sábado, 1 de outubro de 2022

SÁBADO 01 de OUTUBRO do 2022 - NOVA TEMPADA 2022 - 2023

Comezamos unha nova xeira. Esta tempada 2022 - 2023 queremos que todos sigades sendo fieis ás nosas emisións e polo tanto teremos moitas e importantes novidades. Comezaremos con algunhas sorpresas que seguro serán do voso agrado e continuaremos coas colaboracións de anos anteriores, aínda que incorporaremos algunha cousa máis para irmos mellorando en todo aquelo que poidamos. Hoxe comezaremos coa nosa sintonía de sempre (que estamos traballando para mudala) e despois das salutacións de sempre conectamos con Galicia para falarmos co noso correspondente na Costa da Morte, OSCAR REY, que nos fai a súa crónica semanal con informacións e noticias moi interesantes.

Despois conectamos con DOMINGO DÍAZ, un dos organizadores da Festa de SAN FROILAN 2022, en Nou Barris. Infórmanos, ben polo miudo, dos diferentes actos previstos realizar os día 7, 8 e 9 de outubro. De tódalas intervencións destaca como estelar a actuación da Orquestra PANORAMA, na verbena do día 8 e na do día 9. Tamén nos indica que tamén se poden adquirir e degustar os productos galegos de calidade que terán en diversos puestos de atención ao público, e como non, a posibilidade de mercar o "polvo á feira" ou "á galega" como  el mesmo nos indica. Desexamos que teñan moita sorte e moita asistencia.

Temos a honra de recibir nos estudios ao noso Presidente da A.C.G.Rosalía de Castro, OLIVER FERNÁNDEZ. Descríbenos as diferentes actuacións que tiveron en Galicia, e nada máis chegar das vacacións dúas novas actuacións. Os cursos de Gaita, Danza, música, pandeireta e percusión, xa están en marcha. Tódolos interesados poden pasar pola Asociación e anotarse. Outras actividades: O Magosto previsto para o día 5 de novembro, as Xornadas Culturais, con campeonatos de xogos de mesa, Conferencias, Cea de convivio e fallo do "36 Certame de Poesía Rosalía de Castro" para o día 26 de novembro. Agradecémoslle a súa presencia.


Continuamos a emisión chamando a PURI ESCUREDO, unha escritora de Vilariño de Conso (Ourense) que está a piques de publicar unha novela que leva por título: DESTINO. Posiblemente teremos a ocasión de voltar a falar con ela no momento que esté xa no prelo, porque agora mesmo está na imprenta. Esta novela está baseada nunha fermosa historia que lle contou unha señora que veu de Buenos Aires a coñecer as aldeas dos seus antecesores, e este foi o verme que lle entrou para converterse nunha contadora-escritora. Desexámoslle moitos éxitos.

A segunda hora continuámola falando co noso correspondente nas Rías Baixas, XULIO SIMÓN, que tamén ten preparada a súa crónica semanal, sempre con aportacións culturais moi interesantes.

Despois falamos con ALBA CUQUEJO, Profesora de Galego en SANS. Tódolos interesados deberán poñerse na páxina auladidiomas.cat. Alí atoparán a forma de inscribirse para aprender algún idioma, e moi concretamente o Galego, así como tamén o Curso de preparación para o Celga. Agradecémoslle a súa amable colaboración e información tan precisa.

 

Conectamos co SR.RAMÓN, un Celtista de pro que nos conta a súa historia relacionada con esa "pasión" tan fonda que ten cara ao Real Club Celta de Vigo. Por mediación dun dos seus netos, que tamén é futbolista, achegouse a contemplar en directo un partido do seu equipo "o Celta" en Andorra, pero non estaba naquela ocasión o seu ídolo "Iago Aspas", estaba lesionado. Como se enteraron os da Directiva e tamén os xogadores, fixeron o posible para que puidera disfrutar presenciando un partido en directo no propio estadio de Balaídos, en Vigo. Unha grande emoción. Desexamos que siga disfrutando cos partidos do seu clube galego e pedímoslle que se cuide, que voltaremos a chamalo para que nos conte máis cousas desa súa aficción tan feiticeira e despedímolo desexando que gañe, o seu Celtiña, o próximo partido.

E finalizamos o programa de hoxe desexando que teñan unha feliz semana. colocamos aquí o programa completo. Ate o vindeiro sábado á mesma hora.


Ningún comentario:

SÁBADO 23 de NOVEMBRO do 2024

Unha semaniña máis con todos vostedes. Tentamos levar adiante este programa con ánimos de aprender e procurar ofrecervos dúas horas de Radio...