sábado, 11 de maio de 2019

SÁBADO 11 de MAIO do 2019

Comezamos outro programa de "Semprengalicia" dándolles a ben-vida e ofrecéndolles escoitar unha peciña musical para conectar con Galicia, concretamente coa Baixa Limia, onde se atopa o noso correspondente José Lamela Bautista, que nos presenta ao seu convidado de hoxe, don MANUEL MARIÑO, propietario do Restaurante LINDO VERDE, en Lindoso, que acaba de "reinaugurar" ese establecemento. Mantemos unha conversa moi interesante falando das ofertas gastronómicas que se poden degustar nese emblemático lugar, situado ao pe do Castelo de Lindoso e pertiño do encoro do mesmo nome. Agradecémoslle a súa amable atención e prometémonos visitalo en canto vaiamos por aquela zona tan feiticeira, para poder xantar algún deses pratos deliciosos que preparan con tanta excelencia.

Falamos agora con RAQUEL DA VENTA, prologuista do libro de Mercedes Taracido: "Por camiños e carreiros", do que xa tiñamos falado, pero aproveitamos esta conversa-entrevista para que nos amplíe coñecementos sobre a nosa amiga Mercedes, que con tanto cariño confeccionou ese libriño. Foi un pracer poder departir con Raquel estes minutos de conversa sobre a parella conformada por Mercedes e Máximo, aos que aprezamos e admiramos.

Na segunda hora o noso correspondente nas Rías Baixas, concretmente en Combarro, Xulio Simón, preséntanos ao seu convidado de hoxe, o grande Cantautor LUIS PASTOR, ao que lle profesamos grande admiración, pola súa traxectoria creativa tan fecunda e pola súa aposta en defensa da liberdade, tanto no período franquista como actualmente, que segue a dar concertos sen parar.

Despois conectamos novamente con Galicia, para falarmos con José Carlos Ulloa, un poeta lucense que nos adianta a próxima publicación de dous libros da súa autoría e que contarán con diversas colaboracións de persoas amigas e poetas coma el.

Tiñamos previsto falar con Nieves Fernández Vidueira, a nosa pastora poeta, porque desexabamos agradecerlle públicamente a atención que nos dispensa, xa que nos enviou o seu libro "Retrincos do meu ser". Non nos foi posible e así aproveitamos para ler un dos seus poemas adicados á aldea de Quintela doPando (Viana do Bolo) lugar de nacemento da autora. Despois de escoitar outro bocadiño de música e desexarlles que pasen unha feliz semana, despedímonos ate o vindeiro sábado.


Ningún comentario:

SÁBADO 26 de OTUBRO do 2024

Unha semana máis, como cada sábado, outra emisión do noso programa, con entrevistas, música e noticias dende Galicia. Comezamos coa nosa sin...