domingo, 8 de febreiro de 2009

7 de febreiro do 2009

O programa de hoxe foi engaiolante. Tiven a honra de face-lo con MANUEL RODRÍGUEZ JULIÁN, o primeiro Director deste "Sempre en Galicia". Para min foi un pracer especial contar coa súa axuda e prensencia nos estudios. Mágoa para todos nosoutros que por motivos alleos á miña persoa non podo ofrecervos as grabacións do que fixemos. Un problema técnico impediume ter recollida con fidelidade a grabación do programa. Disculpádeme, sinto moito non poder colgar as diferentes intervencións dos entrevistados.

Comezamos cunha pequena introducción, dando a coñecer diversas noticias chegadas dende Galicia á nosa redacción. Facémonos eco da toma de posesión da cadeira que ocupaba don Miguel Anxo Araúxo na Real Academia Galega, por parte de Margarida Ledo Andión, ben coñecida de moitos dos nosos oíntes. Damos cumprida lectura de todas elas e deseguida comunicámonos con Galicia para falar con CELSO PARADA, director do Teatro do Morcego. Falamos da obra que se vai a representar no Teatre Gaudí, concretamente na Sala Gran, da obra que leva por título: "O Club da Calceta". Unha obra interpretada por 7 actrices galegas, todas elas de alto nivel. Sete mulleres que interpretan unha obra que ben tendo un éxito extraordinario en Galicia e que agora veñen a ofrecer ao público de Barcelona dende o 12 de febreiro. Un agasallo especial para os nosos oíntes foi que perante os días que se faga a interpretación as cinco primeiras entradas veránse agraciadas cun libro da novela de María Raimóndez, autora da novela na que se basa a obra teatral do mesmo nome: "O Club da Calceta". Augurámoslle o mesmo éxito ca en Galicia, ou máis.

A segunda comunicación con Galicia é para mantermos unha longa conversa-entrevista co Sr.Alcalde de ARZÚA, don Xaquin García Couso, co-fundador da Asociación Rosalía de Castro de Cornellà, que nos atende moi amablemente a pesares de que ten un día moi atafegado de traballo, xa que precisamante este serán teñen un mítin de pre-campaña electoral na Casa de Cultura da vila, do candidato a Presidente da Xunta, don Anxo Quintana, acompañado de Ana Pontón, a segunda da lista pola Coruña e Armando Carril. Agradecémosllo persoalmente e comezamos a entrevista pedíndolle que nos faga un breve repaso do que se está a facer naquelas contornas e qué previsións teñen con respecto aos resultados das vindeiras eleccións do 1 de marzo. As súas respostas van encamiñadas a ofrecer unha visión de futuro moi semellante á actual situación política, segundo as enquisas, na que se voltaría a reproducir a coalición bipartita do PSG e o BNG, xa que as previsións son de que o PP perda como mínimo 5 ou 6 representantes, que virán a engrosar as filas dos actuais coalicionistas, aínda que está por definir cal dos dous partidos será o receptor da perda dos conservadores. Sigue a darnos unha visión moi positiva do seu concello, que ten unhas infraestucturas moi avanzadas para todos aqueles que desexen visitalo, convida a tódolos oíntes para que pasen a visitalo e emprezámonos para vindeiras ocasións nas que poidamos falar máis polo miúdo das ofertas da súa vila.

Seguindo a liña encetada a semana pasada continuamos coas nosas conversas cos responsables dalgunha das diferentes casa rurais da vila de Viana do Bolo. Nesta ocasión tocounos falar con Toñi, a responsable do "Hotel O Retorno", que lles informa aos nosos oíntes das comodidades e lecer do que poden disfrutar reservando unha habitación neste hoteliño con encanto.
A seguinte conversa é con Mª dos Anxos
, a responsalbe do "Hotel Vila de Viana", que tamén afirma a non existencia de habitacións para a fin de semana do Entroido Vianés, concretamente a do 21 e 22 de febreiro, pero que anima a tódolos oíntes a visitar a zona en calquera outra ocasión, non só por disfrutar da estancia nese hoteliño, que foi unha vivenda recuperada do século XIX, senón tamén polas moitas posibilidades que teñen de poder pasear polas ribeiras dos rios Bibey e do Camba, así como comprobar as fermosas vistas que ofrecen os embalses do arredor.

A semanal intervención de PACO RIVAS fainos entrar na faceta creadora e poética deste noso incondicional colaborador da Mariña Lucense, que regala á nosa audiencia varios poemiñas xogueteiros (como dicía el) cheos de engado e de feitizos.
Despois, rematamos o programa coa inesquecida declamación poética dunha composición propia da nosa poeta galega en Barcelona IRIA FERNÁNDEZ.

Volvo a perdirvos disculpas. Non podo ofrecervos as grabacións por certos problemas técnicos que tiven a última hora. Sintoo moitísimo!!!, pero prométovos recompensar este "erro" con máis dedicación e entrega en vindeiras ocasións.
Saudiños a todos e ata a vindeira semana.

Aproveito a ocasión para enviarlle un saúdo cordial e darlle as máis expresivas gracias a "Goroca", pola súa "axuda" e colaboración poñéndonos en contacto con Celso Parada. Nalgún momento falaremos con el en directo, se é posible.
¡Moitas Graciñas Gonzalo!

2 comentarios:

Chousa da Alcandra dixo...

Contamos contigo para o sorteo deses VIANOS!.

E non recibiches o meu correo no que che indicaba o xeito de contactar telefonicamente?

Arlete Piedade Louro dixo...

Olá, recebi o teu recado e já tens um número para o meu sorteio, agora espero que também me dês um número para os Vianos. Abraços desde Santarém, Arlete

SÁBADO 23 de NOVEMBRO do 2024

Unha semaniña máis con todos vostedes. Tentamos levar adiante este programa con ánimos de aprender e procurar ofrecervos dúas horas de Radio...