Un sábado máis con todos vosoutros tentando "amenizar" estas dúas horiñas de radio en galego. Despois da sintonía de conexión e das salutacións de comezo conectamos co noso correspondente na Costa da Morte, OSCAR REY, que nos ten preparada unha crónica resumida de informacións e noticias interesantes daquela contorna. Coma sempre recomenda que se acheguen á páxina quepasanacosta.gal, onde poderán recibir unha maior e máis completa información das noticias.
A segunda convidada é ANDREA NUNES BRIÓNS, Profesora, Filóloga, Escritora e Poeta galega, que acadou o 3º Premio no "XXXVI Certame de Poesía Rosalía de Castro" co poema que leva por título: "Incríbel pero certa". O Xurado dixo deste poema o seguinte: Unha reescrita dende o feminismo. Cultura popular. Amor non tóxico con tintes de bixesualidade. Representa un amor plural. Escrita transgresora pero non ofensiva, que vai do universal ao particular. Moderna, diferente. Recíbenos moi amablemente e mantemos unha conversa moi entretida e interesámonos pola súa traxectoria creativa. Está a piques de publicar un novo poemario. Convidámola a que se achegue a Barcelona para presentalo no Sant Jordi. Agradecémoslle o agasallo que nos fai recitando un poema dos seus. Seguiremos en contacto.
Continuamos a emisión e poñémonos en contacto co noso amigo HENRIQUE FDEZ-MON SÁNCHEZ, que nos reciben, recén chegado dunha súa viaxe a Vigo. Coméntanos as súas vivencias do traxecto en tren dende esa localidade ata Monforte de Lemos, que lle lembra aquela fermosísima canción de Andrés Dobarro: "Tren que me leva pola beira do río... ..." Unha intervención saudosa e de recordos que algúns delas conforman parte da historia vivida por moitos galegos que tiveron que vir a traballar a Cataluña. Agradecémoslle a súa participación no programa de hoxe.
A seguinte intervención é a de
MALORES VILLANUEVA, Profesora e escritora galega nada en Xesteira (Cerdedo-Cotobade). Recibímola e felicitámola por ter presentado o seu libro sobre a Biografía de don Paco: Fracisco Fernández del Riego. Malores foi a persoa que estivo ao seu carón durante moitos anos, e moi especialmente traballando con el. Agradecémoslle que nos reciba tan amablemente. Non puidemos falar moito de don Paco, porque estivemos a preguntarlle outros asuntos máis xenerais. Prometémonos voltar a conectar con ela noutro momento e entón falaremos, polo miúdo, dese libro ao que lle auguramos moito éxito por moita documentación que aporta e porque ademais neste ano celébranse as Letras Galegas-2023 conmemorando a figura de don Paco. Moitas grazas Malores.
Finalizamos despedíndonos ate o vindeiro sábado, pero deixamos colgada a colaboración do noso correspondente nas Rías Baixes, XULIO SIMÓN.
Tamén lles ofrecemos o programa completo, aquí mesmo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario