Segundo Programa da Tempada 2011 - 2012
Comezamos este segundo programa dándolles a "Ben-vida" a todos aqueles que nos seguen e adiantándolles aquelo que tentamos levar adiante nestas dúas horiñas de radio, en galego, para todos vostedes. Insertamos a primeira peza de música que nos propoñen para sintonía. É do grupo Kerkenai, titulada Quercus, e que propúxoa un seguinte-oínte, concretamen Suso dende Mérida. Agradecémoslle-lo e desexamos que nos sigan enviando as súas suxerencias para podermos elexir a que máis lles guste no vindeiro programa do día 29 de outubro. Seguidamente conectamos con Galicia, concretamente coa "Baixa Limia", como xa prometiamos a semana pasada, e temos en antena a Xosé Lamela, que nos propón falarmos do Medio Ambiente, e tentamos poñernos en comunicación con José Benito Reza. Por moito que o intentamos non nos foi posible, así que deixámolo para outra ocasión na que as tecnoloxías no-lo permitan.
Seguimos co noso programiña e recibimos no noso estudio a Alfredo González Vilela, que ven acompañado de don Antonio Álvarez González, que é Vicepresidente e Letrado Asesor da Asociación Castaño e Nogal (para o impulso do desenrolo Rural e Medioambiental), de Quintá de Cancelada en Becerreá (Lugo). A verdade é que a conversa que mantivemos con eles foi todo un descubrimento e un ofrecemento do moito e moi bo que están a facer nesta Asociación. Seguro que todos aqueles que desexen facer o percorrido polo sendeiro que eles puxeron en valor disfrutarán. Ogallá houbera moitas máis asociacións deste tipo na nosa Galicia. Outro galo nos cantaría se esto se espallara polo noso rural.
Na segunda hora poñémonos en contacto con Xulio Simón, o noso correspondente das Rías Baixas, pero que nesta ocasión atópase na cidade de Lugo para asistir ás festas do San Frolián, e dende a capital fainos o seu percorrido escollido literario-cultural e semanal, co que nos ilustra a tódolos oíntes. Agradecémoslle-lo e desexamos voltar a conectar con el a vindeira semana.
No remate da nosa emisión recibimos a visita de LÍA, que ven acompañada do noso colaborador e compañeiro de emisión SERXIO SEOANE, que aproveita para saudarnos e mandarlle unha aperta moi especial a tódolos oíntes e seguidores do programa.
Nesta ocasión non tivemos tempo de poder conectar con Paco Rivas, o noso poeta da Mariña Lucense, pero emplazámolos para a vindeira semana que seguro teremos máis tempo e tentaremos manter unha conversa algo máis distendida con el e con algún que outro convidado máis.
Que pasen unha semana saudosa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario