Un sábado máis con todos vosoutros, tentando ofrecervos dúas horas de Radio en Galego. Comezamos coa nosa sintonía de sempre, as salutacións oportunas e escoitamos un bocadiño de música. A continuación poñémonos en contacto con
CONCHA, da Asociación Cultural TOXOS e XESTAS de Barcelona, que están a celebrar o "II Encontro Internacional da GAITA". Comezaron este evento tan importante pola mañá, con pasarúas e grande participación. Agora mesmo están a escoitar un Grupo Iraní, despois unha representación da A.C.G.Rosalía de Castro de Cornellà, antes da queimada a banda da propia Entidade e para finalizar o Concerto de SUSANA SEIVANE. Agradecémoslle a súa participación e información e desexamos que teñan moito éxito.
Despois de escoitar outro bocadiño de música poñémonos en contacto con
CLARA FARIÑA, compoñente do Grupo musical "Pandereteiras de Verducido" a quen parabenizamos porque o vindeiro día 29 de marzo, na Sé da nosa Entidade, A.C.G.Rosalía de Castro, teremos a honra de contar coa súa presencia e participación, porque nos impartirá unha Conferencia co título: "A muller na música e na vida". Agradecémoslle a súa participación desinteresada e comentamos con ela algo da súa traxectoria musical. Desexámoslle moita sorte e moito éxito nesa celebración.
Continuamos a emisión poñéndonos en contacto co noso corresponsal
XOAN ARCO DA VELLA, que sempre ten preparada unha intervención moi interesante. Nesta ocasión fálanos da súa asistencia ao Entroido de A Proba de Brollón, concretamente para disfrutar de
"O OSO de Salcedo". Unha figura do Entroido, ancestral e, moi interesante que se celebra cada ano nesa localidade Ribeirana. A súa función consiste en emborrallar con cinsa, coa axuda dos seus criados, aos asistentes e celebrar que comeza a primavera. Tamén interpreta un certo ritual relacionado coa fertilidade. Agradecémoslle a súa información tan descritiva e desexámoslle unha feliz semana.
Damos a coñecer algunhas novidades. Primeiro comunicamos a celebración da Asemblea Ordinaria da nosa A.C.G.Rosalía de Castro de Cornellá que terá lugar na propia Sede mañá, domingo a partir das 19h. Continuamos informando de varias actividades previstas polo Centro Galego de Barcelona.
Recibimos a crónica do noso correspondente na Costa da Morte, OSCAR M. REY CALO, que sempre ten preparada unha seire de informacións e noticias relacionadas con aquela contorna. Unha escolla resumida do que acontece por alí, e que se pode ampliar na páxina quepasnacosta.gal, chea de novidades. Tamén recorda que este programa volve a emitirse mañá. domingo en Radio Roncudo a partir das dez da mañá. Agradecémoslle a súa participación semanal e desexámoslle unha feliz semana.
A última intervención será a do noso correspondente nas Rías Baixas, concretamente dende Combarro, XULIO SIMÓN RÚA, que nos envía unha entrevista que lle fixo ao eminente Profesor don XESÚS ALONSO MONTERO. Nosoutros escollimos tan só un bocadiño dese traballo tan interesante, porque non queremos que os escoitantes e seguidores cansen coa longa charla que mantiveron. Polo tanto esta semana ofrecémoslle unha primeira parte que prometemos continuala a vindeira semana con outra segunda parte. ¡Que teñan unha feliz semana!
Deixamos aquí o programa Completo-Enteiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario