Outra semaniña máis con todos vosoutros para ofrecervos dúas horiñas de radio en galego. Comezamos disculpando a participación do noso correspondente na Baixa Limia, Xosé Lamela, que hoxe non poderá estar con nosoutros. Despois de ofrecerlles un bocadiño de música, en primicia, das "Pandereteiras de Verducido", conectamos con Galicia para falar co Ilmo.Sr.Alcalde de Viana do Bolo, Don Secundino Fernández. Felicitámolo polos éxitos que está acadando ultimamente ese Concello, polo traballo que están levando a cabo para que seña recoñecida a súa Festa da Androlla e o Entroido como Festa de Interese Nacional, e mantemos unha conversa moi animada e interesante. Agradecémoslle a súa participación de hoxe con nosoutros e desexámoslle moitos éxitos.
A continuación falamos coas propias "Pandereteiras de Verducido", Clara, Candela e Cecilia. Agradecémoslle a súa amable atención. Explicáronnos parte da súa biografía, da súa creación, do seu CD FAISCAS, da súa traxectoria... ... quedáronnos moitas cousas no tinteiro, pero voltaremos a chamalas, para que nos falen dos seus próximos Concertos e dos Premios que seguro acadarán. ¡Moita sorte e Moitos éxitos, Pandereteiras!
Na segunda hora sempre conectamos co noso correspondente Xulio Simón, que ten preparada unha crónica chea de cultura e novidades moi interesantes.
Falamos despois con SILVIA PARDO, a nosa informadora de EXPOURENSE, que nos fala da "XXXI XANTAR" Salón Internacional de Turismo Gastronómico de Ourense. Unha honra para todos nosoutros, contar coa colaboración e participación de Silvia Pardo, que sempre nos pon ao corrente de tódalas novidades e noticias que están a suceder. ¡Moitas grazas, Silvia!
Aproveitamos a música de fondo que nos prepara o noso técnico e damos lectura á ultima poesía que comparte connosco a nosa Poeta Pastora, dona Nieves Fernández Vidueira, e que leva por título: peneirando unha cantiga. Agradecémoslle a súa aportación.
Despois conectamos co noso poeta-escritor da Mariña Luguesa, Paco Rivas. A súa intervención sempre ten algunha que outra reflexión oportuna, acompañada de certa retranca galega. Despedímolo ate a vindeira semana á mesma hora.
E para finalizar comentamos algunha noticia próxima, como a que se celebrará o vindeiro día 11 de febreiro na Universidade de Barcelona, coa participación da Presidenta do Consello da Cultura Galega, dona Rosario Alvarez Blanco, xunto con outras personalidades. Tamén comentamos algo da "XVI Festa do Botillo" e algunha cousiña máis. E despedímonos con música.
O vindiero sábado voltamos. Non deixen de disfrutar e volvan a sintonizarnos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario