sábado, 19 de decembro de 2020

Ultimo programa do 2020. SÁBADO 19-12-2020

Comezamos o programa dándolles a ben-vida a tódolos nosos oíntes e seguidores. Poñemos un bocadiño de música para conectar con Galicia, concretamente con Vigo para falar con don LUÍS, Xerente da Empresa "Don CAMARÓN". Dámoslle a ben-vida e agradecémoslle que nos conceda esta pequena entrevista-conversa, para ofrecerlles aos nosos oíntes e seguidores unha fórmula axeitada para poder solicitarlle e mercar marisco e peixe galegos de primeira calidade. Na súa páxina poden comprobar tódolos productos que ofrecen e tamén a mellor maneira de adquirilos e que cheguen as nosas casas con tódalas garantías e coa celeridade axeitada para este Nadal. ¡Moitas Grazas, don Luís! e Boas Festas.

Escoitamos a peza "Noite de Paz", unha fermosa interpretación de María do Ceo, que lle-la adicamos á seguinte convidada: ANDREA FERNANDEZ MANEIRO, escritora e poeta, con quen mantemos unha conversa-entrevista moi amena. Parabenizámola porque ven de recibir o Premio do "IX Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro", pola súa obra: "Inventario dun adeus. Expiatoria". É unha conversa distendida e enriquecedora, posto estamos a coñecer un pouco máis desta poeta de Vilagarcía de Arousa.



A seguir dámoslle a ben-vida a MARCUS DANIEL CABADA, outro poeta que tamén foi gañador do 2º Premio de Poesía no "XXXIV Certame de Poesía Rosalía de Castro de Cornellà" pola súa obra: "O perigo de estar exhaustos". Felicitámolo e comentamos un pouco algo de todo. Marcus agasállanos coa lectura dese seu poema premiado e agradecémoslle que nos concedera esta entrevista de hoxe.

Na segunda hora conectamos co noso correspondente en Combarro, nas Rías Baixas, Xulio Simón, que sempre ten preparada a súa crónica de novidades culturais escollidas para sabermos algo máis de Galicia.

A continuación chamamos a Fernanda Follana Neira, a nosa correspondente en "Os Ancares", que tamén nos aporta a súa crónica consistente en tres relatos, acontecementos de relevancia naquela contorna. Agradecémoslle, coma sempre, a súa colaboración e despois de desexarlle unhas Boas Festas, despedímonos ate pronto.

E a última conexión é co noso poeta da Mariña Luguesa, Paco Rivas. Temos diversidade de opinión sobre estas celebracións que se nos achegan... intervimos todos na tertulia e finalizamos enviándolles a tódolos nosos oíntes e seguidores os mellores desexos de benestar e un ventureiro aninovo 2021.


Que teñan unhas BOAS FESTAS de NADAL e unha BOA entrada de ANINOVO 2021

sábado, 12 de decembro de 2020

SÁBADO 12 de DECEMBRO do 2020

A emisión de hoxe comezámola conectando con Galicia para falar con dona MARTA CASTRO da Adega Familiar: LAGAR DE PINTOS. Saudámola e dámoslle a ben-vinda ao noso humilde programa e dispoñémonos a coñecer un pouco máis esta Adega situada no SALNÉS. Teñen varias marcas dese viño con D.O. Albariño e comercializan varias calidades e viños. Mantemos unha conversa-entrevista moi interesante falando dos seus viños e aos nosos oíntes convidámolos a que se acheguen a súa páxina para que poidan contemplalos e mercalos, grazas ao servizo que ofrecen vía Internet. Teñen historia dabondo para consideralos de moito de interese. Agradecémoslle a súa participación.

Depois de escoitar outro bocadiño de música, voltamos novamente a conectarnos con Galicia, para recibir a dona BERTA DÁVILA, que ven de recibir o XIV Premio de Narrativa Breve Repsol, pola súa novela "Illa Decepción". Tamén a felicitamos por ter acadado o Premio da Crítica española na modalidade de narrativa en Língua Galega polo seu libro "Carrusel". Unha conversa moi amena e descubrimos algo sobre ese seu último libro: "Illa decepción". Agradecémoslle a súa colaboración e participación no programa de hoxe e desexámoslle moitos éxitos.
 

Seguimos emitindo e conectamos con Xulio Simón Rúa, o noso correspondente na Rías Baixas, concretamente Combarro, que sempre ten preparada a súa crónica chea de sabenzas e detalles moi interesantes. Agradecémoslle a súa colaboración semanal e continuamos a emisión. 

Falamos con Fernanda Follana Neira, a nosa correspondente, nos Ancares Lugueses, concretamente en Becerreá. Axúdanos a entender un pouco a súa participación na "Feira do 12". Como ten pouco tempo e espazo para a súa intervención, agradecémoslle a colaboración de hoxe e voltaremos o vindeiro sábado.
 

Temos despois a intervención do noso estimado Poeta da Mariña Luguesa, Paco Rivas. A súa intervención sempre ten algo de ensino e moi boa conversa. Finaliza a súa aportación coa lectura dunha pequena creación, coa que está a traballar. Agradecémoslle a súa aportación.
 

Escoitamos outro pouco de música e despedímonos ate o vindeiro sábado día 19 á mesma hora de sempre: Dende as 6 ate a 8 do serán. ¡Que sexan felices!

sábado, 5 de decembro de 2020

SÁBADO 5 de DECEMBRO do 2020

 Comezamos o programa ofrecéndolles unha peciña de música, despois de saudar aos compoñentes do equipo e a continuación dámoslle a ben-vinda a dona MARIA ALVAREZ MARTÍNEZ (Masha Raskolnikova), que ven de acadar o 3º Premio do XXXIV

Certame de Poesía Rosalía de Castro de Cornellà. Saudámola e parabenizámola porque ademais está a celebrar o seu aniversario. Comentamos parte da súa traxectoria e fainos un pequeno percorrido polo traballo que foi premiado. Agradecémoslle a súa amable atención e desexámoslle que acade moitos máis éxitos.

A segunda intervención-entrevista é con Pedro Fariñas, compoñente (guitarrista concretamente) do Grupo Folk "CALDO", que tamén veñen de recibir o 1º Premio no Concurso "Fran Pérez", Narf. Felicitámolos e coméntanos un chisco da súa traxectoria e dos proxectos que teñen previstos dagora en adiante. Agradecémoslle a participación no programa de hoxe e tamén lles desexamos moitos éxitos.

Continuamos o programa conectando novamente con Galicia para fala co noso correspondente nas Rías Baixas, concretamente Combarro, onde se atopa Xulio Simón. Preséntanos a Marcos Maceira, que é o seu convidado de hoxe. Comentamos con eles algunhas cousas relacionadasa co noso idioma galego.

 

Despois falamos coa nosa correspondente Fernanda Follana Neira, que nos recomenda a lectura do blog:

"Leiras e Marcos",  que corresponde a Laura Pardeiro, que será agasallada co "Foucín de Honra" pola Asociación "Rente ao Couce" o vindeiro sábado día 12 de decembro en Becerreá. Segundo nos informa a Asociación entregaralle esta distinción a esa rapaza de As Nogais, por ser muller, do rural, e por espallar unha visión de futuro, orgullo e amor polo noso. Prometemos poñernos na súa páxina e ademais de felicitala tentaremos poñernos en contacto para poder entrevistala. ¡Moitas grazas, Fernanda!

E antes de despedirnos aínda temos tempo para falar con Marta Delgado González, na Baixa Limia, con quen comentamos o pasamento do Mestre Tonho Cesteiro, que nos deixou fai uns días e que conmocionou a tódolos veciños da zona pola súa repentina marcha. Enviamos as nosas condolencias a tódolos seus achegados e agradecémoslle a súa participación no noso programa. 

Despedímonos de todos vosoutr@s e desexamos que volvan a conectarse o vindeiro sábado.

SÁBADO 30 de NOVEMBRO do 2024

Outro programa máis con todos vosoutros. Nesta ocasión tivemos que "enlatar" as intervencións, por mor da nosa participación na pr...