|
|
Comezamos esta nova andaina, Tempada 2024-2025, con moitas ganas de poder aprender con todos vosoutros, e tentar ofrecerlles unha emisión semanal chea de contidos galegos en tódolos ámbitos relacionados coa comunicación, informacións, música, novidades, actividades das Asociacións Galegas en Cataluña (pero moi concretamente as da nosa Entidade, A.C.G.Rosalía de Castro de Cornellà) e desexando que tódolos nosos oíntes e seguidores se sintan partícipes. Agardamos as vosas críticas e suxerencias. Despois da nosa sintonía, das salutacións correspondentes, dámoslle a ben-vinda a
PAI AKONA (Rafa para os amigos) que nos visita nos estudios e escoitamos unha peza de música composta por el mesmo. Conectamos co noso correspondente na Costa da Morte,
OSCAR MANUEL REY CALO, que continúa ofrecéndonos a súa crónica semanal, chea de contidos informativos; mais ben é un resumo das moitas novidades que acontecen naquel recuncho da nosa terra galega, e que se atopan máis amplas e detalladas na páxina que el mesmo nos anuncia:
quepasanacosta.gal. Antes de finalizar a crónica-conversa lémbralle a tódolos nosos oíntes e seguidores que poden consultar a páxina mencionada e que este noso programa voltará a emitirse mañá, domingo, a partir das dez da mañá en
Radio Roncudo e
Radio Neria.
Continuamos a emisión e mantemos unha pequena conversa co noso convidado de hoxe, que moi amablemente nos visita para comentarnos a súa faceta creativa musical, que se centra no proxecto utopian.pop. Ten páxina en Instagram e en Spotify. Agasállanos cunha peza con letra reivindicativa en contra do asunto "Altri" de Galicia. Felicitámolo e escoitamos máis música del.
A seguinte participación é con MIRIAM RODRÍGUEZ SÁNCHEZ, da A.C.G.Rosalía de Castro, responsable de Cultura e que será quen nos axudará nesta tarefa comunicativa. Concretamente hoxe mesmo infórmanos da actuación que terán na "Festa do San Froilán en Nou Barris". Tamén nos adianta algunhas actividades para este mes, como a celebración do Magosto, na sede da Asociación, os Campionatos de Tute e Brisca, a actuación na praza Europa de Hospitalet, colaborando coa Casa Galega de Hospitalet, na celebración do "Hospifolk", e a vindeira celebración do fallo do "XXXVIII Certame de Poesía Rosalía de Castro" como colofón da Semana Cultural, prevista para as datas do seis, sete e oito de decembro próximo. Agradecémoslle a súa participación de hoxe, e tomamos nota porque seguro que contaremos coa súa participación en vindeiras datas.
Contactamos co noso colaborador-correspondente
XOAN ARCO DA VELLA, grande viaxeiro e fotógrafo da nosa cultura galega e portuguesa. Hoxe fálanos do Couto Mixto, que visitou nos días de verán informando moi detalladamente daquela "República Independente" única en toda Europa, que foi un modelo democrático exemplar. Tamén nos comenta a recente visita a Vila do Conde, onde recolleu moitas e interesantes imaxes do Acueducto Romano, moi ben conservado, obra de enxeñería espectaculare que paga a pena visitar. Para a vindeira semana falaranos doutra visita moi interesante que fixo a un lugar castrense que se atopa en terras de Melón.
Retomamos a conversa con Pai Akona (Rafa para os amigos), este músico compositor, cantautor que nos comenta o traballo que está a levar a cabo titulado utopian.pop. Convida a tódolos oíntes e seguidores que se metan en internet, e na súa páxina de instagram para asinar a proposta que se está a realizar por Greempace, para que non se realice ese proxecto de Altri, na zona do Ulloa. Tamén escoitamos outra das súas pezas musicais.
Falamos agora con
INES SUÁREZ REY, que é unha das compoñentes do Grupo musical:
MAIANAS PANDERETEIRAS da MAÍA, da localidade de AMES, Val da Maía como ela mesmo nos indica. Felicitámola pola publicación do seu novo CD, que leva por título:
Fala de min. Entrevistámola (un bocadiño tan só) para que nos conte algo da súa traxectoria musical. Coméntanos cales son as que forman ese quinteto musical feminino, que está tendo moita repercusión e levan participando e dando a coñecer ese seu novo traballo por distintas localidades galegas. Esta foi un primeiro contacto e escoitamos alguna das súas pezas musicais, pero prometémonos voltar a comunicarnos con elas para que nos axuden a coñecelas mellor e saber máis das súas inquedanzas e creacións musicais.
Recibimos agora a CAROLINA SILVA, Presidenta da Asociación Pro-Fundación MANOEL VELLO. Fainos un pequeno percorrido descritivo de cales son as pretensións e proxectos desta Asociación que leva por dianteira reivindicar o emprego do galego en tódolos ámbitos: No comsumo, No traballo, No lecer, Nos medios... Proponlle a tódolos interesados que se introduzan na súa páxina: manoelvello.gal e que se fagan socios e partícipes, para poder acadar esa finalidade tan interesante e importante para o emprego do noso idioma galego. Agradecémoslle a súa participación no noso programa de hoxe.
E finalizamos o programa de hoxe, acompañados con Pai Akona, despedíndonos de todos vosoutros, desexando que volvan a sintonizarnos o vindeiro sábado á mesma hora. ¡Feliz Semana!
Coma sempre, aquí teñen o programa completo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario