Outra semaniña máis con todos vosoutros. Dúas horas de Radio en Galego, con música, informacións e conexión cos nosos correspondentes en Galicia e algunha entrevista de interese. Comezamos coa nosa sintonía, as salutacións e un bocadiño de música para recibir ao primeiro convidado, o noso correspondente na Costa da Morte, OSCAR REY, que nos fai unha crónica resumida do que sucede naquela contorna. Indícalle aos nosos escoitantes que se poden ampliar esas noticias na páxina quepasanacosta.gal e tamén lle lembra que este programa será emitido mañá domingo, en Radio Roncudo a partir das 10 da mañá. Tamén se poderá escoitar en Radio Fene o luns próximo.Agradecémoslle a súa estimada colaboración.


A segunda intervención é con RUBEN do Curro de Valga e tamén de Torroña, que precisamente nos fala que o primeiro despois de ter que suspendelo polo mal tempo, puidose celebrar o domingo pasado. O de Torroña está previsto para o día 7 de xuño. Explícanos cómo se preparan os socios propietarios para a realización deste importante traballo ancestral que aínda se conserva na Serra da Groba. Os preparativos para ir a buscar as bestas ao monte, o cordel que realizan. Puntualízanos que estes curros teñen a particularidade que as bestas cóllense cunha bara que se chama "vara de cabestrar" e cunha corda que, con experiencia e pericia, se coloca pola parte traseira das orellas e vai baixando ata o fuciño do animal, quedando encabrestado de forma semellante a unha cabezada. Isto permite o manexo do cabalo sen causarlle dano, a diferencia dos outros curros onde os cabalos cóllense á man. Unha vez colocado o encabrestado, retírase a vara e o animal queda preparado para poder sacalo do curro e realizar posteriormente os traballos necesarios: desparasitado, corta de crins, marcado tradicional e colocación do microchip, hoxe en día obrigatorio. Agradecémoslle a súa amable atención e a información tan detallada para darnos a coñecer ese fermoso traballo que continúan mantendo. Desexámoslle moito éxito.

Continuamos a emisión e recibimos a intervención do noso correspondente viaxeiro e reporteiro gráfico e documental
XOAN ARCO DA VELLA. Nesta ocasión fálanos dunha lenda moi curiosa, pero tamén moi interesante, recollida no aldea de Campelo,
que pertence á Xesta, cerquiña de ermida dos Campos, Pigarzos. É a lenda de "A Luz da Braña". Recomenda a visita a aquela zona, na que se pode disfrutar dunha natureza chea de vida e fermosa. Agradecémoslle a aportación de hoxe.
Recibimos a colaboración de FERNANDA FOLLANA NEIRA, dende os Ancares Lugueses, que nos da a coñecer a recente inauguración das cabanas de Coea, que paga a pena visitar e coñecer. Tamén nos comenta algunha apreciación científica relacionada coa formación das montañas da contorna, que teñen unha denominación específica "apalachense". Agradecémoslle a súa aportación de hoxe.
A continuación comentamos algunhas novas interesantes e damos lectura a un pequeno texto que se publicou fai cen anos no xornal "O Tío Marcos da Portela", que nosoutros consideramos que aínda ten valor hoxe en día. Aproveitando a música que temos de fondo despedímonos ata o vindeiro sábado á mesma hora.
Recibimos a crónica do noso correspondente nas Rías Baixas, XULIO SIMÓN RÚA, que sempre ten varias informacións culturais moi interesantes e finaliza coa proposta de escoitar unha peza musical.
Deixamos aquí o programa Completo - Enteiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario