sábado, 30 de outubro de 2021

SÁBADO 30 de OUTUBRO do 2021

Unha nova emisión do "Semprengalicia". Comezamos dándolle a ben-vinda ao noso amigo Manuel Rodríguez Julián, que foi o Primeiro Director deste programa. Escoitamos un bocadiño de música e conectamos co Presidente da A.C.G.Rosalía de Castro, Oliver Fernández, que nos informa das diferentes actividades previstas para os próximos meses de novembro e decembro. Salienta a celebración do Magosto a vindeira fin de semana, sábado día 6 de novembro. Tamén comenta a Excursión a Peñíscola e Morella para o día 20 de novembro, a celebración do Campionato de Tute e a Celebración das Xornadas Culturais para o mes de decembro que culminarán coa cea de entrega de Premios do "35 Certame de Poesía Rosalía de Castro". Agradecémoslle a súa participación.

Despois poñemonos en contacto co noso correspondente na Costa da Morte, Oscar M. Rey, que dende unha aldea perto de Fisterra nos dá conta da súa aportación cultural e informativa relacionada con aquela fermosa terra galega. Tamén nos fai referencia e convídanos a visitar a páxina "Qué pasa na Costa.gal", que nosoutros tamén recomendamos a tódolos nosos oíntes e seguidores, para poderen estar ao día dos acontecementos que alí suceden. ¡Moitas grazas, Oscar!

Continuamos escoitando outro bocadiño de música, nesta ocasión unha novidade-primicia para tódolos nosos oíntes e seguidores, trátase dunha peza do ultimo CD de Pancho Álvarez, que leva por título "Cordas Históricas". Baixamos a música e conectamos con Galicia para falar con dona María Carmen Caramés Gorgal, escritora e poeta galega que nos recibe moi amablemente. Felicitámola por ter acadado o XXII Premio Vecente Risco de Creación Literaria pola novela "A casa da mina". É unha autora con moitos Premios literarios e poéticos. Comentamos un chisco algo dese seu traballo galardonado e agradecémoslle a súa aportación de hoxe. Desexámoslle que siga colleitando moitos éxitos e prometémonos voltar a falar con ela en vindeiras datas.

Saudamos tamén a Henrique Fdez Mon-Sánchez, que sempre se conecta con nosoutros e nos acompaña nas tarefas de entrevistas e comentarios cos nosos convidados. Dámoslle a ben-vinda a Olga Novoa, que dende Ourense nos dá cumprida información da Revista "Nós, a Xente do Redor".  Tamén nos fala da súa creación poética. En próximas conexións seguro que nos dará lectura dalgunha poesía súa.

Dámoslle entrada a Juan Pedro Sánchez, Presidente da ASOBECAT, que nos informa das actividades que comezaron a realizar e comenta como a máis inmediata a celebración do "Magosto-Castañada 2021" no Restaurante "Can Mauri" de Polinyà. Tamén nos fala da pasada festa da Virxe da Encina, Patrona do Bierzo, que realizaron en días atrás cunha Misa en Polinyà e da vindeira "Festa do Botillo" prevista para o mes de febreiro do 2022, se non temos restriccións. Desexamos que sigan tendo moitos éxitos.

E antes de finalizar comentamos no noso amigo Henrique algunhas cousas relacionadas coa súa visita excepcional ás terras de Portugal.

E despedimos o progama ate o vindeiro sábado á mesma hora. 

¡Feliz Samaín e Bon Magosto!

Aquí teñen o programa completo:





sábado, 23 de outubro de 2021

SáBADO 23 de Outubro do 2021

Comezamos unha nova emisión do "Semprengalicia" coa nosa sintonía de sempre e dándolles a ben-vinda a tódolos nosos oíntes e seguidores. A continuación conectamos con XESÚS FRAGA, a quen parabenizamos, porque ben de gañar o Premio Nacional de Narrativa pola súa novela "Virtudes (e misterios)", que segundo as noticias que nos chegaron á Redacción, trata dunha familia da Coruña marcada pola Emigración. Coméntanos algunha cousas relacionadas coa súa creación e agradecémoslle a súa amable atención. Noutra ocasión, cando poidamos ler o seu libro, voltaremos a falar con el para aprender algo máis. ¡Grazas Xesús!


A segunda intervención é con outra persoa relacionada coa escrita, nesta ocasión chamase ARANCHA NOGUEIRA, que tamén a felicitamos dándolle os nosos parabens por ter acadado o Premio de Poesía Victoriano Taibo, que convoca o Instituto de Estudos Miñoráns en colaboración co Concello de Gondomar e a Editorial Galaxia. A obra presentada é "Antese". Mantemos unha conversa-entrevista para poder informarnos, un bocadiño, da súa traxectoria e agasállanos cuns versos desa obra premiada, como adianto do que será cando se publique. Moitas grazas Arancha!!! e ¡Moitos éxitos!!!


Continuamos o programa e conectamos novamente con Galicia, para recibir a crónica semanal do noso correspondente na Costa da Morte, Oscar Manuel Rey, que nos informa moi polo miúdo, das noticias que escolleu para nosoutros. Un privilexio e unha esclusiva para os nosos oíntes e seguidores.

A segunda hora encetámola saudando a Quique Fernández Món-Sánchez e voltando novamente a Galicia, concretamente Ourense, para falar con OLGA NOVOA. Agasállanos coa lectura dunha das súas creacións poéticas. Un primeiro contacto que nos serve para coñecela un chisquiño e en vindeiras datas terémola como colaboradora. ¡Moitas Grazas Olga!

Despedimos a Olga cun bocadiño de música e recibimos a UXÍA, responsable da Biblioteca Municipal de O Grove, a quen parabenizamos por teren acadado o Premio María Moliner a nivel de España. Unha distinción que comparten con tódolos usuários e lectores desta biblioteca que ofrece moitos servicios as seus usuários. Foi unha primeira conversa, algo curta, pero prometémonos voltar a conectar con ela e coa persoa que nos puxo en contacto (Ana Mari) para saber algo máis do seu traballo.

A continuación chamamos a don Xesús Mazaira Varela, socio da Queixería "Airas Moniz", na Ribeira Sacra, tamén para darlle os nosos parabens porque veñen de recibir o Premio ao Mellor Queixo Azul de España, no concurso de Gourmet Queixos. Non  o comentamos en directo pero tamén se lle concedeu un Premio por parte do Ministerio de Agricultura, no
Certame de Alimentos de España
. Prometémonos voltar a conectar con el para que nos siga informando desa empresa modélica na Ribeira Sacra.


E por último conectamos coa nosa correspondente no Ancares Lugueses, Fernanda Follana Neira, que ten preparada a súa crónica informativa sobre aquelas terras luguesas. ¡Grazas, Fernanda!


Despedímonos ate o vindeiro sábado á mesma hora.

Aquí poden escoitar o programa enteiro.

sábado, 16 de outubro de 2021

SÁBADO 16 de Outubro do 2021

Comezamos outra emsión do "Semprengalicia" dándolles a ben-vinda, pero ofrecéndolles unha peza musical de estrena (Rabia) , que seguro poderán escoitar en Manresa a partir das 19h, porque as súas intérpretes (Taxugueiras) están convidadas a participar alí. Precisamente a primeira conversa será con JORDI FOSAS, o Director da "Fira Mediterrània Manresa". Chamámolo e conversamos con el para que nos informe, máis polo miúdo, dese Grande Festival que este ano cumple nada menos que 24 anos. ¡Felicitámolos! e desexámoslles moitos éxitos. Despedímolo con música de Caamaño&Ameixeiras, que tamén actuarán esta noite nesa "Fira Mediterránia de Manresa". ¡Moitas grazas Jordi!

A segunda intervención é a do noso correspondente na Costa da Morte, Oscar Manuel Rey, que pertence a esa grande equipa que é : https://www.quepasanacosta.gal/estaticas/quienes-somos.html. Fainos a súa crónica semanal e despídese anunciándonos que este noso programa emitirase en difereido nada menos que os domingos de 12 a 24 horas en Radio Roncudo e Radio Neira. Será unha honra poder participar cos radioíntes desa zona tan querida e aprezada por nosoutros. ¡Moitísimas GRAZAS!

A continuación escoitamos a fermosa colaboración de Luís Losada, que dende Pontevedra mándanos unha aportación cultural relacionada co libro "Os paxaros" de Daniel Salgado. Moi interesante a súa aportación e posiblemente poidamos contar con el en vindeiras ocasións. ¡Grazas Luís!

Despois de escoitar outro bocadiño de música poñémonos en contacto con dona ANA MOSQUERA, avogada de profisión e grande investigadora. Dámoslle a ben-vinda e mantemos unha pequena entrevista coa que cumplimos un dos obxectivos da nosa humilde emisión: ¡"Aprendermos"! Fermosas leccións de coñecemento popular e rural. Exposición de temas moi interesantes e fermosa conversa. O blog "Á sombra do Penegache" que está ao seu cargo, é unha extraordinaria mostra desas cousas interesantes que vos comentamos. Prometémonos voltar a conectar con ela para seguir aprendendo e preguntándolle moitas máis cousas, que ela ten moi documentadas.

 

Tentamos chamar a Antonio, responsable da "Irmandade Galega O Noso LAR de Tarrasa", pero non puidemos conectar, posiblemente por causa dalgúnha ocupación persoal, pero en vindeiras datas intentarémolo novamente, porque desexamos informarvos das actividades que teñen previstas.

A última intervención de hoxe é a do noso "Poeta da Mariña Luguesa", PACO RIVAS. Sempre nos agasalla cunha conversa distendida e con algo de ensino relacionado coa nosa cultura. Hoxe falounos da riquezaa do noso vocabulario galego.

