sábado, 20 de maio de 2023

SÁBADO 20 de MAIO do 2023

Rogelio Santos Queiruga

Unha nova entrega deste programa de dúas horas en galego. Comezamos coa nosa sintonía de sempre e ofrecémoslle unha peciña musical para conectar con Galicia e falar con ROGELIO SANTOS QUEIRUGA, un mariñeiro e grande comunicador que nos enche de satisfacción saudalo. Coméntanos algunhas cousas relacionadas co medio en que se desenvolve a súa laboura no mar. Fálanos das actividades e accións que están a desenvolver para reclamar que se poida resolver o asunto da Mina de Sanfinx, que ten moito que ver coa morea de escombros e basura que pode chegar a contaminar (e moito) a Ría de Noia e Muros. Estaba a explicarnos a súa tarefa e de repente tivemos un APAGÓN, que nos deixou sen poder emitir o programa. Aquí podedes escoitar o asunto tal e como aconteceu. Faremos o posible por conectar con el noutra ocasión e ampliar minuciosamente esas informacións. Agradecémoslle a súa aportación de hoxe no noso programa, que se interrumpíu pola falta de luz.


Despois do reinicio da Emisora e do traballo encomiable do noso técnico Mar Pi, puidemos voltar a emitir, e nesta ocasión puxémonos en contacto co noso correspondente na Costa da Morte, OSCAR REY CALO, que nos envía a súa cr´nica semanal, escollendo as noticias máis destacables. Xa saben tódolos nosos oíntes e seguidores que poden ampliar todas esas informacións na páxina quepasanacosta.gal, como cada semana. Lembrade que este programa reemítese os domingos en Radio Roncudo e Radio Neria a partir das dez da mañá.

Xosé Glz.Martínez

Chamamos ao noso admirado e benquerido don XOSÉ GONZÁLEZ MARTÍNEZ, Vicepresidente da Asociación Amigos do Couto Mixto, para felicitalo pola elección dos XUÍCES HONORARIOS do Couto Mixto para este ano 2023, e que son tres personalidades moi implicadas nesa tarefa de exaltación galego-portuguesa, e que son: Fernando Venâncio, Ángeles Huerta e Mario García. Tamén lle damos os nosos parabens pola concesión e ingreso na Academia das Ciencias Socias do Couto Mixto a Antropóloga Dª PAULA GODINHO, que celebrou o seu ingreso coa lectura dun discurso en Castro Leboreiro o pasado día 21 de abril. A resposta ao seu discurso deulle-la o Presidente da Asociación don Luís García Mañá. Agradecémoslle a súa amable atención e desexámoslles moita sorte e moitos éxitos.

Intervén a nosa correspondente nos Ancares Lugueses, FERNANDA FOLLANA NEIRA, que nos fai a súa crónica moi interesante. Fálanos das moitas actividades que se están a desenvolver na súa contorna e tamén nos informa da exposición que teñen no seu Instituto, que leva por título: "Becerreá no tempo". Precisamente unha periodista e poeta amiga, acaba de publicar unha reportaxe no xornal "O Progreso de Lugo" que recolle con moito detalle este acontecemento.

Despedimos o programa escoitando a crónica semanal do noso correspondente nas Rías Baixas, concretamente dende Combarro, XULIO SIMÓN RUA, que sempre nos aporta algunhas noticias culturais interesantes.

Deixamos aquí o programa repartido en dúas seccións: Inicio e Despois do Apagón. Que teñan unha feliz semana.

sábado, 13 de maio de 2023

SÁBADO 13 de MAIO do 2023

Melania e Zaza Guiomar
Comezamos unha nova emisión coa nosa sintonía de sempre e despois das salutacións oportunas escoitamos un bocadiño de música para e con ela recibimos a primeira convidada, MELANIA P. CRUZ, unha grande actriz luguesa, a quen saudamos cordialmente e parabenizámola por ter acadado o Premio da Cultura Galega na especialidade de Artes Escénicas. Ten unha traxectoria profesional moi extensa. Mantemos unha conversa moi amena e distendida. Fainos saber que pronto comezará unha xira de interpretación Teatral coa obra "Continente María", sobre María Casares, dirixida por  Tito Asorey, e que a levarán a Madrid e a Colombia a partir do mes de xuño. Ten recibido moitos Premios, o de María Casares concretamente,  gañadora en varias ocasións do Mestre Mateos e do FICBUEU. Agradecémoslle a súa participación de hoxe no noso programa e desexámoslle moita sorte e moitos éxitos.

A seguinte intervención é a do noso correspondente na Costa da Morte, OSCAR REY CALO, que nos fai a súa crónica semanal escollendo as noticias resumidas que se atopan ampliadas na páxina oficial de quepasanacosta.gal. Agradecémoslle a súa colaboración semanal.

Continuamos a emisión e poñémonos en contacto con ANTÍA AMEIXEIRAS, do Grupo Musical Caamaño & Ameixeiras. Acaban de facer as probas de son no escenario da Praza Trafalgar de Badalona, xa que esta mesma tarde ofrecerán un Concerto para celebrar o 25 Aniversario da A.C.G.AGARIMOS de Badalona. Felicitámolas. Seguro que farán as delicias dos asistentes, e prometen ofrecerlles algunha que outra sorpresa, xa que os músicos da Entidade tamén asistirán ao Concerto. Antía ven de participar no Xurado dos Premio Martin Codax. Parabenizámola por elo e desexamos que sigan colleitando moitos éxitos. Convída aos nosos oíntes e seguidores que se acheguen ao Concerto porque disfrutarán e bailarán.

Entrevistamos agora ao noso admirado amigo PEPE FORMOSO, do Hotel Bela Fisterra. Parabenizámolo porque ese hotel foi seleccinado para os Premios Traveling for happiness awards 2023. Entrando na páxina do mesmo hotel pódese votar para que lle concedan ese distintivo de Excelencia. Comentamos con Pepe as moitas actividades culturais que estan a programar. Unha moi importante será a que se realizará a vindeira fin de semana do 26 e 27 de maio na que se poderá disfrutar da degustación de viños e da presentación de varios libros. Tamén algunhas das que xa se realizaron como a presencia de Kepa Junquera que estivo presentando o seu libro: Berpiztu. O acto contou coa presenza de moitos amigos de Kepa e moita afluencia de público que quería homenaxear a este grande músico, compositor e productor. Mestre da Trikitixa. Agradecémoslle a súa atención e desexámoslle moita sorte e moitos éxitos en tódalas propostas culturais que realiza.

Despois falamos con MANOLO VELASCO, que é o Presidente do "Premio de Narrativa Breve" convocado pola A.C.G. Irmandade Galega de Rubí. Coméntanos que a participación é moi numerosa en castelán, aínda que a de galego parece algo cativa, pero que a calidade dos traballos presentados polos participantes é bastante alta, segundo os membros do Xurado. O fallo darase a coñecer no transcurso da Festa que se celebrará a próxima fin de semana do 19 ao 21 de maio. Desexamos que sigan acadando moita participación e enviámoslle os nosos parabens aos posibles premiados, agradecéndolle a súa participación de hoxe no noso programa.

Entrevistamos a BERNARDO PENABADE, Profesor e Escritor. Despois de saudalo, parabenizámolo por ter acadado o PREMIO MEENDINHO 2023. É un recoñecemento ao traballo de ensinante e galeguización  que leva adiante con ese Projecto Burela, no que participan unha morea de alumnos. As emisións radiofónicas, que realizan os alumnos, escoitanse nos diferentes lugares do mundo onde se atopa o Insitituto Cervantes, en calquera outra Universidade ou institución de lingua galega. Desexamos que siga colleitando moitos éxitos.

Despedímonos ate o vindeiro sábado, porque a continuación intervirá o noso correspondente nas Rías Baixas, Xulio Simón.

Escoitamos a colaboración de XULIO SIMÓN RÚA, dende Combarro. A súa crónica conten varias informacións ou noticias que seguro serán do voso interese.

Colgamos aquí o programa completo.


domingo, 7 de maio de 2023

SÁBADO 6 de MAIO do 2023

Outra emisión máis do "Semprengalicia". Comezamos coa nosa sintonía de sempre e despois das salutacións ofrecémoslle escoitar unha peza musical que nos acaba de chegar. Titúlase "Aire" das Tanxugueiras. Servirá para darlle paso ao noso correspondente na Costa da Morte OSCAR REY CALO, que nos ten preparada a súa crónica semanal escollida dentro das noticias que se poden ampliar na páxina  quepasanacosta.gal. Agradecémoslle a súa aportación semanal.

