sábado, 20 de maio de 2023

SÁBADO 20 de MAIO do 2023

Rogelio Santos Queiruga

Unha nova entrega deste programa de dúas horas en galego. Comezamos coa nosa sintonía de sempre e ofrecémoslle unha peciña musical para conectar con Galicia e falar con ROGELIO SANTOS QUEIRUGA, un mariñeiro e grande comunicador que nos enche de satisfacción saudalo. Coméntanos algunhas cousas relacionadas co medio en que se desenvolve a súa laboura no mar. Fálanos das actividades e accións que están a desenvolver para reclamar que se poida resolver o asunto da Mina de Sanfinx, que ten moito que ver coa morea de escombros e basura que pode chegar a contaminar (e moito) a Ría de Noia e Muros. Estaba a explicarnos a súa tarefa e de repente tivemos un APAGÓN, que nos deixou sen poder emitir o programa. Aquí podedes escoitar o asunto tal e como aconteceu. Faremos o posible por conectar con el noutra ocasión e ampliar minuciosamente esas informacións. Agradecémoslle a súa aportación de hoxe no noso programa, que se interrumpíu pola falta de luz.


Despois do reinicio da Emisora e do traballo encomiable do noso técnico Mar Pi, puidemos voltar a emitir, e nesta ocasión puxémonos en contacto co noso correspondente na Costa da Morte, OSCAR REY CALO, que nos envía a súa cr´nica semanal, escollendo as noticias máis destacables. Xa saben tódolos nosos oíntes e seguidores que poden ampliar todas esas informacións na páxina quepasanacosta.gal, como cada semana. Lembrade que este programa reemítese os domingos en Radio Roncudo e Radio Neria a partir das dez da mañá.

Xosé Glz.Martínez

Chamamos ao noso admirado e benquerido don XOSÉ GONZÁLEZ MARTÍNEZ, Vicepresidente da Asociación Amigos do Couto Mixto, para felicitalo pola elección dos XUÍCES HONORARIOS do Couto Mixto para este ano 2023, e que son tres personalidades moi implicadas nesa tarefa de exaltación galego-portuguesa, e que son: Fernando Venâncio, Ángeles Huerta e Mario García. Tamén lle damos os nosos parabens pola concesión e ingreso na Academia das Ciencias Socias do Couto Mixto a Antropóloga Dª PAULA GODINHO, que celebrou o seu ingreso coa lectura dun discurso en Castro Leboreiro o pasado día 21 de abril. A resposta ao seu discurso deulle-la o Presidente da Asociación don Luís García Mañá. Agradecémoslle a súa amable atención e desexámoslles moita sorte e moitos éxitos.

Intervén a nosa correspondente nos Ancares Lugueses, FERNANDA FOLLANA NEIRA, que nos fai a súa crónica moi interesante. Fálanos das moitas actividades que se están a desenvolver na súa contorna e tamén nos informa da exposición que teñen no seu Instituto, que leva por título: "Becerreá no tempo". Precisamente unha periodista e poeta amiga, acaba de publicar unha reportaxe no xornal "O Progreso de Lugo" que recolle con moito detalle este acontecemento.

Despedimos o programa escoitando a crónica semanal do noso correspondente nas Rías Baixas, concretamente dende Combarro, XULIO SIMÓN RUA, que sempre nos aporta algunhas noticias culturais interesantes.

Deixamos aquí o programa repartido en dúas seccións: Inicio e Despois do Apagón. Que teñan unha feliz semana.

Ningún comentario:

SÁBADO 26 de OTUBRO do 2024

Unha semana máis, como cada sábado, outra emisión do noso programa, con entrevistas, música e noticias dende Galicia. Comezamos coa nosa sin...