sábado, 17 de xaneiro de 2026

SÁBADO 17 de XANEIRO do 2026

Unha emisión máis, como cada sábado. Comezamos coa nosa sintonía, as salutacións e un bocadiño de música para darlle paso ao primeiro convidado, que é o noso correspondente na Costa da Morte, OSCAR MANUEL REY CALO, que sempre ten preparada unha crónica resumida das noticias máis salientables daquela contorna. Sempre nos lembra que se poden ampliar estas e outras novidades na páxina quepasanacosta.gal e que mañá, domingo, volverase a emitir este noso programa a partir das dez da mañá, en Radio Roncudo. Agradecémoslle a súa participación e colaboración e desexamos que teña unha feliz semana.

A continuación escoitamos unha peza que leva por título: "A Miña Mellor Versión". Unha primicia que nos fixo chegar o cantautor JAVI MANEIRO (anterior compoñente de Herdeiros da Crus). Este novo single é unha primicia para tódolos nosos escoitantes e sérvenos precisamente para recibir ao propio autor, a quen saudamos cordialmente e agradecemos que nos faga partícipe desa súa nova creación musical. Segundo nos comenta este tema servirá como punto de partida dunha nova xeira creativa e musical que continuará coa publicación doutro single no mes de marzo. Desexamos que teña moito éxito.

Recibimos a colaboración do noso correspondente viaxeiro e reporteiro gráfico XOAN ARCO DA VELLA, que cada semana nos ten preparada unha proposta visitable chea de engado e non moi coñecida para tódolos nosos escoitantes e seguidores. Nesta ocasión fainos un pequeno percorrido e descrición do lugar escollido: "Pedra da Serpe", no Castro de Penalba en Campo Lameiro. Esta localidade é considerada a capital da Arte Rupestre na provincia de Pontevedra, pola gran cantidade de petróglifos que se poden visitar e contemplar, ademais de dispoñer dun centro de interpretación moi recomendable. Agradecémoslle a súa aportación, que sempre é moi ben recibida por nosoutros e polos nosos escoitantes e seguidores.

Falamos con Fernanda Follana Neira, a nosa correspondente nos Ancares Lugueses, concretamente dende Becerreá. É a súa primeira intervención este ano que comezamos. Coméntanos algunhas e interesantes cousas da zona. Danos a coñecer un artigo moi recomendable, publicado esta semana pasada na Voz de Galicia, no que a súa autora (a periodista Paula) fai un percorrido polas cantinas e bares que se atopan nalgunhas parroquias daquelas contornas, que fan de centros sociais para os veciños e suxire que precisamente pola súa utilidade social deberían ter algunha axuda oficial por manterse abertos. Un exemplo é a "Casa do Roxo" (rexentada por Sonia) no Fabal. Moitas grazas e ata o sábado próximo.

A seguinte gravación é unha lectura do poema de Curros Enríquez: "MIRANDO AO CHAO", xunto cunha pequena explicación sobre as Letras Galegas deste ano 2026, que se adicarán a Begoña Caamaño, e rematamos cunha peza musical.

Deixamos aquí o programa Completo-Enteiro. Lembramos aos nosos escoitantes e seguidores que este programa tamén se re-emitirá novamente en Radio FENE.

Ningún comentario:

SÁBADO 17 de XANEIRO do 2026

Unha emisión máis, como cada sábado. Comezamos coa nosa sintonía, as salutacións e un bocadiño de música para darlle paso ao primeiro convid...