Outro sábado máis con todos vosoutros. Comezamos coa nosa sintonía de sempre, as salutacións e un bocadiño de música para achegarnos a Galicia e conectar con FERRÁN BOTIFOLL, de "Denigrantes Comediantes", que actualmente se atopan en Nigrán, participando nun traballo moi interesante, relacionado co Teatro. Coméntanos algunhas curiosidades e interesantes proxectos nos que están implicados, tanto el como a súa compañeira MARIEN BREIS, que son os responsables desta tarefa teatral. Acaban de estar en Gondomar, no Centro Cultural A Merced de Chaín, coa representación de "Te amaré hasta que te odie" (unha triloxía de amores improbables). Fainos unha pequena descrición deste traballo que deron a coñecer e tamén nos adianta unha exclusiva que está relacionada co seu próximo espectáculo: "Lo que callamos". Desexamos que teñan moito éxito.
Damos cumprida información dun evento moi importante: "Terceiro Encontro ENOLITERARIO" que se celebrará próximamente, concretamente o día 7 de xuño no Hotel Literario "Bela Fisterra". unha verdadeira celebración cultural. Como me daba a coñecer o noso colaborador Pepe Formoso: "Un tempo e espazo de confraternidade entre escritores, escritoras, lectores e lectoras, acompañados con 100 dos mellores viños de Galicia, pilotados por Alex e Luís Paadin. Un xeito ameno e informal de coñecer viños das 5 Denominacións de Orixe e as IXP que temos en Galicia. Desexámoslles moitos éxitos!!!
Conversamos co noso correspondente XOAN ARCO DA VELLA, ese incansable viaxeiro e reporteiro gráfico que nos achega informacións moi interesantes da nosa xeografía galega. Nesta ocasión coméntanos a visita ás "neveiras" ou "casas da neve" de Fixó, parroquia de Millerada (Forcarei)... Tamén nos fala da visita que fixo a un lugar excepcional: SISTELO, un lugar chamado o "Pequeno Tibet de Portugal", que se atopa no Municipio de Arcos de Valdevez, no Norte de Portugal. Outra zona que nos convida visitar pola beleza natural e pola estupenda degustación de pratos tradicionais e rexionais de grande prestixio. Agradecémoslle a súa aportación.
Continuamos o programa, escoitando a peza: "Corcubión-Corralín", do Grupo "UNTO VELLO", composto por BIEITO PEREIRA e XABI GÓMEZ. Dous xóvenes e grandes intérpretes da nosa música tradicional galega. Parabenizámolos polo seu traballo interpretativo e de recolleita de pezas tradicionais galegas. Despois dunha pequena conversa-entrevista na que nos adiantan que están a traballar para poder editar un disco próximamente, despedímolos con outra peza deles: "Adelaida". Desexamos que sigan colleitando moitos éxitos.
Recibimos a ALEX ARNOSO, compoñente do Grupo de Rock "VIMBIO", que nos comenta precisamente a peza musical coa que o recibimos. Unha colaboración con "Chavello" e que é unha aportación musical galega para complementar unha interpretación tradicional galega. Agradecémoslle a súa aportación no programa de hoxe e desexamos que teñan moito éxito na súa andaina.
Temos a comunicación do noso compañeiro ARMANDO FERNÁNDEZ LÓPEZ, que aínda segue a recuperarse, pero que atópase con folgos para intervir no programa de hoxe, desexándonos que todo decorra con ben. Nosoutros desexámoslle, tamén , que siga recuperándose para que poida achegarse aos estudios próximamente. Enviámoslle moitos ánimos e que siga coidándose para que pronto o teñamos connosco.
Despedímonos ate o vindeiro sábado á mesma hora. Que teñan unha feliz semana.
E deixamos aquí o programa Completo-Enteiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario