Un programiña máis, con todos vosoutros. Comezamos escoitando unha peza do CD que leva por título "As Cantigas de Elena", e conectamos co noso correspondente na Baixa Limia José Lamela Bautista, que ten preparada a conversa cun convidado especial don José Rodríguez Cruz, etnógrafo e grande coñecedor do patrimonio galego e moi en concreto do Couto Mixto. Falamos da próxima presentación, a vindeira fin de semana en Montalegre, dun seu libro "O Couto Mixto: Aspectos folcloricos", de Edicións Laiovento. E finaliza a súa intervención felicitándonos pola aprovación no Senado da proposta presentada por García Mañá, coa que se pretende declarar O Couto Mixto como Patrimonio Inmaterial. Ogallá se vexan cumpridos eses anceios.
A segunda intervención é a de dona María XESÚS LAMA, a nosa amiga e Profesora da Universidade de Barcelona, á que saudamos e felicitamos públicamente por ter acadado o Premio Nacional de Ensaio, pola súa obra: Rosalía, Cantos de independencia e liberdade. ¡Moitos parabens e graciñas por atendernos!
Seguimos, e conectamos con TAMARA ANDRÉS, encargada da sección NO ESTRELAMPAR, que sempre ten moito que ver coa poesía e coa Cultura Galega en xeral.
Despois falamos con FERNANDA FOLLANA, a nosa correspondente nos Ancares, que ten preparada unha intervención moi ben estructurada, coa que nos enchemos de informacións e termina agasallándonos coa feiticeira lectura dun escrito adicado ao Carballo de Quindous. ¡Grazassss!
Na segunda hora sempre conectamos co noso correspondente nas Rías Baixas, XULIO SIMÓN, que nesta ocasión tennos preparada a conversa con don ANDRES DACOSTA PAZ, grande coñecedor do Patrimonio de Combarro, pertencente á Asociación Cultural "A Solaina". Mágoa non termos máis tempo para dedicarlle as moitas informacións e coñecementos que nos transmiten. Noutra ocasión.
Para completar a información musical (CD "As Cantigas de Elena") da que vimos disfrutando nos intervalos das conversa, falamos con PIPO ALVARIÑO, que é un dos músicos que recopilaron esas cancións tradicionais e tan feiticeiras, neto de Elena Alonso Pino (a muller de Toutón) que é a intérprete principal do CD, posto que grazas á sua aportación puideron compoñer tódalas cancións deste disco tan interesante. Agradecémoslle a súa amable atención.
E antes de finalizar, despois de ofrecerlles a lectura de dúas poesías, unha de Mercedes Taracido adicada á Lúa, e outra de Nieves Fenández Vidueira que ten unha mensaxe moi de actualidade, poñémonos en contacto co noso "Poeta da Mariña": PACO RIVAS, para comentar algunhas cousiñas e recoller a regalía que sempre nos envía en forma de declamación tan engaiolante.
Ate a vindeira semana, queridos oíntes e seguidores. Prometemos voltar con máis informacións, novidades e música. Non deixen de sintonizarnos e graciñas por estardes ahí.
Ningún comentario:
Publicar un comentario