sábado, 30 de abril de 2011

¡¡¡ 25 ANOS de "Sempre en Galicia" !!!

Este serán teremos un PROGRAMA ESPECIAL adicado aos 25 anos de emisión deste noso programa. 
Contaremos coa colaboración da maior parte dos anteriores directores-conductores deste programa de Radio en galego, e teremos comunicacións en directo con GALICIA para falarmos con moitos dos nosos colaboradores e amigos, que fixeron posible que este humilde programa se levara adiante con éxito durante tantos anos. 
Seguro que moitos dos nosos ointes-escoitantes e asiduos seguidores desexarán participar, así que temos preparados 25 agasallos para eles. Sortearemos 25 reloxos da marca Adolfo Domínguez, patrocinados polo noso colaborador e amigo do programa: Pedro Pérez, Presidente do GRUPO DUPLEX. 
Todos aqueles que nos envíen un correo ao noso blog ou que nos chamen namentres se realiza o programa, participarán no soteo que faremos nun vindeiro programa especial tamén. 
E xa que falamos de programa especial, informámosvos de que mañá tamén teremos un apartado especial de participación na "JORDIADA" que ten programada Radio Cornellà, en Can Mercader.
Convidámosvos a todos para que participedes deste fermoso acontecemento.

domingo, 3 de abril de 2011

Programa do 2 de abril do 2011

Unha nova emisión con todos vosoutros. Comezamos adiantando o que vai ser o programa de hoxe e adiantamos algunhas das noticias e informacións que nos van chegando á nosa Redacción. Informamos da suspensión da Excursión prevista pola Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro, debido a certos acomodos de axenda que non se puideron cumplir. Queda aplazada para o mes de maio. Continuamos coas noticias e informamos da entrega do Premio que hoxe recibe Luís Tosar no Festival de Cine de Málaga, de que a Fundación Seoane abre unha mostra de "cabanas creadoras", que o Concello de A Coruña programa unha semana de homenaxe a Cunqueiro...etcétera, e todas esas poucas noticias acompañadas de algunhas pezas de música galega.

A nosa primeira comunicación-conversa é con VERÓNICA, responsable da ASOCIACIÓN CULTURAL MONTE DA ESTRELA, de Arteixo (A Coruña). Unha conversa chea de engado e información moi interesante sobre as Actividades que esta Asociación leva a cabo, con moitísima participación da xente nova da vila e con importantísimas aportacións e colaboracións de personaxes moi representativos da nosa cultura galega. Agradecémoslle que nos dedicara este tempo para comunicarnos esas inquedanzas da Asociación. Precisamente paramos un chisco na vindeira que realizarán o sábado 9 de abril: Rota a pé polos ríos Vilacoba e San Xusto no Concello de Lousame.

Na segunda hora, como cada semana, conectamos con Xulio Simón, para que nos deleite coa súa escolla de informacións e noticias que sempre teñen moito que ver coa Cultura Galega. Para a vindeira semana adiántanos que falaremos con Xurxo Pintos, autor dun interesante libro que ten moito que ver co Cambio Climático e co Medio Ambente.

Para finalizar conectamos coa Mariña Lucense, para sentir as verbas de Paco Ribas e a súa declamación e recitado dalgún dos seus poemas.

Voltaremos a vindeira semana con máis cousas.

luns, 28 de marzo de 2011

21 de marzo 2011

No programa deste sábado comezamos, coma sempre, coa sintonía de "Cristina Pato", que está a realizar unha xira internacional moi interesante. Facemos mención das nosas intencións de comuinicarnos con Galicia, con outros colaboradores de Maiorca e de Mérida e con Antonio Díaz, recentemente nomeado Vicepresidente da A.C.G.Rosalía de Castro. e continuaremos co noso acostumado percorrido pola música galega de actualidade e cumprindo as demandas dos nosos oíntes. Tamén faremos mención das novidades e noticias que nos van chegando á nosa Redacción, e informaremos das novidades que se van sucedendo no ambente galego en Catalunya...

A primeira comunicación-conversa-tertulia é con NOELIA RODRÍGUEZ, poeta da Baixa Limia que se atopa en Maiorca e SUSO DÍAZ, outro colaborador e radiofonista (La Voz en Espiral de Mérida), tamén da Baixa Limia, e cos que mantemos unha amena conversa tratando varios aspectos da nosa situación galega. Aproveitamos a ocasión para agradecerlles a súa colaboración e solicitámoslle a NOELIA que nos agasalle os ouvidos a tódolos nosos seguidores cunha das súas composicións poéticas. Unha aportación desinteresada que gardaremos na nosa particular "biblioteca-internauta", que poderán escoitar sempre que o desexen.

A seguiinte conversa-entrevista é con XURXO, Presidente do Colectivo: "A Nave das Ideas", radicado en Vigo, e que nos pon ao corrente dalgunha das actividades promovidas por eles, neste caso interesámonos por unhas Conferencias que se desenvolven en torno aos Medios de Comunicación. Propostas e debates que serven para reflexionar e por en valor o emprego do noso idioma, así como a posible posta en marcha dun "XORNAL DIXITAL". Agradecémoslle a súa dedicación e propoñémoslle continuar mantendo o contacto con eles para seguirmos a recibir as informacións que vaian producíndose neste ambente.


Continuamos nesta ultima parte do noso programa e comunicámonos con ANTONIO DÍAZ, o Vicepresidente da A.C.G.Rosalía de Castro, que nos pon ao corrente das ultimas novidades e propostas de actividades que se desenrolarán: A primeira é na vindeira semana, concretamente unha Visita-Excursión dunha fin de semana a Castellón (Vall d'Uxó) e que aínda poden apuntarse tódolos socios que así o desexen, nas oficias da Entidade, denantes do día 1 de abril. Tamén nos informa dos traballos que se están a realizar para levar adiante a Festa Galega de Can Mercader, que este ano coincide coa Verbena de San Xoan, e que agardan terá unha abondosa participación. Fálanos da próxima presentación da Banda de Gaitas composta por máis de 100 gaiteiros e percusionistas pertencentes a Toxos, Casa Galega de Hospitalt e Rosalía de Castro. Entre outras cousas avanza que se pretende facer unha emisión especial do noso programa "Sempre en Galicia" para conmemorar os 25 anos da súa existencia...


Rematamos a programación de hoxe desexando que volvan a sintonizarnos na vindeira semana, que tentaremos facerlle máis amenas e agradables estas dúas horiñas de radio, coas nosas músicas, coas informacións e tódalas cousas do seu interese.

domingo, 13 de marzo de 2011

Programa do 12 de marzo do 2011

Nesta ocasión atendemos a petición dun oínte que na anterior edición nos solicitaba a emisión dunha peza de música do grupo berciano: AIRA DA PEDRA, e compracemos esta peticiòn cunha peza do seu ultimo traballo titulado "be zeta". Agardamos a súa compracencia.

Seguimos coa enumeración das diferentes noticias e informacións que nos chegan á nosa Redacción e deseguida conectamos con Galicia para falarmos concretamente con MANUEL FORMOSO, o gañador do Primeiro premio do ultimo Certame de Poesía da Asociación Cultural Galega "Rosalía de Castro", de Cornellà. En primeiro termo mantemos unha pequena conversa:
 

Despois declámanos unha das súas creacións poéticas, concretamente a que lle fixo acreedor do 1º Premio do Certame de Poesía que denantes mencianabamos:

Na segunda hora conectamos novamente con Galicia e falamos con Xulio Simón, como cada semana, que nos trae unha selección de noticias escollidas con información puntual de relevancia para todos nós, sempre cheas de engado e moi interesantes.

Rematamos a emisión desta semana, sen a participación poética de Paco Ribas, o noso poeta da Mariña Lucense. Non nos foi posible a nosa comunicación con el, voltaremos a intentalo a vindeira semana e seguro que disfrutaremos das súas creacións.
Desexamos que a vindeira semana volvan a sintonizarnos e participen connosco nesta nosa teima de espallar "as nosas cousas" intercambiando impresións e compartindo inquedanzas.

domingo, 6 de marzo de 2011

Emisión do 5 de marzo do 2011

Estamos de ENTROIDO. A nosa programación de hoxe está algo condicionada pola festividade do Carnaval na cidade de Cornellà e nos arredores. Dende Galicia non poderemos ter as acostumadas conexións e comunicacións debido precisamente a esta coincidencia da festa carnabaleira, pero tentaremos facer dúas horiñas de radio en galego para tódolos nosos seguidores. Comezamos co relatorio das novidades e informacións que nos chegan á Redacción e continuamos a escoitar as ultimas novidades musicais galegas. Prometemolles escoitar xuntos a Cristina Pato e Rosa Cedrón, alomenos algunha interpretación do seu disco SOAS.
A nosa primeira comunicación é coa A.C.G.Rosalía de Castro, concretamente coa sección das "donas", presidida pola Señora Amelia, que tamén é a Directora do Grupo de Teatro "Anduriña", e que nos pon ao corrente das novidades e proposta de actuacións para conmemorar o "día Internacional da dona". Tamén comentamos as actuacións con Conchita, outra das mulleres que nos informa da celebración da Conferencia que será impartida por Nuria Pujol, Historiadora e Periodista, encol de "A muller na cultura celta-galaica". Charlamos con Amparo e con Rosario, que nos completan a información sobre as actividades programadas, e que nos convidan a participar e asistir o día 12 de marzo a partir das 18 horas.

A segunda hora tentamos de levala adiante comunicándolles as novidades e informacións diferentes. E no final do programa conectamos con Galicia, unha vez máis, e falamos con Paco Rivas que nos despide coa declamación de dúas das súas creacións poéticas.


Saudiños para todos e graciñas pola vosa participación. Agardamos poder contar convosco na vindeira emisión.

luns, 28 de febreiro de 2011

26 de febreiro do 2011

Esta semana temos Asemblea na Asociación Cultural Galega "Rosalía de Castro". Xa daremos cumprida información do resultado da mesma na seguinte emisión (o vindeiro día 5 de marzo). Non poderemos conectar con Xulio Simón, por mor de certos compromisos persoais que está a realizar esta fin de semana en Lugo, pero tentaremos levar adiante esta nosa programación entretendo aos nosos "escoitantes" coa escolla da música galega que temos, coa lectura das novidades que nos chegan á redacción e con outras intervencións interesantes.
A primeira conversa-comunicación é con EDUARDO MENDEZ QUINTAS, o Director do Departamento de Arqueoloxía do Instituto de Estudios Miñoranos, que nos fala do traballo que acaban de presentar:
Tamén aproveitamos para que nos faga un pequeno percorrido por outras moitas accións que se estan a levar a cabo dende o Instituto de Estudios Miñoranos.


Despois damos lectura a pequenas comunicacións, notificacións e informacións varias.


A seguir, conectamos con ROSA, a responsable de CULTURA do Concello de LOBIOS, que nos adianta os traballos que estan realizando para preparar o Entroido desa zona da Baixa Limia, e que ten un sentido moi especial porque estan  a recuperar a antiga lectura e realización dos DISCURSOS, que se facían, en tempos. Lecturas que consistían e poñer "a caldo" (nunca mellor dito) aos principais mandatarios e gobernantes do Concello, así como a calquera outra persoa do pobo. Aproveitaban a ocasión para facer reparto ("partillas") máis ou menos equitativas das diferentes partes do corpo dalgún animal morto na contorna, todo elo con sentido irónico e bromista. Empregando a "retranca galega".



Damos por finalizada a nosa emisión e convidámolos para voltar a "sentírmonos" a vindeira semana.

luns, 21 de febreiro de 2011

Emisión do 19 de febreiro do 2011

Hoxe comezamos coa interpretación dunha peza musical pertencente ao grupo "Aira da Pedra" do Bierzo. Homenaxe particular adicado ás persoas de ASOBECAT, que tiveron a súa particular celebración a pasada fin de semana no Hotel Campus de Bellaterra, co "VIII Festival do Botillo en Barcelona". Agradecementos para eles e felicitacións polo éxito acadado.
A nosa primeira comunicación-entrevista é con DAVID da Asociación Cultural Galega AGARIMOS, de Badalona, que nos pon ao corrente das súas próximas Actividades, e moi específicamente da "Feira do Polbo" que celebran cada 3º domingo de cada mes. Agradecémoslle a súa participación na nosa emisión.


 

Seguidamente poñémonos en contacto con IRIA, que levaba un tempo sen colaborar na nosa emisión. Aproveitamos para felicitala pola recente publicación do seu libro de poemas: FLORES DA GALVANA, de edicións Espiral Maior. Recítanos unha das súas composicións e falamos un chisquiño con XIAO, que nos promete enviarnos unha das súas interpretacións solistas de percusión (ten sete aniños tan só).

Nesta segunda hora, como cada semana conectamos con Galicia para comunicarnos con XULIO SIMÓN, o noso correspondente semanal e fainos un percorrido cultural con varias propostas interesantes. Agradecémoslle a súa desinteresada, pero moi estimada colaboración para a nosa emisión de radio en galego.

A emisión desta fin de semana acabámola coa lectura de varias informacións e noticias que nos chegan á Redacción, precedida pola música de Moriartymusica, con quen falaremos noutra ocasión. Desexamos poder contar coa vosa participación na vindeira fin de semana. ¡Graciñas por estardes ahí!

SÁBADO 10 de OUTUBRO do 2026

Comezamos coa nosa sintonía, as salutacións oportunas e ofrecéndolles a escoita dunha peza musical para recibir a primeira comunicación, a c...