 

E así foi como decorreo o noso programa de hoxe. Despedímonos ate o vindeiro sábado á mesma hora. Que teñan unha feliz semana, e lémbrense de conectarse con nosoutros. Ahí lles deixamos o programa:


sábado, 9 de outubro de 2021

SÁBADO 9 de OUTUBRO do 2021

Outra emisión máis de "Semprengalicia". Dúas horiñas de música, informacións e entrevistas en galego. Comezamos coa nosa sintonía de sempre, dándolles a ben-vida e a continuación a colaboración de dona Mª Teresa Macedo, dende Guimaraes que será a nosa correspondente, dende Portugal, incorporada nesta nova tempada 2021-22.

 

A segunda colaboracións recibímola dende a Costa da Morte, concretamente dende Cee. O noso correspondente Oscar Manuel Rey, mándanos a súa crónica semanal. Resáltanos a súa relación coa páxina "que pasa na costa" que é o centro informativo de referencia para tódalas persoas interesadas. Moitas grazas, Oscar!

Escoitamos unha peza musical (primicia para tódolos nosos oíntes e seguidores) que interpretan as "Tanxugueiras", que leva por título Rabia. Pertence ao CD que acaba de publicar o Grupo catalán "Roba Estesa". Precisamente este trema interprétano empregando os tres idiomas: castelán, catalán e galego. A continuación conectamos con Galicia, concretamente coa nosa correspondente Fernanda Follana Neira, que dende os Ancares lugueses ofrécenos, tamén, a súa crónica semanal con novidades interesantes.

Despedimos a Fernanda con música e dámoslle a ben-vida a Eva Veiga Torre, poeta, escritora e periodista, a quen felicitamos pola súa extraordinaria actuación-declamación que tivo lugar en Santa Coloma de Gramanet, días pasados. Agradecémoslle a súa amable atención. É un primeiro contacto que celebramos e hónranos coa cativa charla que mantivemos, pero prometémonos voltar a convidala e preguntarlle moitas cousas máis para coñecemento dos nosos oíntes e seguidores. ¡Moitas grazas Eva Veiga! 

Conectamos co noso Poeta da Mariña Luguesa, Paco Rivas, que sempre ten unha amena conversa e comunicación. Fálanos das recentes publicacións e agasállanos con dous "haikus" da súa autoría.

 

E despedímonos ate o vindeiro sábado á mesma hora. 

¡Que teñan unha feliz semana!

Aquí poden escoitar o programa completo.

sábado, 2 de outubro de 2021

SÁBADO 02 de OUTUBRO do 2021

Comezamos unha nova andaina, tempada 2021-2022, con ánimos de seguir aprendendo e ofrecerlles dúas horiñas de radio en galego. Despois das salutacións iniciais, propoñémoslles escoitar unha peciña de música para recibir ao noso primeiro convidado: OSCAR REY, que a partir de hoxe convertirase no correspondente que moi amablemente se presta para facernos de cronista oficial dende a Costa da Morte. Saudámolo e dámoslle a ben-vida ademais de agradecerlle a súa disposición e colaboración. A vindeira semana xa contaremos coa súa crónica para compartila con tódolos nosos oíntes e seguidores.

A segunda comunicación, conversa-entrevista é con XAN PAMPÍN,  líder do Grupo Musical AILÁ. Tamén o recibimos cunha peza do seu CD que virán a presentar aquí, a BCN, concretamente ao Tradicionarius de Gracia o vindeiro día 9 de outubro. Cóntanos cómo se formou este Grupo de música Tradicional de Raíz, cales son os seus compoñentes e infórmanos dalgúns dos Concertos que veñen realizando e outros que teñen en carteira. Agradecémoslle o tempo que nos concede e desexámoslles moitos éxitos.

Falamos coa nosa correspondente nos Ancares Lugueses, Fernanda Follana Neira. Infórmanos de diversas celebracións deportivas nas que participa e que son de grande importancia a nivel de Galicia. Tamén comentamos algunha cousa relacionada coa investigación e a arqueoloxía do entorno.

Facémonos eco e informamos da "Festa do San Froilán- 2021, en Nou Barris". Os días 1, 2 e 3 de outubro. Actuacións de Xuntanza (A.C.G.Rosalía de Castro, Casa Galega de Hospitalet e Agarimos de Badalona) e a Orquestra La Oca Band, para as sesións vermut e verbenas. Tamén poderán degustar os productos galegos de calidade que ofrece a Casa Díaz.


E conectamos novamente con Galicia para falar co noso colaborador, amigo e Poeta da Mariña Luguesa Paco Rivas. Sempre é un pracer poder conversar con el; sempre ten algunha frase ou poema axeitado co que nos agasalla na súa participación.

Despedímonos de tódolos nosos oíntes e seguidores ate o vindeiro sábado e colgamos o programa enteiro.

SÁBADO 19 de OUTUBRO do 2024

Comezamos coa nosa sintonía, as salutacións de sempre e unha peciña de música para recibir ao noso primeiro convidado, que é o noso correspo...