domingo, 11 de maio de 2025

SÁBADO 10 de MAIO do 2025

A emisión do programa deste sábado fixémola dende Pantón e tamén aproveitando os estudios de "Radio Monforte", con Rafa Aguiar como "cicerone". Estivemos nestas dúas localidades e tivemos a honra de participar na "XXX Mostra de Viños da Ribeira Sacra - 2025 en Pantón". Aproveitamos para entrevistar ao Sr. Alcalde e tamén ao Técnico de Cultura dese Concello. A verdade é que temos que disculparnos xa que a gravación foi un tanto accidentada, porque estabamos no recinto onde se celebraba e había de fondo música con alto volume, pero coido que se poden escoitar bastante ben as intervencións que temos ao final desta publicación. A primeira intervención é a do noso correspondente, reporteiro e viaxeiro XOAN ARCO DA VELLA, que nesta ocasión fálanos dunha capela algo descoñecida para a maioría dos galegos, e ademais moi perto do lugar onde nos atopamos: A capela de Santa María de Nogueira do Miño (Chantada). Esta igrexa é a chamada "Capilla Sixtina galega", situada enriba do meandro "Cabo do Mundo". Destacan varias imaxes como o "Xuizo Final" co Cristo arrodeado dos anxos, a Paixón de Cristo, a Coroación da Virxe e o Martirio de San Sebastián, entre outras moitas. Unha visita que paga a pena realizar e disfrutar. Agradecémoslle a súa aportación tan interesante.

Continuamos a emisión conversando con Rafa Aguiar, responsable e director de "Radio Monforte", que nos convidou a realizar este programa dende Monforte. Coméntanos o grande esforzo e dedicación que precisa a Radio. Ten unha traxectoria moi longa na comunicación e a súa implicación coa información. Uns estudios aos que lle dedica toda a atención, moi ben preparados e cunha moi boa calidade técnica. Agradecémoslle o seu convite e a súa atención nesta comunicación, histórica para nosoutros, e que ficará como un referente de intercambio entre a Radio Municipal de Cornellà (en Cataluña) e Radio Monforte (en Galicia). Desexámoslle que siga colleitando moitos éxitos nesta tarefa informativa e de proximidade.

Recibimos a crónica do noso correspondente na Costa da Morte OSCAR M. REY CALO, que sempre ten preparada unha intervención moi interesante. Nesta ocasión fálanos da visita que fixeron á Fundación Manuel María en Outeiro de Rey. E tamén nos informa dalgunhas novidades daquela contorna da Costa da Morte, que como sabedes sempre se poden ampliar na páxina quepasanacosta.gal, e volve a lembrarnos que este programa re-emítise o domingo en Radio Roncudo. Agradecmento para este noso correspondente.

Escoitamos a gravación que fixemos no Castro de Ferreira, capital Municipal de Pantón, ao Técnico de Cultura don FRANCISCO JAVIER GONZÁLEZ DÍAZ. Axúdanos a coñecer, un pouco polo miúdo, a localidade que está bañada por tres ríos: O Miño, o Sil e o Cabe, que son os que recollen as ribeiras cultivables de viñedos de grande sona peertencentes á D.O. Ribeira Sacra. Tamén nos fala da "VIII Festa da Empanada de Pantón", con moitas variedades de recheo, aínda que a máis característica é a de liscos, pero tamén se poden degustar as de vexetais, de atún e outras moitas variedades. Non podía faltar o polbo e o churrasco... ¡Moitas grazas Javier!

Tamén tivemos a honra de poder entrevistar e conversar co Ilmo.Sr.Alcalde de Pantón don JOSÉ LUÍS ÁLVAREZ BLANCO, que nos atende moi amablemente e fálanos da súa localidade amosándonos parte do patrimonio que se pode visitar e admirar, así como tamén dalgunhas construccións moi importantes para a poboación, como é o Balneario, o Mosteiro a Residencia... etcétera. Agradecémoslle a súa atención e desexámoslles que teñan moito éxito nesta celebración, que continuará o día de mañá coa recepción das autoridades e o pregón que estará a cargo de Marcial Mouzo, un grande comunicador da Radio e Televisión Galega. Prometémonos voltar a conversar con el para saber algo máis desta localidade da Ribeira Sacra, e despedímonos ate o vindeiro sábado á mesma hora.

Deixamos aquí o programa completo.




Ningún comentario:

SÁBADO 28 de XUÑO do 2025

Último programa desta tempada 2024-2025, que comezamos coa nosa sintonía de sempre e anunciando en qué consiste o programa que temos prepara...