domingo, 16 de outubro de 2011

3ª Programa da tempada 2011-12

15 de outubro do 2011

Comezamos unha nova emisión dándolles a ben-vida a tódolos nosos seguidores e convidándoos a escoitar unha proposta para elixir como nova sintonía do programa. Seguramente moitos "arraianos" sentiránse identificados con esa melodía, pero non queremos influír na vosa decisión (que lembramos faremos o día 29 deste mes de outubro), así tan só a damos a coñecer e despois xa veremos cómo queda nas votacións ou decisións de todos os que participedes. Xa sabedes que entre tódolos que enviástedes algunha suxerencia faremos un sorteo e agasallarémosvos cun reloxio da marca Aldolfo Domínguez, e outro para aquela melodía que saia elixida finalmente.

A nosa primeira comunicación é con Xesús Vizcaia, Presidente de ACIVI (Asociación de Comerciantes e Industriais de Viana do Bolo), para preguntarlle polo evento que se está a celebrar nesa vila ourensana: A "VII Festa do bullote e do choupín". Xa tivemos unha pequena conversa hai dúas semanas, pero hoxe queremos que nos dea informacións, en primicia, do que está a suceder.
Coral Polifónica "A CANDEA"- Viana do Bolo


A seguir temos a honra e o privilexio de comunicármonos, en primicia, con María Jesús, Presidenta e unha componente máis da Asociación Coral Polifónica "A CANDEA" de Viana do Bolo, que viñeron a Cataluña, como representantes de Galicia, para actuaren en diversos lugares, como "Lloret de Mar", no "Pueblo Español" de Barcelona e rematan as súas actuacións e interpretacións mañá no Auditorio de Girona, xunto con 14 Corais Internacionais. Agradecémoslle que tivera a deferencia de facernos partícipes de tales acontecementos e felicitámolos polo seu labor e traballo, desexándolles moitos éxitos nas súas intervencións. Ogallá que en vindeiras ocasións teñamos a oportunidade de disfrutar en directo das súas cancións, se voltan outra vez a Barcelona.


Na segunda hora comunicámonos con Galicia para falarmos, como cada semana, con Xulio Simón, o noso correspondente dende as Rías Baixas. Ten unha serie de informacións e comentarios moi axeitados sobre da actualidade cultural que está a suceder no seu entorno e sempre nos agasalla con algunha que outra lectura escollida  moi interesante e enriquecedora para todos. 


Unha pequena escolla de noticias varias e informacións relacionadas coa Cultura Galega e damos a coñecer diversas actividades previstas realizar pola Asociacón Cultural Galega Rosalía de Castro, para próximas datas: 29 de outubro Festa do Magosto, 5 e 6 de novembro Excursión ao Pirineo Andorrano, 12 de novembro: Asemblea Xeral da Entidade, 26 de novembro Certames Literarios... e seguen a celebrarse as clases de Gaita, Danza, Bailes de Salón... etcétera.


Poñémonos en contacto con Juan, o Presidente de Agarimos de Badalona, que nos fala da próxima Feira do Polbo de mañá e doutra interesante actividade da Asociación, moi arraigada entre os socios, posto que xa levan 14 anos facéndoa; trátase da Festa da Empanadaa, consistente na mostra-concurso de empanadas cociñadas polos socios da Entidade, para os que teñen previsto entregar dous premios: Un á Mellor Presentación e outro á Máis Saborosa e Gustosa. Tamén haberá Premios para os Roscóns tradicionais galegos. Haberá un Xurado (composto por persoas relacionadas coa gastronomía e restauración- un cociñeiro, un restaurador e "un larpeiro") que emitirá o fallo deses Premios.


No final da emisión comunicámonos con Paco Rivas, que dende a Mariña Lucense coméntanos algunha que outra cousa interesante e axúdanos a despedírmonos dos nosos oíntes-seguidores.
Voltamos a desexarlles que pasen unha feliz semana e convidámolos a que voltan a sintonizarnos o vindeiro sábado á mesma hora.

Ningún comentario:

SÁBADO 11 de XANEIRO do 2025

Primeiro programa do ano. Comezamos coa nosa sintonía, as salutacións e música de JAVI MANEIRO , a quen saudamos e felicitamos o novo ano e...