Comezamos unha nova tempada 2025-2026, desta emisión radiofónica "Semprengalicia", coa nosa sintonía (que pronto mudaremos), as salutacións oportunas e escoitaremos unha peciña musical para recibir a primeira conexión con Galicia, concretamente o noso correspondente
OSCAR REY, que nos fai coñecedores da súa crónica relacionada coas novidades da Costa da Morte. Tamén poden ampliar as noticias visitando a páxina
quepasanacosta.gal. Precisamente mañá, domingo, voltarase a escoitar esta emisión de hoxe en
Radio Roncudo, en
Radio Neria e en
Radio Fene.
A continuación puxémonos en contacto con
CAROLINA SILVA, Presidenta da
Asociación Pro Fundación Manoel Vello, que nos fai un pequeno relatorio de varias e interesantes novidades e eventos que teñen previsto realizar. Un primeiro a nivel europeo, en Hamburgo, na Universidade, homenaxe e posta en valor da poetisa Rosalía de Castro. Outro evento na Universidade Senior de A Coruña e un terceiro no concello de Souto Mayor, que próximamente nos ampliará en qué consistirá. Agradecémoslle a súa participación de hoxe e agardamos poder voltar a conversar para recibir máis información.
Poñémonos en contacto con
CÁTIA CARDOSO, xornalista, escritora e Poeta Portuguesa que foi elixida Mellor poema Portugués 2024, por Ari(T)mar, xunto con Elba Pedrosa. Un poema que está incluído no libro "matar aos dinosaurios". Mantemos unha cativa conversa con ela para coñecer un bocadiño máis da súa creatividade poética e participación activa en festivais poéticos. Asistirá o día 30 deste mes de outubro á gala que Ari(T)mar 2025, en Santiago de Compostela, para recibir o galardón que se lle entregará. Agradecémoslle a súa amable atención e desexamos que siga colleitando moitos éxitos.

Continuamos o programa escoitando algo máis de música, nesta ocasión do
"Grupo Musical AILÁ", para recibir a
XAN PAMPIN, un dos seus compoñentes, que nos fala da xira que fixeron este verán por Galicia, e a presentación do seu ultimo disco CD. O motivo desta chamada é para dar a coñecer a tódolos nosos escoitantes e seguidores que o vindeiro domingo día 12 teremos a oportunidade de escoitalos en directo con motivo da celebración da "Paella Popular" que se celebrará diante da nosa Asociación C.G.Rosalía de Castro, a organizadora deste evento. Tamén se poderá adquirir ese seu último traballo discográfico e aproveitar para que lle-lo asinen os seus creadores. Desexámoslles moitos éxitos.
Recibimos a crónica de FERNANDA FOLLANA NEIRA, dende Becerreá. Nesta ocasión indícanos que poderemos contar coa súa colaboración de correspondente con máis asiduidade, cousa que lle agradecemos. Esta primeira intervención consiste nun fermoso acontecemento relacionado coa restauración da igrexa da parroquia de Vilarello, no Concello de Cervantes. Coméntanos que esta restauración da igrexa e moi concretamente dos tres retábulos, datados no século dezasete, foi patrocinada e custeada enteiramente polos veciños e familias da parroquia.
Falamos con
XOAN ARCO DA VELLA, ese noso correspondente viaxeiro e reporteiro gráfico e audiovisual, que sempre ten algún recuncho ou lugar feiticeiro que nos propón visitar. Nesta ocasión achegouse a Aldán e aconséllanos achegarnos a contemplar un lugar que ten unha curiosa lenda, denominado "a cama do demo". Agradecémoslle a súa aportación e desexámoslle que siga nesa tarefa tan engaiolante.
A ultima intervención é a do noso correspondente XULIO SIMÓN RÚA nas Rías Baixas, concretamente dende Combarro, que nos envía a súa crónica cultural de novidades e noticias de grande interese que el mesmo escolle semanalmente e finaliza propoñéndonos escoitar unha peza musical axeitada e escollida para disfrute de tódolos escoitantes. Desexámoslle unha feliz semana.
Despedímonos e deixamos aquí o programa completo-enteiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario