sábado, 28 de xaneiro de 2023

SÁBADO 28 de XANEIRO do 2023

Un sábado máis con todos vosoutros para ofrecervos este programiña de dúas horas en galego. Comezamos coa nosa sintonía, as salutacións de rigor e a continuación, despois de escoitar, en primicia o novo CD de María do CEO: "Galicia NAI", poñémonos en contacto co noso correspondente na Costa da Morte, OSCAR REY, que nos fai partícipes das noticias escollidas relacionadas con aquela zona. Xa saben que poden ampliar estes datos na páxina "quepasanacosta.com".

Continuamos coa escoita doutra peza do último CD de María do Ceo e agora conectamos novamente con Galicia para falar coa Sra.Alcaldesa do Concello de Vilariño de Conso, dona MELISA MACIA DOMÍNGUEZ, que nos recibe moi amablemente e ponnos ao corrente da próxima celebración da "34 FESTA do Cabrito 2023" prevista para o día 18 de febreiro, que xunto co Entroido de Vilariño, está declarada "Festa de Interese Turístico de Galicia". Mantemos unha conversa-entrevista moi interesante e chea de informacións moi importantes para todos aqueles que desexen visitar ese Concello da montaña Ourensana. Fálanos da gastronomía, da xeografía chea de encanto, dos encoros (das Portas, do Zenza e da Edrada), da bica, do postre especial "Montonico"... ... e convida a tódolos nosos oíntes e seguidores que se acheguen a Vilariño en calquera época do ano que serán ben recibidos, pero que no Entroido e na Mazcarada (no mes de Marzo) son datas impresionantes para disfrutar de algo moi particular e único. Desexamos que teñan moita sorte.

O seguinte convidado é CARLOS PARDO, da Empresa "Vallelongo", que será un dos colaboradores do "XIX Festival del Botillo" en Cataluña, organizado pola ASOBECAT (Asociación de Bercianos en Cataluña), previsto para o día 26 de febreiro próximo. Fálanos dos productos que elaboran e da súa participación neste evento ao que aportará algúns dos seus elaborados productos. Desexámoslle moitos éxitos e agradecémoslle a súa participación no programa de hoxe.

Recibimos agora a colaboración da nosa correspondente no Ancares Lugueses, FERNANDA FOLLANA NEIRA, que tamén ten preparada a súa aportación informativa cunha documentación moi interesante. Despedímola con música de María do Ceo.

Falamos agora co noso Poeta da Mariña Luguesa, PACO RIVAS, que nos agasalla coa declamación de dúas das súas creacións poéticas. Agradecémoslle esa lectura que compartimos con tódolos nosos oíntes e seguidores.

Despedímonos ate o vindeiro sábado á mesma hora.

E colocamos, no final, a crónica do noso correspondente nas Rías Baixas, concretamente en Combarro, XULIO SIMÓN, que fai un percorrido cultural moi engaiolante, despedíndose cunha peza musical elixida por el mesmo.

Deixamos aquí o programa completo.

sábado, 21 de xaneiro de 2023

SÁBADO 21 de XANEIRO do 2023

Un sábado máis con todos vosoutros tentando "amenizar" estas dúas horiñas de radio en galego. Despois da sintonía de conexión e das salutacións de comezo conectamos co noso correspondente na Costa da Morte, OSCAR REY, que nos ten preparada unha crónica resumida de informacións e noticias interesantes daquela contorna. Coma sempre recomenda que se acheguen á páxina quepasanacosta.gal, onde poderán recibir unha maior e máis completa información das noticias.

 

A segunda convidada é ANDREA NUNES BRIÓNS, Profesora, Filóloga, Escritora e Poeta galega, que acadou o 3º Premio no "XXXVI Certame de Poesía Rosalía de Castro" co poema que leva por título: "Incríbel pero certa". O Xurado dixo deste poema o seguinte: Unha reescrita dende o feminismo. Cultura popular. Amor non tóxico con tintes de bixesualidade. Representa un amor plural. Escrita transgresora pero non ofensiva, que vai do universal ao particular. Moderna, diferente. Recíbenos moi amablemente e mantemos unha conversa moi entretida e interesámonos pola súa traxectoria creativa. Está a piques de publicar un novo poemario. Convidámola a que se achegue a Barcelona para presentalo no Sant Jordi. Agradecémoslle o agasallo que nos fai recitando un poema dos seus. Seguiremos en contacto.

Continuamos a emisión e poñémonos en contacto co noso amigo HENRIQUE FDEZ-MON SÁNCHEZ, que nos reciben, recén chegado dunha súa viaxe a Vigo. Coméntanos as súas vivencias do traxecto en tren dende esa localidade ata Monforte de Lemos, que lle lembra aquela fermosísima canción de Andrés Dobarro: "Tren que me leva pola beira do río... ..." Unha intervención saudosa e de recordos que algúns delas conforman parte da historia vivida por moitos galegos que tiveron que vir a traballar a Cataluña. Agradecémoslle a súa participación no programa de hoxe.

A seguinte intervención é a de MALORES VILLANUEVA, Profesora e escritora galega nada en Xesteira (Cerdedo-Cotobade). Recibímola e felicitámola por ter presentado o seu libro sobre a Biografía de don Paco: Fracisco Fernández del Riego. Malores foi a persoa que estivo ao seu carón durante moitos anos, e moi especialmente traballando con el. Agradecémoslle que nos reciba tan amablemente. Non puidemos falar moito de don Paco, porque estivemos a preguntarlle outros asuntos máis xenerais. Prometémonos voltar a conectar con ela noutro momento e entón falaremos, polo miúdo, dese libro ao que lle auguramos moito éxito por moita documentación que aporta e porque ademais neste ano celébranse as Letras Galegas-2023 conmemorando a figura de don Paco. Moitas grazas Malores.
 

Finalizamos despedíndonos ate o vindeiro sábado, pero deixamos colgada a colaboración do noso correspondente nas Rías Baixes, XULIO SIMÓN.

 

Tamén lles ofrecemos o programa completo, aquí mesmo.

 



 

sábado, 14 de xaneiro de 2023

14 de XANEIRO do 2023

Primeiro Programa do 2023.

Comezamos coas salutacións habituais e despois de escoitar un bocadiño de música poñémonos en contacto coa nosa correspondente nos Ancares Lugueses, FERNANDA FOLLANA NEIRA, que ten preparada a súa intervención semanal para actualizarnos algunhas novidades e interesantes informacións.

Despois poñémonos en contacto con ANTÍA YÁÑEZ, Profesora e escritora galega, coa que xa tivemos anteriormente algún contacto e conversa interesante, pero que nesta ocasión queremos felicitala porque unha das súas publicacións: "PLAN DE RESCATE", foi elixida, entre 200 obras presentadas, na selección de "Ibby oustanding books for young people with disabilities" (libros destacados para persoas con discapacidade). Infórmanos que, en breve, voltará estar no prelo traducida ao castelán e ao catalán. Agradecémoslle a súa participación no noso programa de hoxe e desexámoslle que siga acadando moitos éxitos.

A seguinte é a conversa que mantivemos con CRISTINA CORRAL SOILÁN, Profesora, poeta e escritora que nos comenta a súa faceta de incansable escritora, que sempre está a escribir, que estivo no Culturgal de Pontevedra asinando e entregando o seu libro ilustrado: "No Faiado". Enviámoslle os nosos mellores desexos e que seguiremos a súa traxectoria e continuaremos en contacto.

Continuamos a segunda hora de programa conectando co noso correspondente na Costa da Morte, OSCAR REY CALO, que nos aporta a súa resumida e escollida crónica semanal relacionada coas novidades daquela contorna galega. Lembramos, unha vez máis, que poden seguir informándose e ampliando ese coñecemento si visitan a páxina quepasanacosta.gal. O programa reemitirase en Radio Concudo e Radio Neria, o domingo próximo.

Falamos co noso Presidente da A.C.G.Rosalía de Castro de Cornellà, ÓLIVER FERNÁNDEZ, a quen felicitamos polo seu labor a prol da nosa cultura, pero moi concretamente pola participación no evento celebrado o día 10 de decembro pasado: "Unha Xeración. Dous Mundos". Tamén o felicitamos pola participación no Concerto do día 30 de Decembro no Palau da Música de BCN, xunto a Carlos Núñez, convidados con outros participantes doutras entidades. Estivo, nesta ocasión expresamente o noso Presidente e outros compoñentes da nosa Asociación, no Concerto de Carlos Núñez celebrado no Auditori de Girona o día 7 de xaneiro. Parabens! Os que o desexen xa poden anotarse para as clases de música, gaita, pandeireta, informática e tódalas actividades que xa están en marcha na Entidade. Seguiremos informando das diferentes actividades que se vaian realizando.

 

Conversamos co noso poeta da Mariña Luguesa, PACO RIVAS, que sempre ten unha agradable intervención no noso programa.

Despedimos o programa de hoxe coa intervención do noso correspondente nas Rías Baixas, XULIO SIMÓN.

Colgamos aquí o programa completo.


SÁBADO 19 de OUTUBRO do 2024

Comezamos coa nosa sintonía, as salutacións de sempre e unha peciña de música para recibir ao noso primeiro convidado, que é o noso correspo...