sábado, 22 de febreiro de 2025

SÁBADO 22 de FEBREIRO do 2025

Unha nova emisión deste programiño que pretende ofrecerlles dúas horas de Radio en Galego, con entrevistas, novidades, informacións e música. Comezamos coa nosa sintonía e as salutacións oportunas, desculpando a ausencia do noso compañeiro Armando Fernández, que aínda se atopa un pouquiño débil, pero dende aquí enviámoslle moitos ánimos para que se recupere canto antes e o mellor posible. Escoitamos, en primicia unha peza que nos envióu unha grande cantautora: "Fransy González" (de Xiradela), que acaba de publicar e que lle agradecemos e compartimos con todos vosoutros, para recibir ao noso correspondente na Costa da Morte, OSCAR M. REY CALO, que nos fai a súa crónica semanal con informacións moi interesantes.

Continuamos e escoitamos outra peza, primicia para tódolos nosos oíntes e seguidores, que corresponde a unha interpretación do Profesor e Mestre Gaiteiro e Flautista ÓSCAR IBÁÑEZ, xunto co tamén músico Portugués Daniel Pereira Cristo. Parabenizámolo porque acaba de estar participando, en BRAGA, no "Festival Cultural Galiza-Portugal" de Braga, e tamén o felicitamos porque o próximo día 15 de marzo dará un Concerto coa súa banda "Óscar Ibáñez&Tribo", no Auditorio Municipal do Concello de Vigo. Adiántanos que posiblemente teremos a oportunidade de escoitalo en directo no vindeiro verán, aquí e Barcelona. Cando teña xa concretadas as datas prometémonos voltar a falar con el para darlles máis información detallada. Desexamos que siga acadando moitos éxitos. 

Recibimos agora á nosa voz feminina do programa: MIRIAM RODRÍGUEZ, da Asociación C.G.Rosalía de Castro, que nos informa dos próximos acontecementos e actividades previstas: A Rúa do Entroido polas rúas da cidade de Cornellà, cos participantes da Entidade disfrazados e tocando os diversos instrumentos da Banda. O Xantar do Cocido, ao que teñen que apresurarse para apuntarse, porque xa case está cuberto o cupo de asistentes. A Asemblea Xeral para informar das actividades realizadas no ano pasado, as contas e as propostas e presuposto para este vindeiro curso. A Conferencia prevista para o día 29 de marzo, co título: "A Muller na música e na Vida", a cargo de Raquel, compoñente do Grupo Musical "As Cantareiras de Verducido". Despois haberá unha degustación de produtos ofrecidos polas mulleres e socios da Entidade. Seguimos escoitando algo máis de música.

Conectamos con Galicia para recibir cumprida información do Secretario Xeral do Partido Galeguista CHESQUI, Francisco López. Fálanos da recente presentación dun libro o pasado día 21, "Día Internacional do Idioma Materno". Proxectaron, tamén, un Documental proporcionado por "Xan Leira". Durante este ano teñen previsto realizar moitos actos con motivo do "Ano de Castelao", commemorando precisamente o 75 Cabodano de Castelao. Haberá presentación de libros, lecturas de poemas e música, acompañado de degustación gastronómica. Todo eso irá sucendendo ao longo de todo este ano 2025. Seguirá informándonos a medida que vaian facendo esas actuacións. Agradecémoslle a súa aportación.

Voltamos novamente a Galicia para falar con RAQUEL, da Asociación C.G. OS TORGUEIROS, en A Gudiña (Ourense). Felicitámola porque están a traballar na recuperación de varios elementos tradicionais e ancestrais relacionados co "Entrudio" e outros elementos específicos que teñen na zona, aínda que algo esquecidos. O pasado xoves celebraron o xoves de compadres, e para o vindeiro teñen previsto o "xoves de comadres". Agradecémoslle a súa amable atención e desexamos que sigan a disfrutar destas datas entroideiras cheas de engado popular.

Recibimos nos estudios ás "ROSALIEIRAS" da A.C.R.Rosalía de Castro de Cornellà". É unha honra e un pracer contar coa súa visita e presencia. Coméntanos algunha cousiña e deseguida escoitamos a interpretación dunha primeira peza: Valse de Moscoso.

Conectamos outra vez con Galicia, para recibir ao noso viaxeiro-etnógrafo e documentalista XOAN ARCO DA VELLA, que sempre ten algunha cousiña especial que descubrirnos. Nesta ocasión é a Ermida da XESTOSA, na comarca de Paradanta. Na parroquia de Prado, no Concello de Covelo. Esta capela é a máis elevada da provincia de Pontevedra, o chamado Faro de Avión atópase a máis de mil cen metros de altitude. Detrás da capela hai unha pedra de grandes dimensións que contén un sepulcro antropomórfico que se enche de auga milagreira para sanar enfermidades cutáneas, segundo a crenza popular. Agradecémoslle a información e despedímolo ate o vindeiro sábado.

Conversamos outro bocadiño coas "ROSALIEIRAS", que se presentan: Cris, Bárbara, Nuria, Andrea, Miriam, Inés e Aida, de momento porque posiblemente se incorporen algunhas máis, posto que hai canteira. Son as voces actuais deste grupo de cantareiras da Asociación que levan xa un tempo recollendo pezas musicais e interpretándoas en diversas actuacións nas que participaron ate o dagora. Precisamente teñen previsto actuar o vindeiro día 8 no "2ª Día Internacional da Gaita" que ten organizado a Asociación "Escola de Gaitas e Danzas Toxos e Xestas". Desexámoslles moitos éxitos. Volven a interpretar outra peza, en directo. Agradecémolles a súa visita.

Despedímonos escoitando a crónica do noso correspondente XULIO SIMÓN RÚA, nas Rías Baixas, Combarro concretamente, que nos fala de certas celebracións próximas, como a de mañá mesmo: O día de Rosalía, así como tamén doutras interesantes. Acaba propoñéndonos escoitar unha peza de música intepretada por Suso Vaamonde.

Deixamos aquí o programa Completo-Enteiro.

Ningún comentario:

SÁBADO 22 de FEBREIRO do 2025

Unha nova emisión deste programiño que pretende ofrecerlles dúas horas de Radio en Galego, con entrevistas, novidades, informacións e música...