sábado, 23 de novembro de 2024

SÁBADO 23 de NOVEMBRO do 2024

Unha semaniña máis con todos vostedes. Tentamos levar adiante este programa con ánimos de aprender e procurar ofrecervos dúas horas de Radio en Galego, entretidas e cheas de interese. Despois da nosa sintonía, as salutacións de sempre e un bocadiño de música, conectamos coa primeira invitada, que é nada menos que LOLI BELOSO NEIRA, grande amiga e unha incansable traballadora altruista en defensa de persoas importantes da nosa Cultura Galega. Coméntanos un bocadiño do que estivo a realizar en Arxentina fai uns días, a inauguración da sala cultural dedicada exclusivamente a Celtia Porcelanas Magdalena e á vida e obra do seu fundador Isaac Díaz Pardo, no Centro Cultural "Abel Barragán" e algunha cousiña máis... Desexamos que teña moito éxito no que emprenda.


Despedímola con música e conectamos novamente con Galicia para falarmos cunha profesora, escritor e poeta galega que admiramos e apreciamos: ROSALÍA MORLÁN VIEITES. Fálanos da celebración no BELA MUXÍA (da Costa da Morte), dun Recital Poético Musical no que participou conxuntamente con Armando Requeixo, Xosé Luna, Charo Golmar, Manoele de Felisa a Xosé Manuel Lobato. Tamén nos comenta a súa colaboración como membro do Xurado nun premio literario de prestixio, así como a súa intervención onte mesmo na Estrada coa súa obra "Bolboreta Arlequina"... Desexamos que siga a colleitar moitos éxitos.

Máis música e continuamos o programa recibindo a crónica do noso correspondente na Costa da Morte, OSCAR M. REY CALO, que sempre ten preparadas noticias escollidas da páxina que manteñen activa quepasanacosta.gal, e na que poden ampliar as informacións que nos resume na súa internvención. Agradecémoslle a súa aportación semanal, sempre tan intereante e moi ben recibida por tódolos nosos escoitantes e seguidores habituais. Tamén aproveitamos para felicitalo a el e a Fina Paulos polos éxitos que estan acadando cos seus traballos conxuntos presentados a sendos certames, como o que recentemente recibiron en Ourense pola curta "A maxia da poesía nunha canción". Desexamos que sigan acadando moitos éxitos.

Despois de escoitar outra peza musical, pertencente "A Sombra dos Soños", de JOSÉ CARBALLIDO, precisamente poñémonos en contacto con el e ademais de felicitalo por ese traballo, mantemos unha pequena conversa-entrevista para saber un chisquiño máis da súa traxectoria profisional como músico e compositor. Fálanos da súa tarefa como Profesor de Música, das anteriores bandas nas que participou e do traballo de composición no que sigue a realizar para poder publicar próximamente, concretamente o día once de decembro, segundo nos adianta, en primicia, para tódolos nosos escoitantes e seguidores. Desexamos que teña moitos éxitos máis.

Continuamos a emisión conectando co noso "Reporteiro Gráfico e Visitador Empedernido" da nosa xeografía galega, buscando recunchos singulares e moi interesantes. Falamos con XOAN ARCO DA VELLA. Hoxe ten previsto ilustrarnos coa visita a un lugar moi interesante e feiticeiro: Pitoes das Junias, unha freguesía portuguesa, raiana con Calvos de Randín, no concello de Montealegre. Paga a pena desprazarse a aquel lugar incontaminado e feiticeiro, que conta cun mosteiro aínda non restaurado. Trátase do Mosterio de Santa María. Recoméndanos unha visita pausada para disfrutar daquelas construccións rurais e da paisaxe autóctona xunto coa fermosa fervenza (cascata que din os portugueses) e aproveitar para xantar alí e pedir un prato de carne de cachena e outras boas viandas. Agradecémos a súa colaboración.

Recibimos nos estudios a visita de ALFONSO RICO e a súa dona ERMITAS, que nos acompañan durante os minutos finais da emisión de hoxe e comentamos algunhas cousas relacionadas coa nosa Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellà. Alfonso é o Vicepresidente da Entidade e acompañaranos na presentación do libro "Certame de Poesía Rosalía de Castro (2019-2023)" que realizaremos o día vintenove deste mes de novembro no CULTURGAL-2024, en Pontevedra ás 16h, xunto co Ilmo.Sr. Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, don Valentín Garcia Gómez e Armando Requeixo, e posiblemente coa presencia dalgúns dos poetas premiados. Unha numerosa cantidade de socios compoñentes do Grupo de Gaitas e Danzas, están actualmente ao outro lado do Atlántico, convidados polo Centro Galego de México para celebrar con eles o San Martiño. Tamén nos comenta a celebración dos campionatos de brisca e tute, así como a celebración da cea de convivio que se realizará o vindeiro día sete de decembro, para a entrega dos Premiados do "XXXVIII Certame de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro de Cornellà" Agradecémoslle a súa presencia e despedímonos ata pronto.

A continuación escoitamos a colaboración do noso correspondente nas Rias Baixas, concretamente dende Combarro, XULIO SIMÓN RUA, que nos fai partícipes das súas referencias culturais e literarias sempre moi ben escollidas. Agradecémoslle a súa paarticipación.

Deixamos aquí o programa completo.





Ningún comentario:

SÁBADO 23 de NOVEMBRO do 2024

Unha semaniña máis con todos vostedes. Tentamos levar adiante este programa con ánimos de aprender e procurar ofrecervos dúas horas de Radio...