A emisión de hoxe comezámola conectando con Galicia para falar con dona MARTA CASTRO da Adega Familiar: LAGAR DE PINTOS. Saudámola e dámoslle a ben-vinda ao noso humilde programa e dispoñémonos a coñecer un pouco máis esta Adega situada no SALNÉS. Teñen varias marcas dese viño con D.O. Albariño e comercializan varias calidades e viños. Mantemos unha conversa-entrevista moi interesante falando dos seus viños e aos nosos oíntes convidámolos a que se acheguen a súa páxina para que poidan contemplalos e mercalos, grazas ao servizo que ofrecen vía Internet. Teñen historia dabondo para consideralos de moito de interese. Agradecémoslle a súa participación.
Depois de escoitar outro bocadiño de música, voltamos novamente a conectarnos con Galicia, para recibir a dona BERTA DÁVILA, que ven de recibir o XIV Premio de Narrativa Breve Repsol, pola súa novela "Illa Decepción". Tamén a felicitamos por ter acadado o Premio da Crítica española na modalidade de narrativa en Língua Galega polo seu libro "Carrusel". Unha conversa moi amena e descubrimos algo sobre ese seu último libro: "Illa decepción". Agradecémoslle a súa colaboración e participación no programa de hoxe e desexámoslle moitos éxitos.
Seguimos emitindo e conectamos con Xulio Simón Rúa, o noso correspondente na Rías Baixas, concretamente Combarro, que sempre ten preparada a súa crónica chea de sabenzas e detalles moi interesantes. Agradecémoslle a súa colaboración semanal e continuamos a emisión.
Falamos con Fernanda Follana Neira, a nosa correspondente, nos Ancares Lugueses, concretamente en Becerreá. Axúdanos a entender un pouco a súa participación na "Feira do 12". Como ten pouco tempo e espazo para a súa intervención, agradecémoslle a colaboración de hoxe e voltaremos o vindeiro sábado.
Temos despois a intervención do noso estimado Poeta da Mariña Luguesa, Paco Rivas. A súa intervención sempre ten algo de ensino e moi boa conversa. Finaliza a súa aportación coa lectura dunha pequena creación, coa que está a traballar. Agradecémoslle a súa aportación.
Escoitamos outro pouco de música e despedímonos ate o vindeiro sábado día 19 á mesma hora de sempre: Dende as 6 ate a 8 do serán. ¡Que sexan felices!
Ningún comentario:
Publicar un comentario