sábado, 1 de marzo de 2025

SÁBADO 1 de MARZO do 2025

Este primeiro día de marzo e día de Entroido festivo en moitas localidades e moi concretamente na nosa Galicia, comezamos unha nova emisión coa nosa sintonía de sempre, as salutacións e desexando que o noso compañeiro Armando Fernández siga recuperándose. Dámoslle as grazas ao noso técnico Kiko Belinchón, que é o responsable de que esto saia adiante con ben e escoitamos un bocadiño de música para poñernos en contacto co noso correspondente na Costa da Morte, OSCAR M. REY CALO, que nos ilustra coa súa crónica semanal de novidades e acontecementos destacados desta semana. Xa saben que se os poden ampliar na páxina quepasanacosta.gal e que este programiña volven a emitilo mañá domingo en Radio Roncudo a partir das 10 da mañá. Agradecémoslle a súa colaboración e participación.

A segunda convidada é dona MARIA ISABEL PICHEL SOUSA, grande comunicadora e escritora. Parabenizámola por estar elixida para ser Pregoeira da "XLII Festa da Filloa de Lestedo". Cóntanos cousas moi interesantes deste acontecemento que foi declarado Festa de Interese Nacional o ano pasado. Hoxe mesmo estase a celebrar a Festa Infantil da Filloa con participación moi abondosa e reparto de filloas para os asistentes. Fainos disfrutar e aprender, coas súas explicacións, de como se debe apoiar e fomentar o que os nosos antergos foron quen de transmitir a elaboración popular e ancestral: ese bon facer das filloas. Unha importantísima anotación é a participación, neste evento, dos Xenerais do Ulla e os Correos. Convida a tódolos nosos escoitantes e seguidores a que se acheguen a Lestedo para disfrutar desa grande Festa. Agradecémoslle a súa participación de hoxe.


Continuamos, escoitando a peza musical "Entroido" interpretada polo Grupo Musical "Uxía Lambona e a Banda Molona", que son os encargados de amenizar esta Festa Infantil da Filloa de Lestedo. Falamos con Serxio, máis coñecido na Banda como "Serghaño" e tamén con Uxía, a vocalista. Agradecémoslle a súa participación de hoxe e desexámoslles que sigan colleitando moitos éxitos.


Máis música para recibir aos seguintes interlocutores: o noso correspondente nas Rías Baixas, XULIO SIMÓN RÚA, concretamente dende Combarro e o cetreiro IÑAQUI ORGE, Campión Nacional de Cetrería. Saudámolos e parabenizamos a Iñaqui polo seu trofeo, non só deste ano, senón tamén de varios anos atrás. Recibimos unhas explicacións cheas de ensino e aprendizaxe, porque a súa conversa é ilustradora e moi afable. Unha fermosísima afición que engaiola a tódolos amantes da natureza e da caza ecolóxica. As aves das que nos fala son fermosos exemplares que paga a pena contemplar cómo aprenden a realizar eses vos tan perfectos para a captura á que están ensinados. Agradecémoslle a súa participación de hoxe no noso programa e desexamos que siga colleitando moitos éxitos.


Novamente conectamos con Galicia para recibir as novidades e interesantes comunicacións do noso correspondente XOAN ARCO DA VELLA. Nesta ocasión fálanos do "Entroido de AGUASANTAS" no Concello de Cerdedo, Cotobade. Estivo recollendo documentación, fotografías e conversas con responsables deste acontecemento Entroideiro, que veñen de recuperar, posto que estaba esquecido e medio abandonado, dende os anos sesenta. Fálanos da Momada, das madamas e madamitos, das vellas vestidas de negro, doutros disfraces típicos todos vestidos de branco, da Corrida do Galo, do Sermón do Entroido e do Enterro do Entroido. Os interesados poden consultar todo esto na súa páxina persoal. Prométenos falar a vindeira semana doutro Entroido Rural moi interesante. Despedímolo desexando que teña un Bon Entroido e unha feliz semana.


Deixamos aquí o programa Completo-Enteiro.

Ningún comentario:

SÁBADO 1 de MARZO do 2025

Este primeiro día de marzo e día de Entroido festivo en moitas localidades e moi concretamente na nosa Galicia, comezamos unha nova emisión ...