Continuamos o programa e poñémonos en contacto con MARISOL PALOMO, compoñente do Grupo Musical IALMA, de Bélxica, que están a realizar unha xira de concertos en Galicia: Ialma canta a Rosalía na Semana das Letras Galegas. Estarán en Salvaterra de Miño, na celebración da Festa da Semaneteira, o día 13 de maio. O día 14 en Cambados, o día 16 en Verin e o 17 en Ferrol (no Auditorio Jofre). Mantemos unha conversa moi amena e enriquecedora. Fálanos do Grupo, dos moitos concertos que teñen realizado ao longo da súa traxectoria, da composición do Grupo actual, dos proxectos e próximas actuacións... Agradecémoslle a súa amable atención e desexamos que teñan moita sorte e moitos éxitos, e despedímonos escoitando parte da súa música do seu ultimo album "Camiño".
 

Seguimos escoitando algunhas pezas do Cd de Ialma: "Camiño".

A seguinte convidada é UXÍA, esa cantautora galega que admiramos tanto. Acaba de publicar un CD que leva por título: "De tu casa a la mía", sobre poemas de Rosalía de Castro e Federico García Lorca. É un traballo en conxunto con XABIER RUIBAL, outro grande autor e músico gaditano que tamén admiramos tanto. Desexámoslle moita sorte poque acaban de ser seleccionados para os Premios MIN da Música Independente. Están probando e ensaiando porque terán unha actuación a partir da 20 horas en Oleiros (Coruña). Concédenos esta cativa entrevista e tamén nos pon en contacto con Xabier, a quen parabenizamos pola súa faceta musical e agradecémoslle a súa participación no noso programa. Teremos a posibilidade de disfrutar con eles o vindeiro día 12 de maio no "Teatre Juventud" de Hospitalet de Llobregat, que virán a dar un concerto. Desexámoslles moita sorte e moitos éxitos.

Aproveitamos esta ocasión para escoitar algo máis de música e anunciar a próxima intervención do noso colaborador. Despedímonos ate a vindeira semana á mesma hora.

A colaboración do noso amigo LUIS LOSADA. Envíanos unha gravación relacionada cun libro de Nazaret López: "Pecados Veniais". É un convite á súa lectura e un adianto de cómo se pode disfrutar da súa lectura. En vindeiras datas tentaremos conectar con esta autora. Agradecémoslle a súa aportación e aproveitamos para despedirnos deixando que escoiten esta gravación.

Deixamos aquí o programa completo.



sábado, 29 de abril de 2023

SÁBADO 29 de ABRIL de 2023

Comezamos un programa máis coa nosa sintonía de sempre e, despois das salutaciones oportunas, ofrecémoslle unha peza de música que estrenamos con todos vosoutros. Titúlase "Fonte de Amor", con Budiño e as De Vacas. Esta música serviranos para recibir ao noso correspondente na Costa da Morte ÓSCAR REY CALO, que nos fai a súa crónica semanal co resumo das noticias que se poden ampliar con amplitude na páxina quepasanacosta.gal. Tamén nos recorda que este programa reemitese o domingo a partir das 10 horas en Radio Roncudo e Radio Neria. Agradecémoslle a súa colaboración.

Instituo IEI
Instituto IEI
Eligio Suevos

O seguinte convidado é don ELIGIO SUEVOS, da Xunta Directiva do Centro Galego de Lleida, que nos fala da Festa Major daquela cidade, na que participan moi activamente cada ano e nesta ocasión, concretamente o día 13 de maio terán a actuación da "Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense". Ademais de convidarnos a disfrutar desta grande evento, tamén nos indican que seguen a traballar para dar a coñecer a Cultura Galega a tódolos lleidatáns. A celebración das Letras Galegas 2023, tamén será un acontecemento moi importante, escollen unha fin de semana do mes de xuño, cun acto especial nun lugar emblemático,  o Instituto de Estudios Ilerdens (IEI), para homenaxear ao autor diste ano; don Paco Fernández del Riego. Desexámoslle moita sorte e moitos éxitos.


Paco Rivas
Continuamos conectando co noso Poeta da Mariña Luguesa, PACO RIVAS, que sempre ten unha conversa moi agradable. Nesta ocasión recibímolo coa súa música "Traca-Traco". Acaba de presentar en Foz o seu ultimo poemario: POSDATA: QUÉROTE. Parabenizámolo e comentamos con el as impresións que sentiu na presentación e cómo foi recibido pola audiencia. Está moi satisfeito e desexámoslle moitos éxitos con esta publicación.

