Comezamos unha nova tempada. Un ano máis, e xa van 25, Sempre en Galicia quere ser partícipe das inquedanzas de todos. Desexamos continuar na mesma liña de traballo coa que se encetou esta tarefa. E para animarvos a participar nesta teima, estas son algunhas propostas.
.- En primeiro lugar queremos mudar de sintonía e desexamos que vostedes mesmos sexan os que elixan a música de comezo e sintonía que identificará a nosa emisión. Así pois xa poden enviarnos as súas suxerencias ao noso correo: semprengalicia@gmail.com ou chamar ao teléfono da emisora: 933778200, ou mandar un comentario á nosa páxina http://semprengalicia.blogspot.com/. Decidirémolo, conxuntamente con todos vostedes, o día 22 de outubro, así que teñen tempo dabondo para enviarnos as súas propostas. Aquela proposta que saia gañadora recibirá como agasallo un reloxio marca Adolfo Domínguez, que temos reservado do sorteo que fixemos con motivo do aniversario pasado.
.- En segundo lugar, e como novidade, incorporaremos á nosa emisión a Xosé Lamela, o anterior director deste programa, que nos axudará a levar a nova sección que chamaremos tertulia-entrevista-conversa cun convidado dende Galicia. Tamén agardamos as suxerencias e propostas de todos vostedes, aprezados oíntes.
.- En terceiro lugar, aínda que esta non é novidade, tentaremos ofrecerlles tódalas novidades musicais que se vaian publicando en Galicia. Para eso teremos a colaboración e participación desinteresada, coma sempre, de Serxio Seoane.
.- E por último, como en edicións anteriores, comunicarémonos con Xulio Simón que nos fará a súa crónica dende Combarro (capital das Rías Baixas, para nosoutros). Tamén contaremos coa participación e colaboración de Paco Rivas, o noso poeta da Mariña Lucense, que dende as Rías Altas farános disfrutar das súas creacións e de seguro que tamén nos deleitará con algún que outro relato dos seus.
Non esqueceremos o relatorio de actividades e acontecementos que se vaian sucedendo na nosa Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro, seguiremos a informarlles das novidades que nos vaian chegando á nosa Redacción e darémoslle cumprida información, como resumo, de todo o acontecido na semana e adiantarémoslles aquelas noticias que teñamos.
Todo esto farémolo este humilde equipo que esta formado por Marc FORT, responsable técnico, Antonio Díaz, director da revista Lúa Nova, Serxio Seoane xerente de “Serxio Folk.Produccións” e quen lles fala, Xulio Couxil, ao seu servicio para o que desexen comunicarnos ou suxerirnos. O noso compango, coma sempre, será a música galega que temos na biblioteca, como esta que agora mesmo lles convidamos a escoitar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario