martes, 14 de junio de 2011

11 de xuño do 2011


Este sábado comezamos escoitando unha "primicia" musical que nos enviaron os de LIORNA, despois seguimos con RIOBO ( Begoña Riobó, recoñecida violinista do panorama folk galego, sérvelle de nome á formación que lidera e mais ao primeiro disco da mesma. Riobó chega ás tendas da man de Zouma Records, e recupera melodías tradicionais con arranxos actuais dentro do estilo presentando 10 temas neste traballo. Para alén de Begoña, o grupo conta con Fernando Barroso (guitarra), Marcos Campos (gaita, acordeón e flautas), Xosé Liz (bouzouki), e Fernando Pérez (flautas e requinta). Begoña Riobó ten acompañado cos seus violíns de xeito habitual músicos como Carlos Núñez, Susana Seivane ou Anxo Lorenzo entre outros). Este disco enviónolo o noso colaborador SERXIO SEOANE, a quen lle mandamos a nosa máis sinceira salutación e gratitude pola súa aportación, xa que nos fai chegar moitas novidades relacionadas coa nosa música.
Dámoslle información das novidades que chegan á nosa Redacción e facemos un percorrido pola vida e obras de LOIS PEREIRO, a quen lle adican as LETRAS GALEGAS este ano. Tentamos facer un pequeno achegamento á súa obra e aproveitamos para dar lectura a algúns dos seus poemas.

Visítanos nos estudios, o Presidente da A.C.G.ROSALÍA DE CASTRO, don ALFONSO RICO, que ven a estar con nosoutros para comentar os Actos previstos realizar os días 23, 24, 25 e 26 de xuño en Can Mercader. A Festa Galega anual, que este ano coincide coa "Verbena de San Xoan" e coa FESTA MAJOR de Cornellà. Agardamos que tódolos nosos simpatizantes, amigos, e seguidores poidan disfrutar deses catro días de festa propostos.
A continuación comunicámonos con XOSÉ LAMELA, moi prezado colaborador que se atopa en Galicia, concretamente na Baixa Limia, a quen tentamos comprometer para que nos faga de correspondente dende a súa localidade, para tódolos nosos oíntes.Aproveita o noso Presidente, Sr. Rico, para convídalo aos actos da festividade que se realizarán a vindeira fin de semana do 23 ao 26 de xuño.
Deseguida mantemos unha pequena conversa-entrevista con FABIENNE, responsable da QUINTA DAS DELICIAS, en Portugal, concretamente en Santiaguinho-San Vicente de Lafoes, no Municipio de Oliveira de Frades. Indícanos que teñen varias ofertas de estancia para todos aqueles que desexen pasar uns días de lecer e descanso na súa Hospedaría. Seguro que terán unha estancia moi gorentosa, non só pola atención amable, familiar e de confianza que alí disfrutarán, senón tamén pola súa oferta moi asequible en prezo así como pola cocinha portuguesa e outras moitas variedades.

Terminamos o programiña de hoxe coa conversa que mantemos co Sr.Alcalde de Boimorto, don JOSE IGNACIO PORTOS VÁZQUEZ. Prométenos asistir tamén á Festa Galega en Can Mercader para saudar aos galegos que alí se concentren e tamén a algúns dos seus veciños que se acheguen ao Parque, xa que son varias as familias que procedentes de Boimorto que emigraron hai tempo a Cataluña.

Despedímonos cunha peza de música, como é habitual na nosa andaina e prometémoslle voltar a vindeira semana con máis novidades e con máis música da nosa. Será o último programa desta tempada 2010-2011, polo tanto pensamos facer un especial adicado a tódolos nosos seguidores, en especial aos internautas e "facebokeiros", que sempre nos envían as súas suxerencias e "chatean" con nosoutros.
¡Graciñas! e ata a vindeira semana.

No hay comentarios: