sábado, 26 de marzo de 2022

SÁBADO 26 de MARZO do 2022

Antía Muiño Sánchez

Comezamos coa nosa sintonía de sempre e despois das salutacións de costume ofrecémoslle unha peza de música para recibir a nosa primeira convidada:
ANTÍA MUIÑO SÁNCHEZ. Saudámola e comentamos con ela parte da súa traxectoria como cantautora. Felicitámola porque foi convidada por Xabier Díaz para participar no seu próximo CD que levará por título "Levantarse e caer". Coméntanos que está a preparar a grabación dun seu CD con cancións da súa autoría e na que contará con colaboracións musicais moi importantes. Desexámoslle moitos éxitos e comprometémonos a falar con ela para sermos primicia en Cataluña cando teña xa preparado ese seu próximo traballo musical.


CHEF Xosé Carlos
Conectamos novamente con Galicia para falarmos con XOSÉ CARLOS GÓMEZ, CHEF do PAZO de TOUBES. Buque insignia da Adega "Viña Costeira". Un Pazo do século XVIII, no medio da natureza e rodeado de viñas, situado en Cenlle, cuna do Ribeiro. Un lugar excepcional para poder realizar calquera evento de ensoño, unha boda, unha reunión empresarial, unha despedida, unha Festa sorpresa... etcétera. Fálanos das ofertas gastronómicas que se poden disfrutar naquel fermoso entorno, da posibilidade de facer unha visita guiada, degustación e cata dos viños, así como da estancia e do Enoturismo que ofrecen. Agradecémoslle a súa amable atención e desexamos que teñan moitos éxitos.


A continuación dámoslle paso ao noso correspondente nas Rías Baixas, concretamente dende Combarro, Xulio Simón Rúa, que sempre ten a súa crónica semanal moi acaída e relacionada coa actualidade.

Tamén recibimos a crónica do noso correspondente na Costa da Morte, Oskar da Fontiña. Noticias e cominicacións escollidas e que se poden ampliar na páxina de quepasanacosta.gal, que sempre nos recomenda el mesmo. Mandámoslle o noso agradecemento pola súa colaboración.


Juan Pedro - Couxil - Marcos - Armando e Cristina
A ultima intervención é a do Presidente de ASOBECAT, Juan Pedro Sánchez, que nos presenta ao Ilmo.Sr.Alcalde de SANCEDO, don MARCOS ALVAREZ, que está acompañado da Concelleira de Cultura dona CRISTINA PÉREZ. Será o Concello Homenaxeado do "XVIII Festival do Botillo 2022" o vindeiro día 2 de ABRIL. Agradecémoslles a súa colaboración de hoxe.



E despedímonos ate o vindeiro sábado á mesma hora. 
¡Sexan felices!

sábado, 19 de marzo de 2022

SÁBADO 19 de MARZO do 2022

Neste día do San Xosé comezamos, como cada semana coa nosa sintonía, dándolles a ben-vida e agradecéndolles a súa escoita. Poñemos un bocadiño de música e conectamos coa nosa primeira convidada. É a segunda vez que contactamos coa científica galega SONIA VILLAPOL, Neurocientífica, Investigadora no Medical Center de Houston,  integrante dun grupo de científicos de 28 Institucións punteiras no mundo da investigación do Covid-19. Agradecémoslle a súa atención e recibimos unha pequena lección de cómo debemos atender a actual situación desa pandemia que aínda non acabou e que temos que seguir atendendo con moito "sentidiño". Fálanos da covid persistente. Moi importante e moi a ter en conta polas consecuencias e polas secuelas. Felicitámola polo seu traballo e seguiremos "incomodándoa" para que nos siga informando. ¡Moitísimas grazas, Sonia!

A seguinte intervención é a do noso correspondente na Costa da Morte, OSKAR da FONTIÑA coa súa crónica semanal. Importante aportación á nosa emisión semanal, que despois escóitase en diferido en Radio Roncudo os domingos de 12 a 14 horas. Saiban que tamén se poden ampliar as informacións que nos aporta Oskar na páxina "quepasanacosta.gal"¡Moitas grazas, pola vosa inestimable colaboración!

Despois conectamos con Galicia, concretamente con Castro Caldelas onde se atopa Rocío, da "Queixería Touza Vella" que nos informa das súa explotación, dos productos que podemos adquirir, e das ofertas tan interesantes que podemos degustar. Desexámoslle que teñan moitos éxitos.

Recibimos a crónica da nosa correspondente nos Ancares, Fernanda Follana Neira, e agradecémoslle a súa aportación semanal.



Emma Pedreira
E finalizamos coa entrevista que lle fixemos a EMMA PEDREIRA, que nos fala de varias colaboracións e participacións e diversos actos culturais moi interesantes, e tamén da súa úlltima publicación. Agradecémoslle a súa sempre amable atención e desexámoslle moitos éxitos.


Despedímonos, ate a vindeira semana, e aquí deixamos o programa enteiro.



sábado, 12 de marzo de 2022

SÁBADO 12 de MARZO do 2022

Outro sábado máis con todos vosoutros, para ofrecervos dúas horiñas de Radio en Galego. Comezamos coa nosa sintonía de sempre e ofrecémosvos unha peciña de música para conectar co noso correspondente na Costa da Morte, Oskar da Fontiña, que nos envía a súa crónica semanal. Coma sempre, xa sabedes, que podedes ampliar as súas noticias na páxina quepasanacosta.gal

.

Despois conectamos novamente con Galicia para falarmos con Josinho Araujo Pérez, escritor galego que ven de presentar unha novela de moito interese, que leva por título "Memorias dun exgalego". Fálanos da súa novela, chea de retranca e picaresca galega. Unha obra que ten moita importancia polo moito que aporta ao emprego do noso idioma galego, ao noso entender, claro. Prometémonos lela e despois comentar co propio autor o desenvolmento e a trama da mesma. Desexámoslle moitos éxitos.


Continuamos a nosa emisión voltando novamente, nesta ocasión a Pontevedra, para saudarmos a Ana Santos Solla, que pertence a ese colectivo "De Vella a Bella". Foi ela quen nos facilitou o contacto con Josinho, e ademais de agradecérllelo conversamos con ela para que nos dea a coñecer un pouco máis polo miudo, as moitas actividades e actuacións que están a promover e realizar.

 

A segunda hora comezámola conectando co noso correspondente nas Rías Baixas, concretamente en Combarro, Xulio Simón Rúa. Tennos preparado unha nova aportación moi suxerente. Preséntanos a don Manuel Torres, propietario do
"Furancho a de Caballero"
e falamos con eles. Coñecemos un bocadiño máis en qué consisten os Furanchos, qué sirven e cómo se pode disfrutar dos seus servizos. Unha moi interesante e animada información. Convídanos a visitalo e agradecémoslle a súa amable participación.


Seguimos o programa e conectamos coa nosa correspondente nos Ancares Lugueses, Fernanda Follana Neira, a quen felicitamos polo seu artigo en homenaxe a súa avoa, publicado na "Voz de Galicia",  escoitamos a súa crónica semanal, que tiña preparada.

Despedímonos e escoitamos a colaboración do noso amigo e colaborador Luís Losada, relacionada coa obra "O cervo e a sombra", escrita por Diego Ameixeiras Novelle, a quen temos previsto entrevistar en vindeiras datas.


Aquí deixamos o programa completo.

sábado, 5 de marzo de 2022

SÁBADO 5 de MARZO do 2022

Unha nova emisión de "Semprengalicia" con ganas de que poidamos seguir aprendendo algo máis e disfrutar de dúas horas de Radio en Galego. Comezamos coa nosa sintonía de sempre, poñemos unha peza e conectamos con Galicia para recibir a crónica do noso correspondente na Costa da Morte, Oskar da Fontiña. Fai un resumo das noticias máis interesantes, pero aproveitamos para indicarlles que poden ampliar estas informacións visitando a páxina quepasanacosta.gal. Agradecémoslle a súa aportación semanal, da que nos fai partícipes e despedímolo desexándolle unha feliz semana.


Oscar Reboiras
A segunda intervención, é convidado Oscar Reboiras Loureiro, periodista e escritor de Rianxo que ven de recibir o II Premio de Novela da Galicia Rural, que lle otorgou o Concello de San Xoan de Río. Recíbenos moi atentamente e parabenizámolo polo Premio. Fálanos un bocadiño do seu contido, concrétanos que é unha novela negra, da súa escrita, e axúdanos a coñecer un pouco máis cómo foi o proceso de creación desa novela e tamén doutro dos seus libros publicados e presentado precisamente na súa vila natal, aínda que non é unha novela, senón un ensaio: O cronista imposible. Agradecémoslle a súa aportación de hoxe e desexámoslle que siga acadando moitos ésxitos.

Juan Antº Seara

Voltamos a escoitar outro bocadiño de música e recibimos ao seguinte convidado: Juan Antonio Seara Ferro, outro escritor e historiador que tamén ven de recibir o Accésit da XXV Edición do Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais 2021. Dámoslle os nosos parabens e mantemos con el unha conversa moi interesante. Fálanos da abundante documentación que tivo que consultar para ese traballo presentado: "O Corpus Christi de Allariz" Inicio e orixe da Confraría do Corpus Christi. Seguirá trascribindo a moita documentación á que tivo acceso e seguro que nos sorprenderá cunha nova publicación. Tamén nos fala doutro traballo sobre arqueoloxía, que se pode ver e consultar no número 46 da prestixiosa revista "Raigame" de Ourense. Desexámoslle moita sorte e moitos éxitos.

Recibimos unha pequena publicación da nosa cronista dos Ancares, Fernanda Follana Neira, aproveitando un pequeno receso na laboura de clausura do "IIIº Raid Fluvial Lugo-Concello de Becerreá". Moitísimas grazas Fernanda. Parabens polo éxito que acadástedes de participación e gañadores. Felicitacións a todo o equipo que coordinas e ate a vindeira semana.

Tamén saudamos ao noso amigo e colaborador Henrique Fdez-Mon Sánchez, que ultimamente sempre nos fai unha pequena visita participativa e fálanos da Festa da Androlla de Navia de Suarna, á que asistiu a fin de semana pasada. Apertas e moitas grazas, Kique.

Escoitamos agora a colaboración, dende as Rías Baixas, concretamente dende Combarro, do nos amigo Xulio Simón Rúa, que nos fala dun "Carballo ilustre" cunha idade de árbore senlleira, en Conxo... Tamén nos ilustra sobre outras especies arboreas e sempre ten algunha referencia ilustrada que inclúe unha lectura dalgún dos nosos esgrevios literatos galegos. Moitas grazas, Xulio.

Juan Luis Estévez
Tamén lles ofrecemos a entrevista-conversa que mantivemos con Juan Luis Estévez - Panadeiro Artesán de Fisterre. Parabenizámolo porque xa teñen recibido por cuarto ano consecutivo o Premio máis salientable que poden recibir os Panadeiros a nivel Nacional. Agradecémoslle que nos atenda e ilústranos sobre a confección e mellor elaboración dese pan tan aprezado. Tamén nos fala doutras elaboracións de pan moi creativas e solicitadas, e dos cursos on-line que está a impartir, a nivel internacional. Desexamos que siga colleitando moitos éxitos.

Finalizamos o programa de hoxe desexando que disfruten da semana.

Aquí deixamos o programa completo.

SÁBADO 19 de OUTUBRO do 2024

Comezamos coa nosa sintonía, as salutacións de sempre e unha peciña de música para recibir ao noso primeiro convidado, que é o noso correspo...