Comezamos unha nova emisión deste programa "Semprengalicia", coma sempre. Primeiro a nosa sintonía, as salutacións e un bocadiño de música para poñernos en contacto co primeira persoa convidada, que nesta ocasión é
DAVID PASCUAL, Enxeñeiro Técnico Industrial coa especialidade de Química, Enólogo e Presidente dos Enólogos de Galicia. Parabenizámolo polo seu traballo tan interesante. Conversamos con el para coñecer, máis polo miúdo, parte da súa traxectoria profisional e algúns aspectos moi relacionados coas moitas actividades que está a desenvolver, como o Congreso dos Enólogos Galegos e Catas vinícolas de grande prestixio. Agradecémoslle a súa amable atención e desexámoslle que teña moito éxito.
A seguinte comunicación é co noso correspondente viaxeiro e reporteiro gráfico
XOAN ARCO DA VELLA, que sempre ten preparada unha intervención moi interesante. Nesta ocasión fálanos do enclave tan feiticeiro que é
SAN ANDRÉS DE TEIXIDO. Coméntanos algunhas cousas relaciondas con entorno, coas lendas que teñen moito que ver coa "Fonte do Santo" tamén coñecida como "fonte dos tres canos", da herba de namorar, dos miliarios... Unha recomendación para visitar e aproveitar para coñecer esa localidade e tamén o seu entorno.

A continuación conectamos novamente con Galicia para falarmos con
PACO GUITIÁN VALEIRO, un Mestre e Productor, que pertence ao Grupo
"Seminario Galán". Agradecémoslle e parabenizámolo por excelente traballo publicado con motivo das Letras Galegas-2025, que leva por título:
"Ferro, Madeira e Pel". Precisamente na ultima parte da nosa emisión escoitaremos o audio que corresponde a ese documental que comentamos con Paco. Un fermoso documental. Axúdanos a coñecer, máis polo miúdo, ese traballo que realizan dende fai moitos anos. Coméntanos que son un grupo de mestres do Ceip Galán, en Oseiro-Arteixo, que comezaron no curso escolar 1997-98, e seguen a traballar para darlle pulo ao noso idioma. Desexámoslles que sigan acadando moitos éxitos.
Escoitamos outro bocadiño de música e con ela, de fondo, recibimos a crónica do noso correspondente na Costa da Morte, Oscar Manuel Rey Calo. Un resumo das noticias que se poden ampliar na páxina quepasanacosta.gal. Agradecémoslle a súa aportación e lémbranos que este programa voltará a emitirse en Radio Roncudo mañá a partir das dez da mañá.
Outra aportación no programa de hoxe é a do noso correspondente nas Rías Baixas, concretamente dende Combarro, XULIO SIMÓN RÚA, que sempre nos aporta a súa participación cultural e noticieira daquela contorna, despedíndose sempre cunha audición musical.
E como lles prometimos anteriormente ofrecémoslles o audio do documental que comentamos con Paco Guitán: "Ferro, Madeira e Pel", que paga a pena tamén visionalo, no enlace que lles facilitamos.
E deixamos aquí o programa Completo-Enteiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario