Primeiro programa do ano. Comezamos coa nosa sintonía, as salutacións e música de
JAVI MANEIRO, a quen saudamos e felicitamos o novo ano e tamén pola recente publicación dun tema adicado aos sanitarios que o atenderon e que leva por título:
"ANXOS DO INFERNO". Mantemos con el unha conversa moi entretida e interesante. Cóntanos algo sobre o seu accidente que tivo precisamente nunha actuación en directo, cómo foi a recuperación, que aínda está a ter algunha pequena secuela e tamén rehabilitación, que está traballando e compoñendo, que pronto voltaremos a escoitar outra composición súa... Agradecémoslle a súa amable atención e desexámoslle que siga colleitando moitos éxitos.
A segunda convidada é LETICIA CASTRO, responsable coordinadora da revista SALGHADOIRO, que nos fixo chegar a nosa benquerida Ana Moldes
(prima da miña dona). Parabenizámola, extensible aos compoñentes do equipo, por tan feiticeira edición. A verdade é que se trata dunha moi coidada publicación, que está adicada á creatividade e actualidade artística da cidade de O Grove. Fainos un pequeno percorrido polas diferentes partes en que está dividida esta publicación, que segundo nos informa será bi-anual. Os interesados poden entrar na súa páxina web, para ampliar a información e adquirir algún exemplar. Seguiremos en contacto e estaremos atentos á segunda edición desta revista galega.
Continuamos a nosa emisión conectando co noso correspondente na Costa da Morte, OSCAR MANUEL REY CALO, que nos fai un pequeno percorrido informativo daquela contorna e recomenda aos nosos oíntes e seguidores que se interesen na páxina quepasanacosta.gal, onde poden ampliar, máis polo miúdo, as noticias que el nos envióu un tanto resumidas. Este programa re-emítese en Radio Roncudo e Radio Fene.
Chamamos ao noso compañeiro
ARMANDO FERNÁNDEZ, que hoxe non puido estar en directo con nosoutros, por mor dun pequeno atranco de saúde, pero que se está a recuperar. Aproveita para felicitar aos oíntes e seguidores e tamén nos comenta algunha cousiña sobre A Fonsagrada, onde hai grande celebración nos restaurantes e bares, cos "Cantos de Taberna" que moita sona están a ter.
Continuamos, na segunda hora, conectando novamente con Galicia para recibir ao noso correspondente viaxeiro, incansable reporteiro video-gráfico,
XOAN ARCO DA VELLA que sempre ten preparada a súa intervención falándonos dalgunha das súas visitas etnográficas de moito contido. Nesta ocasión fálanos do "horreos" ou cabaceiros, que estivo a visitar e fotografar na zona de Quins, en Melón. Agradecémoslle a súa aportación semanal.
Tamén conectamos coa Mariña Luguesa, para falar co poeta PACO RIVAS. A súa conversa e intervención sempre ten grande ensino para nosoutros. Coméntanos algunhasa cousas da creatividade escrita, tanto a de relatos curtos, haikus, poesía e a próxima publicación dalgún dos seus libros. Aproveita a ocasión para "declamarnos" un poema adicado ás avoas. ¡Fermoso e Feiticeiro! Escolleremos a gravación para emitila novamente nalgún programa vindeiro, e moi probablemente na emisora irmá de Sant Boi. ¡Moitas Grazas, Paco!
Recibimos a crónica do noso correspondente, XULIO SIMÓN RÚA, nas Rías Baixas, concretamente dende Combarro, que sempre menciona. Nesta ocasión fai un reducido, pero moi conciso e moi ilustrativo percorrido da figura de Daniel Alfonso Rodríguez Castelao, a quen lle dedican este ano 2025, con motivo da celebración do seu setenta e cinco cabodano. Despídese cunha peza de Suso Baamonde cantando "Castelao", composición poética de Darío Xoan Cabana. E despedímonos ate o vindeiro sábado á mesma hora.
Deixamos aquí o programa completo-enteiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario