sábado, 1 de outubro de 2022

SÁBADO 01 de OUTUBRO do 2022 - NOVA TEMPADA 2022 - 2023

Comezamos unha nova xeira. Esta tempada 2022 - 2023 queremos que todos sigades sendo fieis ás nosas emisións e polo tanto teremos moitas e importantes novidades. Comezaremos con algunhas sorpresas que seguro serán do voso agrado e continuaremos coas colaboracións de anos anteriores, aínda que incorporaremos algunha cousa máis para irmos mellorando en todo aquelo que poidamos. Hoxe comezaremos coa nosa sintonía de sempre (que estamos traballando para mudala) e despois das salutacións de sempre conectamos con Galicia para falarmos co noso correspondente na Costa da Morte, OSCAR REY, que nos fai a súa crónica semanal con informacións e noticias moi interesantes.

Despois conectamos con DOMINGO DÍAZ, un dos organizadores da Festa de SAN FROILAN 2022, en Nou Barris. Infórmanos, ben polo miudo, dos diferentes actos previstos realizar os día 7, 8 e 9 de outubro. De tódalas intervencións destaca como estelar a actuación da Orquestra PANORAMA, na verbena do día 8 e na do día 9. Tamén nos indica que tamén se poden adquirir e degustar os productos galegos de calidade que terán en diversos puestos de atención ao público, e como non, a posibilidade de mercar o "polvo á feira" ou "á galega" como  el mesmo nos indica. Desexamos que teñan moita sorte e moita asistencia.

Temos a honra de recibir nos estudios ao noso Presidente da A.C.G.Rosalía de Castro, OLIVER FERNÁNDEZ. Descríbenos as diferentes actuacións que tiveron en Galicia, e nada máis chegar das vacacións dúas novas actuacións. Os cursos de Gaita, Danza, música, pandeireta e percusión, xa están en marcha. Tódolos interesados poden pasar pola Asociación e anotarse. Outras actividades: O Magosto previsto para o día 5 de novembro, as Xornadas Culturais, con campeonatos de xogos de mesa, Conferencias, Cea de convivio e fallo do "36 Certame de Poesía Rosalía de Castro" para o día 26 de novembro. Agradecémoslle a súa presencia.


Continuamos a emisión chamando a PURI ESCUREDO, unha escritora de Vilariño de Conso (Ourense) que está a piques de publicar unha novela que leva por título: DESTINO. Posiblemente teremos a ocasión de voltar a falar con ela no momento que esté xa no prelo, porque agora mesmo está na imprenta. Esta novela está baseada nunha fermosa historia que lle contou unha señora que veu de Buenos Aires a coñecer as aldeas dos seus antecesores, e este foi o verme que lle entrou para converterse nunha contadora-escritora. Desexámoslle moitos éxitos.

A segunda hora continuámola falando co noso correspondente nas Rías Baixas, XULIO SIMÓN, que tamén ten preparada a súa crónica semanal, sempre con aportacións culturais moi interesantes.

Despois falamos con ALBA CUQUEJO, Profesora de Galego en SANS. Tódolos interesados deberán poñerse na páxina auladidiomas.cat. Alí atoparán a forma de inscribirse para aprender algún idioma, e moi concretamente o Galego, así como tamén o Curso de preparación para o Celga. Agradecémoslle a súa amable colaboración e información tan precisa.

 

Conectamos co SR.RAMÓN, un Celtista de pro que nos conta a súa historia relacionada con esa "pasión" tan fonda que ten cara ao Real Club Celta de Vigo. Por mediación dun dos seus netos, que tamén é futbolista, achegouse a contemplar en directo un partido do seu equipo "o Celta" en Andorra, pero non estaba naquela ocasión o seu ídolo "Iago Aspas", estaba lesionado. Como se enteraron os da Directiva e tamén os xogadores, fixeron o posible para que puidera disfrutar presenciando un partido en directo no propio estadio de Balaídos, en Vigo. Unha grande emoción. Desexamos que siga disfrutando cos partidos do seu clube galego e pedímoslle que se cuide, que voltaremos a chamalo para que nos conte máis cousas desa súa aficción tan feiticeira e despedímolo desexando que gañe, o seu Celtiña, o próximo partido.

E finalizamos o programa de hoxe desexando que teñan unha feliz semana. colocamos aquí o programa completo. Ate o vindeiro sábado á mesma hora.


sábado, 25 de xuño de 2022

Sábado 25 de XUÑO do 2022

Neste último programa da tempada 2021-2022, teremos a ocasión de estrear, para tódolos nosos oíntes e seguidores un tema que nos chegou das "Tanxugueiras" que pertence ao seu próximo CD. Leva por título: Seghadoras, e recomendámosvos a escoita pola fermosa letra e mensaxe. Precisamente esa peza sérvenos para recibir a comunicación coa primeira convidada: PAULA CARBALLEIRA CABANA, Actriz, Licenciada en Filoloxía Hispánica, Contacontos, Escritora, membro da Compañía Teatral Berrobambám... ... Recíbenos moi amablemente. Está a participar no "XXIII FESTIVAL de CONTOS : En Úbeda se Cuenta". Agradecémoslle que nos atenda e parabenizámola polo seu traballo. Tamén lle preguntamos polos "Sete Falares", pola proposta de Crowdfunding : Que din as rumorosas. Maquinarias Teatro. Unha comedia coral sobre ser artista ... e muller. Tivemos pouco tempo, pero o suficiente para que os nosos oíntes se interesen pola traxectoria desta grande Artista. Prometémonos voltar a falar con ela.

A segunda conexión é co noso correspondente na Costa da Morte, Oskar da Fontiña, para recibir a súa crónica semanal e desexármonos mutuamente un feiticeiro verán para todos.

Despois achegámonos aos Ancares para falar coa nosa correspondente Fernanda Follana Neira, que tamén nos fai unha pequena crónica de sucesos e acontecementos daquela zona e desexa un bon verán a todos.

Continuamos a emisión escoitando a colaboración que nos envía o noso correspondente den Combarro, Xulio Simón. A inforamación novidosa de Xulio está moi relacionada co recente Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey-2022, que acadou Ismael Ramos a quen escoitamos tamén.

Despois aproveitamos que atopamos a Xulio nun pequeno decanso, no lugar onde se atopa para asistir ao "Festival Surfing the Lérez" en Pontevedra, para recibir unha cativa intervención súa e desexarnos a todos un bon verán.

A segunda hora comezámola conectando novamente con Galicia, e moi concretamente coa Costa da Morte, onde se atopa PEPE FORMOSO, do Bela Muxía e Bela Fisterra. Felicitámolo pola súa participación no recente VI Congreso Internacional de Calidade e Sotenibilidade Turística, como único representante galego. Tamén nos fala dalgunhas novidades interesantes que se realizan no Bela Fisterra e outras que se están preparando para o verán. Agradecémoslle a súa colaboración de hoxe.

Conversamos con CARLA PÉREZ CABANAS, do establecemento "SABOREA MONDOÑEDO" en FOZ, frente a praia da Rapadoira. Un establecmento especializado en produtos galegos "Groumet", de grande calidade. Agradecémoslle a súa atención e desexámoslle moita sorte e moitos éxitos.

Tamén felicitamos ao noso poeta da Mariña Luguesa, PACO RIVAS, que nos manda un saúdo moi cordial e agarimoso extensivo a tódolos nosos oíntes e seguidores para que pasen un feiticeiro verán.

A última conversa é con M.MANXELA, Licenciada en Belas Artes, Máster de Infografía Mediática, unha artista plástica e audiovisual, Diplomada en Óptica e Profesora. Concedeunos unha entrevista moi amena e interesante. Desexamos que siga colleitando moitos éxitos e que teña moita sorte neses seus proxectos nos que está involucrada.

¡Que teñan un Feliz VERÁN!



sábado, 11 de xuño de 2022

SÁBADO 11 de XUÑO do 2022

Outro programa máis con todos vosoutros. Despois da sintonía e das salutacións oportunas escoitamos un bocadiño de música e saudamos a dona FINA TIZON FRAGA, que hoxe nos visita acompañada do seu marido JUAN. Agradecémoslle a súa presencia nos estudios e parabenizámola porque ven a presentarnos un libro da súa autoría: "CESURAS Raíces". É unha primicia para tódolos nosos oíntes e seguidores, posto que acaba de saír do prelo. En vindeiras datas fará a súa presentación en diversos locais e na nosa Asociación "Rosalía de Castro de Cornella". Os interesados poden poñerse en contacto con Fina que poderán adquirilo e ademais seguro que lle-lo dedicará persoalmente.

A seguinte comunicación é co noso correspondente na Costa da Morte, OSCAR da FONTIÑA, que nos fai a súa crónica semanal bastante resumida pero con moito contido informativo. Voltamos a indicar que os interesados poden consultar tódalas noticias na páxina quepasanacosta.gal. Agradecémoslle a súa colaboración e despedímonos ate a vindeira semana.

Continuamos o programa e aproveitamos para falar outro bocadiño con FINA, que ademais de explicarnos algunha cousa máis do seu libro, tamén nos agasalla a tódolos nosos oíntes e seguidores coa lectura dun dos poemas que se atopan precisamente nesta libriño.

Falamos agora con PAULA MARTÍNEZ DÍAZ, unha moza de Ordes que nos fala da súa experiencia como gañadora dun relato curto, premiado no "Certame Manuel Rivas de Relatos curtos da Asociación Irmandade Galega de Rubí". Este ano estivo como membro do Xurado e compartimos inquedanzas. Agradecémoslle a colaboración de hoxe e prometémonos volver a falar con ela para ver se podemos conseguir que colabore con nosoutros no apartado de viñetas alusivas ao programa, xa que ela mesmo nos indicou que a súa grande afección é o debuxo e concretamente as viñetas.

A segunda hora comezámola conectando coa nosa correspondente nos Ancares Lugueses, Fernanda Follana Neira, que sempre ten preparada a súa crónica semanal para informarnos dalgunhas noticias da zona, e nesta ocasión máis concretamente relacionadas co Turismo Rural.

Despois escoitamos a crónica do noso correspondente nas Rías Baixas, concretamente Combarro, XULIO SIMÓN RÚA. A súa aportación é Cultural e moi ilustrativa. ¡Grazas, Xulio, e ate o vindeiro sábado!

Despedímonos dándolle as grazas á convidada de hoxe, FINA TIZÓN FRAGA, e convidámolos a que volvan a sintonizarnos o vindeiro sábado á mesma hora. 

Finalizamos co entrevista-conversa que mantivemos con María del Rosario Pita Villares, máis coñecida por CHARO PITA, Contacontos, Licenciada en Filoloxía Hispánica, Escritora, Narradora Oral, Actriz e cantante. Parabenizámola pola súa recente publicación: "Retratos en Branco e Negro". Tamén falamos do Premio acadado no Certame de poesía erótica iIllas Sisargas do 2020, por O cuarto de Jane. E aínda tivemos tempo para comentar algunha cousa máis, relacionada coa súa creatividade e as próximas actuacións previstas, así como dos proxectos que xa están en marcha. ¡Moitas Grazas por atendernos e Moitos éxitos CHARO!

Podedes escoitar aquí o programa enteiro:


sábado, 4 de xuño de 2022

4 de XUÑO do 2022

Unha nova emisión de "Semprengalicia". Dúas horiñasa de Radio en Galego, para seguirmos aprendendo e facendo o posible para que tódolos nosos oíntes e seguidores disfruten coas nosas propostas. Despois da sintonía e salutacións oportunas, escoitamos un bocadiño de música para recibir ao noso primeiro convidado: ANTÓN DE GUIZÁN, a quen saudamos e parabenizamos polo traballo que están a facer dende a NPG (Nova Poesía Guitirica). Recíbenos camiño de Padrón, onde asistirá á homenaxe que lle renderán ao grande Darío Xohan Cabana. Fálanos das actividades que están previstas para finais deste mes de xuño e das moitas que teñen preparadas e das que veñen realizando, como a da Feira do Libro de Vilalba, coa pregoeira dona LUZ AIRADO... ... Un pracer e unha honra poder contar coa súa participación hoxe.

O segundo convidado é ELIGIO SUEVOS, compoñente da Xunta Directiva do Centro Galego de Lleida. Fálanos da celebración do "Día das Letras Galegas 2022" que se realizará precisamente hoxe mesmo a partir das 19h. O acto consiste nunha obra presentada por "Furafollas" Agrupación Teatral, dirixido por Amparo Rodríguez de Deus e Anxo Baranga, baixo o título: "Movendo os marcos con Florencio". Agradecémoslle que nos informara con tanta precisión.

Tiñamos previsto falar co noso amigo, Henrique Fedez-Mon Sánchez; un dos Primeiros Presidentes da nosa Entidade A.C.G.Rosalía de Castro, con motivo da celebración do 40 aniversario desta nosa Radio, pero non foi posible.

Despois recibimos a crónica do noso correspondente na Costa da Morte OSCAR DA FONTIÑA, que nos fai un percorrido informativo, escollido por el, e que se pode ampliar na páxina quepasanacosta.gal, como vimos anunciando cada semana.

A continuación recibimos a crónica Cultural do noso correspondente nas Rías Baixas, XULIO SIMÓN. Esta semana fainos unha descrición moi pormenorizada do escritor recentemente falecido Domingo Villar.

Seguimos, na segunda hora conectando coa nosa correspondente nos Ancares Lugueses, FERNANDA FOLLANA NEIRA. Coméntanos que seguen traballando para reivindicar o apoio ao Instituto de Becerreá. Danos informacións varias relacionadas con aquela controna. ¡Grazas Fernanda!

Conectamos co noso poeta da Mariña, PACO RIVAS. Agasállanos coa lectura de varios poemas da súa creación. Enviámoslle os nosos mellores desexos de sorte nas presentacións previstas, e moitos éxitos.

Escoitamos agora a entrevista que nos concedeu dona HELENA MIGUELEZ CARBALLEIRA, Doutora en Filoloxía Inglesa, escritora e Profesora na Universidade de Bangor (norte de Escocia), que ven de estar presente nun acto de relevancia cultural na cidade Condal e que aproveita para promocionar a revista Clara Corbelhe.gal, da que é unha das responsables. Tamén nos fala do seu libro: "Galiza un pobo Sentimental?" Agradecémoslle a súa participación no noso programa e desexámoslle moitos éxitos.

Ate o vindeiro sábado. Que teñan unha feliz semana. Aquí deixamos o programa completo.


luns, 23 de maio de 2022

SÁBADO 21 de MAIO do 2022

Poñémonos hoxe a traballar para ofrecervos o programa do pasado sábado día 21, que por mor de certos atrancos informáticos e técnicos non puidemos subilo o mesmo sábado, coma sempre. Iniciamos a emisión coa nosa sintonía e ofrecémoslle unha peza de música que interpreta o Grupo Musical "PELEPAU", para recibir a ALEXANDRE, compoñente deste grupo de música tradicional galega. Falamos da próxima actuación que terá lugar o día 17 de XUÑO no Parque de Can Mercader, en Cornellà, con motivo da "Festa Celta" que organiza a A.C.G.Rosalía de Castro durante os día 17, 18 e 19 de XUÑO. Agradecémoslle a súa participación no programa de hoxe e desexámoslles moitos éxitos.

O segundo convidado é MANUEL VAZQUEZ OSORIO, Presidente do Centro Galego NÓS, de Sabadell, que están celebrando a "30 Festa Galega en Sabadell". Convida a tódolos oíntes e simpatizantes para que se acheguen á Avenida Francesc Macià e disfruten desta grande celebración.

Recibimos a continuación ao noso amigo e colborador HENRIQUE FEDEZ-MON SANCHEZ, que comparte connosco a súa visita á cidade amurallada de Galicia, Lugo. Coméntanos algunhas cousas relacionadas coa capital luguesa.

Seguimos, na segunda hora, conectando co noso Poeta da Mariña Luguesa, PACO RIVAS, que sempre ten algunha novidade que informarnos, aínda que hoxe tan só queremos que nos fale dese seu último libro que leva por título: ROMANCE DE DON DINIS E DONA HELENA. Agradecémoslle a lectura que nos regala e desexámoslle moitos éxitos.

Seguimos coa crónica do noso correspondente na Costa da Morte, OSKAR da FONTIÑA, que fai un resumo das novidades e acontecementos máis importantes desta semana. Xa sabe tódolos nosos oíntes e seguidores que poden ampliar as informacións na páxina quepasanacosta.gal. 

E finalizamos as intervencións de hoxe coa estimadísima colaboración do noso amigo LUIS LOSADA, dende Pontevedra que nos axuda a coñecer, máis polo miúdo, ese poemario tan interesante de CLARA VIDAL: A (DES) MEMORIA. Agradecémoslle a súa estimada aportación.

Ate a vindeira semana. Aquí deixamos o programa completo.

domingo, 15 de maio de 2022

SÁBADO 14 de MAIO do 2022

Comeza o programa con Armando Fernández e Manuel Rodríguez Julián nos estudios, xunto co noso técnico Kiko Belinchón. Despois da sintonía, das salutacións oportunas e unha peciña de música, conectamos con ANTONIO DÍAZ, Director da Revista "LUA NOVA". Mantemos unha conversa relacionada con actividades da A.C.G. Rosalía de Castro, como son a revista "LÚA NOVA", unha viaxe a Galicia, a próxima Festa Galega de Can Mercader, a divulgación das Baxes do "XXXVI Certame de Poesía en Língua Galega Rosalía de Castro" de Cornellà e algunha cousiña máis.

A segunda convidada é a correspondente nos Ancares, Fernanda Follana Neira. A pesar de ter preparada a súa crónica semanal tamén mantén unha conversa interesante con ámbolos dous contertulios de hoxe, sobre o Caurel, lugar de nacenza de Manuel.

Despois mantemos unha cativa conversa entre un servidor, Couxil e os dous encargados do programa de hoxe, Armando e Manuel, que están a dirixir este programa con moito acerto.

A seguinte convidada é dona OLGA NOVOA, unha poeta moi involucrada na revista "NÓS a XENTE do REDOR"de Ourense que comenta algunha das súas aficcións e dedicación especial, relacionadas coa creatividade escrita e poética. Tamén agasalla aos oíntes coa lectura dun poema. ¡Grazas Olga!

A crónica do noso correspondente na Costa da Morte, OSCAR da FONTIÑA é a seguinte participación no programa de hoxe.

Tamén recibimos a invitación dun responsable da Asociación Cultural AGARIMOS de BADALONA, que están de celebración esta fin de semana: "25 Aniversario da súa Fundación".

 

Escoitamos a crónica do noso correspondente nas Rías Baixas, concretamente dende Combarro, Xulio Simón, chea de información cultural e proposta de lecturas moi interesantes.

Despedimos o programa ata o vindeiro sábado.

E colgamos o programa enteiro.

sábado, 7 de maio de 2022

SÁBADO 7 de MAIO do 2022

Comezamos unha nova emisión deste noso programiño disculpando a presencia do compañeiro Armando Fernández que hoxe non poderá estar nos estudos connosco, pero tentaremos falar con el aínda que sexa tan só para felicitalo polo seu cumpleanos. Ofrecémoslles unha peciña de música que nos servirá para darlle a ben-vinda á nosa primeira convidada, dona ANTÍA YÁÑEZ RODRÍGUEZ, escritora galega (nada en Burela) que ven de acadar o XIX Premio Xoan Carballeira que convoca o Concello de Bueu. Felicitámola e agradecémoslle a súa amable atención. Desexámoslle que siga colleitando moito éxitos.


O segundo convidado é PEPE FORMOSO, ademais de periodista é empresario e xerente do Hotel Bela Fisterra e tamén Bela Muxía. Agradecémoslle que nos reciba e felicitámolo por ter organizado para o vindeiro luns día nove, unha "Homenaxe a Pazos de Merexo". Explícanos moi sucintamente quen era Pazos, cómo organizaou este evento no que participarán unha man chea de artistas e amigos que foron de Pazos... ... E convídanos a participar a todos mediante as redes sociais, xa que se transmitarán en directo as actividades programadas. Foi unha honra poder "entrevistar-conversar" con Pepe. Curioso o apunte tan interesante sobre o parecido entre o rodaballo e a galiña (paga a pena escoitalo). Seguiremos a súa traxectoria e ben seguro que voltaremos a incomodalo para que nos informe doutros eventos que poida organizar. ¡Moitas Grazas, Pepe!


A seguir, voltamos a conectar con Galicia para falarmos con SESO DURÁN, Profesor de música e cantautor que acaba de publicar un CD titulado "ASCENSIÓN" e que fixo recentemente a súa presentación en Vigo. Continuará facendo unha xira por Galicia adiante. Mantemos unha conversa que versa sobre a creación deste disco e as diversas cancións, en especial "O país non país" e a composición desa grande aportación musical do seu grupo. Agradecémoslle a súa participación e desexámoslle moita sorte e moitos éxitos.


Continuamos a segunda hora conectando con XURXO SOUTO, cantante, acordeonista, escritor, actor, director e locutor. É licenciado en Filoloxía clásica e grande amigo. Recibímolo escoitando un bocado de música precisamente de Pazos de Merexo. Será un dos artistas convidados para facerlle a Homenaxe prevista para o luns vindeiro en Fisterra. Cóntanos unhas cantas anécdotas da vida deste músico tan querido e admirado na Costa da Morte. Agradecémoslle a súa aportación que hoxe nosoutros convertímola en humilde homenaxe radiofónico á súa memoria.

Aproveitamos para falar con ARMANDO FERNÁNDEZ, para felicitalo e comentar con el cómo está a disfrutar desa Festa polo seu cumpleanos. Tamén saudamos a Maribel Casabella, que o acompaña na celebración. Desexamos que siga disfrutando do "seu día".

E a colaboración-crónica semanal do noso correspondente na Costa da Morte, OSKAR DA FONTIÑA, sérvenos para finalizar o programa de hoxe. Se queren ampliar as informacións recibirdas teñen que entrar na páxina "quepasanacosta.com".

Despedímonos ate o vindeiro sábado, deixando aquí o programa completo.

SÁBADO 27 de XUÑO do 2026

  PROGRAMA ESPECIAL CELEBRANDO O 40 ANIVERSARIO DA EMISIÓN "SEMPRENGALICIA"   EN RADIO CORNELLÀ Estamos na Sé da Asociación C.G.Ro...