sábado, 25 de novembro de 2023

SÁBADO 25 de NOVEMBRO do 2023

Outro programa máis, de dúas horas en galego. Comezamos coa nosa sintonía de sempre e despois das salutacións escoitamos un bocadiño de música para recibir ao noso correspondente na Costa da Morte, OSCAR REY CALO, que nos fai un resumo das noticias máis salientables daquela contorna, extraidas da páxina quepasanacosta.gal, na que poden ampliar a información que nos adianta semanalmente. Agradecémoslle a súa aportación e desexamos que teña unha feliz semana.

Escoitamos o comezo dunha peza interpretada co piano, de ALBERTO VILAS, precisamente con el mesmo conectamos. É Profesor de música no Conservatorio de Pontevedra e xa ten recibido varios premios, concretamente o Martín Codax. Parabenizámolo porque, como el mesmo nos anuncia, en quince días publicarase un CD que leva por título: "Once cancións e unha danza". Unha obra moi especial que conten moitas e interesantes interpretacións populares, moi especialmente a "Danza das espadas", unha peza moi antiga e tradicional de Redondela. Prometémonos voltar a conectar con el cando xa estea no prelo esa publicación, á que lle auguramos moita sorte.

Continuamos a emisión escoitando a "Virtudes" a actriz "repunante", inventada por "Meryfos_", que ten moitos seguidores precisamente en MIAMI (EE.UU.) a donde nos diriximos para conectar e comunicarnos con FINA, unha seguidora e escoitante dos nosos programas. Precisamente foi ela a que nos pediu que lle fixeramos unha entrevista a esa artista. Agradecémoslle a súa atención e audición semanal, así como tamén que comparta as nosas programacións cos seus seguidores e nas súas redes. Para nosoutros é un pracer e unha honra que nos sigan dende o outro lado do Atlántico. Forte aperta, Fina.

Conversamos con XOSÉ GONZÁLEZ MARTÍNEZ, Presidente do Foro Peinador. Recibímolo concretamente con música de "Treixadura" para lembrar esa celebración tan especial na que estivo participando na honra a Domingo Lorenzo - "Mingos", no cemiterio de Barcia de Mera (Covelo), con motivo do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galiza. Precisamente mañá mesmo volverán a realizar un acto no cemiterio de Vilar de Santos (A Limia), coa colocación dunha placa conmemorativa para a recuperación de espazos da Língua Galega. Tamén nos comenta a celebración doutros actos relacionados co emprego do idioma en empresas de grande relevancia, e a entrega do bacelo de prata á Adega Tapias de Mariñan. Agradecémoslle a súa aportación no noso programa de hoxe.

A crónica da nosa correspondente nos Ancares Lugueses, a cargo da nosa correspondente FERNANDA FOLLANA NEIRA, está moi centrada na recuperación das viñas dunha localidade moi concreta, ribeira do río Navia: COEA. Posiblemente sexa unha das explotacións vinícolas máis interesantes que se levarán a cabo nesa zona e ao parecer teñne moi boas referencia e espectativas de producción. Agradecémoslle a súa aportación tan interesante. Por certo compartimos unha das fotos que nos mandou, concretamente o Mural do que xa tiñamos falado.

 

Entrevistamos a SU GARRIDO POMBO, unha cantautora e compositora galega. Escoitamos algo de música do seu ultimo CD.: PATIOS DE LUZ. Saudámola e felicitámola porque a próxima semana, concretamente o día dous de decembro, virá a Barcelona para deleitarnos cunha actuación en directo na Ateneu Roig de Gracia-BCN. Fálanos da súa creatividade musical das interpretacións ultimas, concretamente a que fixo esoutro día na Fundación Castro Alves-BINNAR, en Portugal. Prepararémos para disfrutar coas súas interpretacións a próxima fin de semana. Desexámoslle moitos éxitos.

E despedímonos ate o vindeiro sábado á mesma hora. Deixamos aquí o programa enteiro.

Ningún comentario:

SÁBADO 26 de OTUBRO do 2024

Unha semana máis, como cada sábado, outra emisión do noso programa, con entrevistas, música e noticias dende Galicia. Comezamos coa nosa sin...