
Comezamos a emisión coa nosa sintonía de sempre, as salutacións e agradecéndolle a visita do que foi o primeiro director deste programiña:
MANUEL RODRÍGUEZ JULIÁN. Mentres escoitamos unha peza de música poñémonos en contacto con Galicia, concretamente con
MIGUEL FERREIRA, da
Panadería "O PAN DE SAN ANTONIO", en Pontecaldelas (Pontevedra) e tamén con
JOSÉ ANTONIO (Asador de Aranda de Duero), socio de Miguel, na empresa
MORALON, que se encargan de servir, vía online, Empanadas artesanas e doces de grande calidade. Infórmannos de cómo encetaron esta andaina tan engaiolante na que ofrecen toda esa serie de produtos de alta calidade. Nas dúas páxinas que teñen podedes encargar calquera dos seus produtos. Teñen uns prezos moi asequibles e serven con total garantía a toda a península. Agradecémoslle as súas informacións, desexámoslles moitos éxitos e comprometémonos a voltar a comunicarnos con eles para que nos sigan explicando moitas máis novidades, curiosidades e ofertas especiais para os seus clientes máis asíduos.
Recibimos a crónica do noso correspondente na Costa da Morte, OSCAR M. REY CALO, que sempre ten preparada unha escolla de novidades e informacións moi interesantes, relacionadas con aquela contorna. Os interesados poden amplialas na páxina quepasanacosta.gal, que eles manteñen ao día. Tamén nos lembra que este programa volve a emitirse maña, domingo en Radio Roncudo. Agradecémoslle a súa participación e colaboración desinteresada.

Seguimos escoitando outro bocadiño de música e poñémonos en contacto co Moañés
LUÍS CHAPELA, que asina as súas creacións escritas con "Luís da Roxa". Facía un tempo que non conectabamos con el. Fálanos dos traballos e actos que están a realizar relacionados coa Memoria Histórica, que por certo el mesmo se encarga de transmitir nalgúns dos colexios aos que vai convidado. Concretamente ten previsto asistir ao Insitituto da localidade. Tamén nos comenta a recente publicación dun seu libro, e despídese agasallándonos coa lectura dun seu poema adicado ao "día da dona". ¡Moitas grazas Luís! ¡Que sigas colleitando moitos éxitos!
A continuación recibimos a crónica do noso viaxeiro, XOAN ARCO DA VELLA, descubridor de recunchos interesantes da nosa xeografía galega. Nesta ocasión fálanos dunha aldea que visitou "Santa Xusta", camiño do Mosteiro de San Esteban de Ribas do Sil. Coméntanos unha curiosidade relacionada coa procesión desta Santa Xusta, e que ten moito que ver cun penedo que se atopa perto da capela de Santa Xusta. Alí pódese coller auga que seica ten a propiedade de curar as doenzas dos ouvidos. Sempre nos sorprende Xoan. Agradecémoslle a súa aportación e desexámoslle que teña unha feliz semana. Aproveitamos para despedirnos ata o vindeiro sábado á mesma hora, xa que a continuación escoitaremos unha colaboración especial.
"Palabras Voadoras" é unha colaboración do grande amigo LUÍS LOSADA, que nos convida a coñecer e adentrarnos no traballo poético de Tamara Andrés, que leva por título: "Para non concretarme". Sempre é un pracer escoitar a proposta de Luís.
Deixamos aquí o programa Completo-Enteiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario