Despois de escoitar outro bocadiño de música, esta vez celebrando o cincoenta aniversario da Revoluçao dos Cravos en Portugal, coa peza "Grándola Vila Morena" de Zeca Afonso, que nos serve para recibir a crónica do noso correspondente na Costa da Morte, OSCAR MANUEL REY CALO, sempre moi interesante. Antes aproveitamos para parabenizalo polo intenso traballo que está a desenvolver cos seus alumnos en diferentes lugares con moito éxito e acadando importantes Premios (a semana pasada en Plasencia e próximamente convidado a Ribadavia). Podemos ampliar as súas novidades e informacións na páxina quepasanacosta.gal, que sempre nos recomenda, así como que este noso programa re-emítese en Radio Roncudo o vindeiro domingo a partir das dez da mañá.
Seguimos conversando co Vicepresidente, Sr. Rico, da A.C.G.Rosalía de Castro de Cornellà, que nos adianta os actos previstos para a realización da Festa Galega de Can Mercader, os días 31 de maio, 1 e 2 de xuño vindeiros. Homenaxe aos socios máis antigos, Noite Celta o mesmo venres día 31, coa participación das nosas "Rosalieiras" e a actuación estelar de Hevia. A ofrenda de frores diante do busto de Rosalía de Castro, o sábado, coa interpretación dos himnos galego e catalán, coa formación dun castell ondeando as dúas bandeiras, a catalana e a galega. Actuación de Asociacións galegas, catalanas e andaluzas, xunto coa Banda de Gaitas da Vila de Xixón (Asturias). Verbena popular coa actuación da Orquestra Compostela e novamente actuacións diversas o domingo xunto coa verbena amenizada pola orquestra mencionada e degustación de queimada para tódolos asistentes.
Aproveitamos uns minutiños para recitar unha poesía que nos mandou NIEVES FERNÁNDEZ VIDUEIRA, coa que nos agasalla aos que participamos na "Revista Lúa Nova", da nosa Asociación. É un agasallo que nos enche de honra e satisfación, recibir a súa creación poética.
E despedímonos ate o vindeiro sábado á mesma hora.
¡Que teñan unha feliz semana!
Tamén deixamos aquí o programa completo.