Damos a coñecer as diversas actuacións e actividades que prevé realizar a "Fundación Vicente Risco", con motivo do 60 aniversario do falecemento de Risco, e unha delas é o Recital Poético Uhuhuhú, que está previsto comece hoxe mesmo a partir das sete e media. Toda esta información chéganos por mediación da Presidente da Fundación, dona Celia Pereira Porto, que lle agradecemos moi encarecidamente. Terán a actuación de Claudio Rodríguez Fer, Francisco Fernández Naval (Xisco), Marilar Alexandre e Tamara Andrés. No xardín da Fundación e coa participación do músico e compositor José Luís Fernández Carnicero. Mágoa atoparse tan lonxe, pero seguro que disfrutarán deste grande evento. Tamén teñen previsto unha fantástica Cea-Concerto amenizada por Nanán, a partir das 22h na "Arca da Noe". E despedímonos ate o vindeiro sábado.

A ultima intervención é a do noso colaborador XULIO SIMÓN RÚA, que nos envía a súa crónica semanal dende Combarro, xunto coas súas suxerencias de música proposta para escoitar.

Deixamos aquí o programa enteiro.


domingo, 23 de abril de 2023

SÁBADO 22 de ABRIL do 2023

Comezamos coa nosa sintonía de sempre e dámoslle a ben-vinda aos nosos oíntes e seguidores. Temos nos estudos ao Grupo Musical "VENUS MAMBA", composto por Nuria e Pedro, de que escoitamos unha peza para recibirmos á primeira convidada mediante a chamada telefónica a dona ASUNCIÓN, da Asociación Bubaíño de Castro no Concello de Carballedo (Ribeira Sacra). Fálanos da "XX Feira da Carne ao Caldeiro e Produtos Locais-2023"
. Teñen previsto unha celebración especial, xa que os encargos que recibiron, de momento, fan que teñan previsto servir nada menos que máis de mil cincocentos quilos de carne, ademais doutros produtos locais. Terán como pregoeiro a don Rubén Camilo Lois González. Estarán amenizados polo Grupo de Gaitas Falcatrueiros e a charanga Unión Phenosa. Toda esta celebración estará a cargo dos veciños deste pobo de Castro. Agradecémoslle a súa colaboración de hoxe e desexámoslles moita sorte.


Continuamos o programa falando co Nuria e Pedro, Grupo VENUS MAMBA, da súa traxectoria musical das cancións e clases musicais. Precisamente as músicas que estamos escoitando hoxe no programa pertencen á súa creatividade.

Recibimos agora a colaboración da nosa correspondente nos Ancares Lugueses, FERNANDA FOLLANA NEIRA. Coméntanos as rutas que se poden disfrutar naquela contorna. Fainos unha relación dun artigo que se publicou no xornal A Voz de Galicia, no ano 1903, dun personaxe interesante, Marcelino da Ponte. Fai referencia a visita dos Grobos, un lugar de grande interese.

A conversa con Nuria e Pedro do Grupo musical "VENUS MAMBA" axúdanos para continuar a nosa emisión de hoxe comentando algunhas cousas particulares da súa creatividade musical.

Precisamente, escoitando música de "Venus Mamba" que nos visita nos estudios, escoitamos outra peza feita por eles mesmos e grazas a súa participación e colaboración poñémonos en contacto co noso Poeta da Mariña Luguesa PACO RIVAS, que ademais da súa amable atención agasállanos coa lectura dun seu poema, como adianto da celebración do Sant Jordi que é o "día do Libro e da Rosa".
 

E despedímonos de tódolos nosos oíntes e seguidores desexando que teñan unha feliz semana.

Aínda nos queda tempo para escoitar a crónica do noso correspondente na Costa da Morte OSCAR REY CALO, que nos fai un resumo escollido das noticias daquela contorna. Agradecémoslle a súa especial colaboración.

Colgamos aquí o programa completo:

luns, 17 de abril de 2023

SÁBADO 15 de ABRIL do 2023

Un sábado máis para ofrecerlles dúas horiñas de Radio en galego. Comeza coa sintonía de sempre e despois das salutacións e un bocado musical recibimos a crónica do noso correspondente na Costa da Morte: OSCAR REY CALO, que nos fai un resumo das noticias escollidas por el, relacionadas cos aconteceres daquela contorna, e que se poden ampliar, como sempre indicamos, na páxina que manteñen tan activa e interesante quepasanacosta.gal. Agradecémoslle a súa aportación semanal.

A continuación mantemos unha conversa moi interesante con TOMÁS MARÍA PORTA I CALSINA, Avogado e escritor que virá a presentar o seu libro titulado "AVENTURAS A GALICIA" , na sede a A.C.G.Rosalía de Castro de Cornellà o próximo día 22 deste mes. Será unha festa posto as súas presentacións sempre son unha mostra do seu afecto e cariño polas terras galegas, e pola súa cultura literaria, moi especialmente Rosalía de Castro e os nosos clásicos.
 

Continúa o programa recibindo a colaborción e comentarios do noso Poeta da Mariña PACO RIVAS, que tamén felicita ao noso contertulio de hoxe, Tomás. A conversa é un percorrido literario e lingüístico moi ocurrente bastante relacionado co noso idioma galego, no que tamén intervén o noso visitante de hoxe. Finaliza a súa intervención e agasállanos coa lectura dunha súa creción poética.

Seguimos conversando con Tomás María Porta, que fai un percorrido cativo do seu libro. A verdade é que o seu convite para achegarnos á presentación do seu libro faise moi interesante e seguro que emocionante. ¡Agardamos a vosa presencia o día 22 de ABRIL!


Damos paso á crónica semanal do noso correspondente nas Rías Baixas, concretamente en Combarro, XULIO SIMÓN RÚA, que sempre ten moita aportación cultural e literaria, finalizando coa proposta que nos fai para escoitar unha peza musical moi feiticeira.

Deixamos aquí o programa completo:


sábado, 1 de abril de 2023

SÁBADO 01 de ABRIL do 2023

 O programa de hoxe ofrecémosllo despois de preparalo "enlatado" por mor das "ferias"-vacacións da Radio. Coidamos, de tódolos xeitos, que son dúas horiñas de emisión en galego moi interesantes, con entrevistas e música galega de actualidade. Comezamos coa nosa sintonía, escoitamos unha peza do "Grupo Raiceira" e deseguida conectamos con Galicia para entrevistar a CARME LÓPEZ FERNÁNDEZ, Mestra con doble grao de Educación Infantil e Primaria, Profesora na ETRAD de Vigo e na Universidade de Santiago de Compostela. Acaba de presentar unha Tese de Doutoramento sobre o Repertorio Popular, polo que tivo unha nota de Sobresaínte Cum Laudem. É a 1ª vez que se trata desde unha perspectiva académica a música tradicional. Parabenizámola e axúdanos a entender un chisco este traballo. Agradecémoslle-lo e prometémoslle voltar a falar con ela para que nos siga ensinando.

A continuación escoitamos outra peza musical e dámoslle paso ao noso amigo e colaborador HENRIQUE FEZ-MON SÁNCHEZ, con que repasamos a súa traxectoria como directivo, que foi, da A.C.G. Rosalía de Castro. Coméntanos cómo foi a creación da Entidade, cómo se presentou para exercer de Presidente da mesma, xunto cun equipo e un proxecto cheo de novidades e propostas novidosas para aquela época de dificultades, tanto económicas como de sociabilidade, a posta en marcha da revista, o programa de Radio actual, o Grupo de Baile e Gaita, o Certame de Poesía, o Busto de Rosalía no Parque de Can Mercader, unha Coral, exposicións de pintura de pintores recoñecidos... Facemos unha pequena pausa e escoitamos outra peza de música.

Seguimos a conversa con Kique comentando tódalas cousas que nos indicou e a grande colaboración e participación coa que contou en todo momento. Lembrounos que tamén se fixeron moitas Conferencias con grandes personalidades, tanto literarias como políticas. Así mesmo comentounos a creación da compañía de teatro de aficionados "Anduriña", dirixida pola señora Amelia, que aínda perdura. Unha súa reflexión final sobre a continuidade que lle fai pensar que "outros virán que mellor nos farán". Ogallá que teña continuidade e que teñamos sustitutos nesta teima de ofrecer e dar a coñecer "as nosas cousas". Voltamos a escoitar outra peza galega de actualidade.

Recibimos a participación do noso correspondente nas Rías Baixas, XULIO SIMÓN RÚA, que nos envía dúas noticias relevantes e finaliza coa proposta de escoitar unha peza musical de Salvador Sobral e Abe Rábade.

Continuamos a emisión ofrecéndolles a participación de OSCAR DE SOUTO, que ten un programa na "Costa da morte" titulado "FAROS", e no que declama poesía. Nesta ocasión envíanos unha creación súa e tamén unha de outra poeta galega ANA MAR FRAGA. Agradecémoslle a súa colaboración e participación no noso programa de hoxe.

E despedímonos ate o día 15 de ABRIL. 

¡Que teñan unha felices PASCUAS!

SÁBADO 27 de XUÑO do 2026

  PROGRAMA ESPECIAL CELEBRANDO O 40 ANIVERSARIO DA EMISIÓN "SEMPRENGALICIA"   EN RADIO CORNELLÀ Estamos na Sé da Asociación C.G.Ro...