sábado, 27 de abril de 2024

SÁBADO 27 de ABRIL do 2024

Outro sábado máis con todos vosoutros. Comezamos coa nosa sintonía, as salutacións e escoitamos un bocadiño de música mentres nos poñemos en contacto coa Profesora, Licenciada en Filoloxía e Escritora dona REXINA VEGA, a quen parabenizamos pola recente publicación na Editorial Galaxia, dese seu libro:  "O teu perfil na miña sombra". Ven de presentalo no Ateneo Atlántico de Vigo. Un grande éxito lle auguramos e desexamos que pronto se achegue aquí, a Cataluña, para podermos disfrutar da súa presencia e fermosa comunicación, ao tempo que nos explicará, con moito detalle, ese seu traballo tan interesante. Agradecémoslle a súa participación no programa de hoxe.

Despois de escoitar outro bocadiño de música, esta vez celebrando o cincoenta aniversario da Revoluçao dos Cravos en Portugal, coa peza "Grándola Vila Morena" de Zeca Afonso, que nos serve para recibir a crónica do noso correspondente na Costa da Morte, OSCAR MANUEL REY CALO, sempre moi interesante. Antes aproveitamos para parabenizalo polo intenso traballo que está a desenvolver cos seus alumnos en diferentes lugares con moito éxito e acadando importantes Premios (a semana pasada en Plasencia e próximamente convidado a Ribadavia). Podemos ampliar as súas novidades e informacións na páxina quepasanacosta.gal, que sempre nos recomenda, así como que este noso programa re-emítese en Radio Roncudo o vindeiro domingo a partir das dez da mañá.

 

Continuamos escoitando outro bocadiño de música, esta vez o "Virolai" para felicitar con ela ás Montses, que hoxe é o seu Santo. Recibimos nos estudios a Alfonso Rico, o Vicepresidente da A.C.G.Rosalía de Castro, que nos ven a comunicar as diferentes actividades da Entidade próximas a realizar. Comeza coa que se realizará o vindeiro día once de maio, diante da Entidade: Festa do Polbo, que terá unha pequena sorpresa moi interesante para os socios: Están todos convidados a degustar unha tapiña de polbo á feira (gratuíta para os que estean ao corrente de pago).
 

Escoitamos agora una peza de música recuperada do noso arquivo, na que se escoita a EMILIO DO PANDO, tocando o Birimbao (ou Trompa), e que finaliza cantando unha pequena copla. Precisamente esta peza sírvenos para recibir á súa filla: MARTA PÉREZ TESTA, coa que mantemos unha conversa moi interesante lembrando algunha que outra anécdota deste grande músico que tocaba ese instrumento con grande virtuosismo e que el mesmo recuperou do abandono en que se atopaba. Precisamente axudou a recoller moitas das pezas que se tocaban naquela contorna. Concretamente Daniel é un digno sucesor e tocador do birimbao. Tamén algunha persoa da familia (netos) están a tocar e a intentar emular ao seu avó Emilio do Pando. Agradecémoslle a súa participación e desexamos que siga mantendo vivo ese legado musical tan feiticeiro.
 

Seguimos conversando co Vicepresidente, Sr. Rico, da A.C.G.Rosalía de Castro de Cornellà, que nos adianta os actos previstos para a realización da Festa Galega de Can Mercader, os días 31 de maio, 1 e 2 de xuño vindeiros. Homenaxe aos socios máis antigos, Noite Celta o mesmo venres día 31, coa participación das nosas "Rosalieiras" e a actuación estelar de Hevia. A ofrenda de frores diante do busto de Rosalía de Castro, o sábado, coa interpretación dos himnos galego e catalán, coa formación dun castell ondeando as dúas bandeiras, a catalana e a galega. Actuación de Asociacións galegas, catalanas e andaluzas, xunto coa Banda de Gaitas da Vila de Xixón (Asturias). Verbena popular coa actuación da Orquestra Compostela e novamente actuacións diversas o domingo xunto coa verbena amenizada pola orquestra mencionada e degustación de queimada para tódolos asistentes.

Recibimos ao noso colaborador XOAN ARCO DA VELLA, que se trasladou a Viana do Bolo, para facernos de correspondente na celebración da "Vibomask. Festival Internacional Mascarada Ibérica". Leva un distintivo de indentificación co nome do noso programa "Semprengalicia" e da nosa "Radio Cornellà". Está completamente abraiado da grande celebración que se está a desenvolver neste mesmo momento. Fálanos da grande cantidade de persoas que participan e a fermosa visión de folións e máscaras galegas, cántabras, asturianas, leonesas, portuguesas, italiana... etcétera. Despídese amosando a música que acompaña as madamas e os galanes de San Adrián de Cobres.

Aproveitamos uns minutiños para recitar unha poesía que nos mandou NIEVES FERNÁNDEZ VIDUEIRA, coa que nos agasalla aos que participamos na "Revista Lúa Nova", da nosa Asociación. É un agasallo que nos enche de honra e satisfación, recibir a súa creación poética.

 

Chamamos agora a AGAPITO VALADO FERNÁNDEZ, que nos fala da doazón dunha grande documentación que fixo á Fundación Penzol, dona Stella Maris, a filla de don Evaristo de Sela. Precisamente ese é o nome que ten a Asociación que teñen en Sela-Arbo. Unha Asociación que ten como obxectivo fundamental o Teatro e a edición dunha revista do mesmo nome, que vai a sacar próximamente o número 50. Tamén nos comenta a celebración da LXIV Festa da Lamprea, así como a que se celebra en Melgaço: 30 Festa do Alvarinho e do Fumeiro. Agradecémoslle a sua aportación no programa de hoxe.


E despedímonos ate o vindeiro sábado á mesma hora.

 ¡Que teñan unha feliz semana!

Tamén deixamos aquí o programa completo.

Ningún comentario:

SÁBADO 26 de OTUBRO do 2024

Unha semana máis, como cada sábado, outra emisión do noso programa, con entrevistas, música e noticias dende Galicia. Comezamos coa nosa sin...