nosos oíntes e seguidores. ¡Moitas grazas Eva Veiga! 

Conectamos co noso Poeta da Mariña Luguesa, Paco Rivas, que sempre ten unha amena conversa e comunicación. Fálanos das recentes publicacións e agasállanos con dous "haikus" da súa autoría.

 

E despedímonos ate o vindeiro sábado á mesma hora. 

¡Que teñan unha feliz semana!

Aquí poden escoitar o programa completo.

sábado, 2 de outubro de 2021

SÁBADO 02 de OUTUBRO do 2021

Comezamos unha nova andaina, tempada 2021-2022, con ánimos de seguir aprendendo e ofrecerlles dúas horiñas de radio en galego. Despois das salutacións iniciais, propoñémoslles escoitar unha peciña de música para recibir ao noso primeiro convidado: OSCAR REY, que a partir de hoxe convertirase no correspondente que moi amablemente se presta para facernos de cronista oficial dende a Costa da Morte. Saudámolo e dámoslle a ben-vida ademais de agradecerlle a súa disposición e colaboración. A vindeira semana xa contaremos coa súa crónica para compartila con tódolos nosos oíntes e seguidores.

A segunda comunicación, conversa-entrevista é con XAN PAMPÍN,  líder do Grupo Musical AILÁ. Tamén o recibimos cunha peza do seu CD que virán a presentar aquí, a BCN, concretamente ao Tradicionarius de Gracia o vindeiro día 9 de outubro. Cóntanos cómo se formou este Grupo de música Tradicional de Raíz, cales son os seus compoñentes e infórmanos dalgúns dos Concertos que veñen realizando e outros que teñen en carteira. Agradecémoslle o tempo que nos concede e desexámoslles moitos éxitos.

Falamos coa nosa correspondente nos Ancares Lugueses, Fernanda Follana Neira. Infórmanos de diversas celebracións deportivas nas que participa e que son de grande importancia a nivel de Galicia. Tamén comentamos algunha cousa relacionada coa investigación e a arqueoloxía do entorno.

Facémonos eco e informamos da "Festa do San Froilán- 2021, en Nou Barris". Os días 1, 2 e 3 de outubro. Actuacións de Xuntanza (A.C.G.Rosalía de Castro, Casa Galega de Hospitalet e Agarimos de Badalona) e a Orquestra La Oca Band, para as sesións vermut e verbenas. Tamén poderán degustar os productos galegos de calidade que ofrece a Casa Díaz.


E conectamos novamente con Galicia para falar co noso colaborador, amigo e Poeta da Mariña Luguesa Paco Rivas. Sempre é un pracer poder conversar con el; sempre ten algunha frase ou poema axeitado co que nos agasalla na súa participación.

Despedímonos de tódolos nosos oíntes e seguidores ate o vindeiro sábado e colgamos o programa enteiro.

luns, 27 de setembro de 2021

27 de SETEMBRO do 2021

Benqueridos oíntes e seguidores: queremos informarvos que o vindeiro sábado día 2 de OUTUBRO comezaremos unha nova xeira, tempada 2021-2022.

Coma sempre de 18 a 20h. Teremos noticias, informacións diversas, música galega, entrevistas e colaboracións moi interesantes.

Non deixedes de conectarvos. https://www.radiocornella.cat/

¡Agardámosvos a tod@s!

sábado, 26 de xuño de 2021

SÁBADO 26 de XUÑO do 2021

Último programa de "Semprengalicia" con este formato de "estudios virtuais", mediante o que puidemos levar adiante as nosas comunicacións, intervencións, entrevistas e música para tódolos nosos oíntes e seguidores. Despois de escoitar a sintonía do programa e darlle a ben-vida aos nosos contertulios, Armando Fernández, Henrique Fernández-Mon Sánchez e Juan Pedro Sánchez, poñemos un bocadiño de música para recibir a primeira convidada desta tarde: dona Mercedes Vázquez Saavedra. Escritora, Fotógrafa e grande coñecedora da nosa Cultura Galega. Recibímola felicitándoa e dándolle os nosos parabens, por estar elixida para ser nomeada Arraiana Maior do 2021. Celebramos este recoñecemento como unha raiana e arraiana de pro, e así lle-lo manifestamos. Infórmanos da súa presencia os días 7 e 8 de agosto en Entrimo, onde se celebrarán esas xornadas arraianas, e tamén aproveitará para ofrecer unha das súas exposicións fotográficas fermosas, adicadas concretamente ás mulleres. Desexámoslle moitos éxitos e despedímola con música.

A segunda intervención é a de Manuel Rodríguez Julián, o primeiro director que foi deste noso programa. Fálanos dos proxectos para este verán e dos desexos de que no mes de outubro comecemos unha nova andaina de actividades e bon facer na nosa Entidade. Desexámoslle un feliz verán.

Despois aproveitamos a presencia "virtual" do Presidente de ASOBECAT, Juan Pedro Sánchez, para que nos informe dasa actividades previstas para estes próximos meses. A entrega do Arlequín ao "berciano ilustre Luis Cuervo", na localidade de Lalín, en Agosto. A Romería da Virxe da Encina, prevista para o mes de setembro próximo, a celebración do Magosto Berciano con castañas de Parede e a preparación do grande Festival do Botillo 2022. Desexámoslle moito éxito.

A continuación poñémonos en contacto con Simone G.Saibene, ese director e productor cinematográfico, que ven de recibir o "Mestre Mateo" polo seu traballo e tamén o parabenizamos por ter acadado tanto éxito ultimamente. Está preparando novos documentais e traballos, pero aínda non nos pode adiantar demasiados datos. Agradecémoslle a súa aportación no noso programa de hoxe e desexamos que siga colleitando moitos éxitos.

Conectamos novamente con Galicia, concretamente coas Rías Baixas, para recibir ao noso correspondente Xulio Simón, que nos presenta ao seu convidado Suso Fernández, responsable da Vivenda Rural "Aldea do Mazo", no Caurel. Descubrimos con eles unhas instalacións extraordinarias e convídannos a visitar ese enclave fermoso e natural que ten un atractivo extraordinario. Agradecémoslle a ambos as detalladas informacións que nos aportan e desexamos que teñan un verán moi feliz.

Falamos agora co noso Director da revista "Lúa Nova", Antonio Díaz, a quen lle agradecemos a súa chamada para desexarnos a nosoutros e a tódolos oíntes unha feliz verán. Coméntanos que está traballando para o seguinte número da revista e tamén perfeccionando as bases do seguinte Certame de Poesía Rosalía de Castro. Tamén lle desexamos un verán feliz.

A ultima intervención é a do noso estimado "Poeta da Mariña Luguesa" Paco Rivas, que nos informa da próxima presentación do seu libro "Alen Mundo". Desexamos que teña moito éxito e despedímonos ate o vindeiro mes de outubro, que comezaremos  unha nova tempada, con desexos de aprender e moitas ganas de disfrutar coa audiencia e cos nosos seguidores. ¡Que teñan un feliz verán!

Aquí deixamos o programa enteiro:

SÁBADO 9 de MAIO do 2026

Comezamos outra emisión máis do noso "Semprengalicia" de cada sábado, coa nosa sintonía, as salutacións e un bocadiño de música pa...