sábado, 4 de novembro de 2023

SÁBADO 4 de NOVEMBRO do 2023

Un sábado máis con todos vosoutros, para ofrecervos dúas horiñas de Radio en Galego. Comezamos coa nosa sintonía de sempre e despois das salutacións e a proposta de escoitar un bocadiño de música, conectamos con Galicia para conversar con SECUNDINO FERNÁNDEZ, representante do BNG en Viana do Bolo, a quen lle solicitamos que nos faga unha pequena descrición do que está a acontecer naquela contorna relacionado coa explotación mineira na localidade de Penouta, que pertence precisamente a ese Concello. A verdade é que están moi preocupados xa que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia emitiu unha orde de paralización desa mina, na que están a traballar nada menos que 129 persoas. Non só afecta a esas familias senón que tamén eso prexudicaría a varias empresas subcontratadas e unha merma de actividade en todo o entorno e Concellos limítrofes, xa que moitos dos empregados son de localidades veciñas. Tamén nos comenta, a nivel político, a opinión sobre os pactos que o partido socialista está a ter con Cataluña e a proposta do seu partido para acadar a gobernabilidade. Agradecémoslle a súa participación e desexámoslles que teñan moita sorte para que se poida seguir traballando en Penouta, a única Mina de Coltan de Europa.

Despois doutro bocadiño de música conectamos co noso correspondente na Costa da Morte, OSCAR REY CALO, que xa ten preparada a súa crónica semanal con informacións e novidades moi interesantes sobre aquela zona galega, que se pode ampliar abondosamente e con amplitide na páxina quepasanacosta.gal, como vimos informando en cada emisión. Tamén el mesmo nos lembra, cousa que lle agradecemos, a re-emisión deste programa os domingos en Radio Roncudo, e da que temos constancia que é moi ben recibida e consultada por moitos escoitantes e seguidores. Desexamos que teña unha feliz semana.

A continuación recibimos a MIGUEL ANXO MATO FONDO, poeta e escritor que nos sorprenda cunha creación poética feiticeira: "Endreça per Joan Miró". Agasállanos coa súa lectura, primeiro en catalán e despois en galego. Parabenizámolo por esta poesía e tamén poloa presentación do seu ultimo libro de poemas na libraría Eixo de Ourense, acompañado de grandes amigos poetas e escritores. É unha honra e un placer poder contar con colaboracións desinteresadas como nos aporta Miguel Anxo. Agradecémoslle a súa participación e desexámoslle moitos éxitos na súa creatividade.

Conectamos coa nosa correspondente nos Ancares Lugueses, concretamente dende Becerreá, FERNANDA FOLLANA NEIRA, fainos unha intervención informativa sobre algúns aconteceres. Breve comunicación xa que o temporal que está azoutando Galicia (borrasca Ciara e borrasca Domingos) impide poder saír a pasear ou achegarse a ningún lugar,  o mellor é acollerse para non ter ningún percance. Agradecémoslle a súa participación de hoxe.

Damos a coñecer algunhas informacións que nos chegan á Redacción, como o Recital Poético que se realizará o vindeiro día 11 no Centro Galego de Barcelona a partir das 6h da tarde, na que participarán Tamara Andrés, Sara Villar Aira e Ánxela Lema París. Os Magostos que celebra a A.C.G.SAUDADE de Barcelona e a Asociación AGARIMOS de Badalona, hoxe mesmo. Tamén comunicamos que poden asistir ao Magosto que celebra a A.C.G.Rosalía de Castro na rúa Federico Soler, 71 a partir das 20:30h, diante da Entidade. Estan todos convidados. Despedímonos ate o vindeiro sábado á mesma hora.

Escoitamos a colaboración de LUIS LOSADA, co envío das súas PALABRA VOADORAS, nas que nos fai partícipe do libro de Brais Lamela, con apuntes moi interesantes para os lectores e invítanos a súa lectura. Agradecémoslle esta aportación cultural ao noso programa.

Despois fálanos XULIO SIMÓN RÚA, dende as Rías Baixas, concretamente dende Combarro. Mándanos a súa crónica semanal con apuntes tamén culturais moi interesantes, finalizando a súa intervención propoñéndonos escoitar unha peza de Mafalda Arnauth feiticeira: "Bendito Fado, Bendita Gente".

 

Deixamos aquí o programa enteiro.


Ningún comentario:

SÁBADO 26 de OTUBRO do 2024

Unha semana máis, como cada sábado, outra emisión do noso programa, con entrevistas, música e noticias dende Galicia. Comezamos coa nosa sin...