Primeiro programa do 2019, que comezamos dándolles a ben-vinda a tódolos nosos oíntes e seguidores e despois de ofrecerlles unha peza musical conectamos coa Baixa Limia, concretamente con CRISTIAN OLIVEIRA, en Entrimo, que nos fala da recente publicación do Xornal "O PICARAÑO". Fálanos dese proxecto que levan adiante con moito interese e que será un medio de comunicación no Concello para informar e culturalizar un chisco máis o rural daquela zona. Concertamos poder voltar a comunicarnos con el e, coa axuda do noso correspondente Xosé Lamela continuaremos, coñecendo máis polo miúdo, este medio de comunicación que xa ten moitos incondicionais.
A segunda comunicación é con ALBERTO ALVAREZ, de DOMINÓ - BAR, na rúa Les Flors, 12 de Barcelona, que ten moito que ver cos productos de calidade con denominación de orixe "Bierzo", e que serven el e mais a súa compañeira JESSICA, especialista en cócteles. A súa relación coa ASOBECAT (Asociación de Bercianos en Cataluña) faille ter un cariño especial con aquela terra e el mesmo nos informa da próxima celebración da "XVI Festa do Botillo en Cataluña" prevista para o vindeiro 16 de febreiro. Primeiro farase unha Rolda de Prensa informativa o próximo sábado día 19 no Hotel Front Air de Sant Boi de Llobregat. Agradecémoslle a súa amable atención, ademais de prometerlle voltar a comunicarnos noutra ocasión.
Despois conectamos con ANTONIO DÍAZ, Director da Revista LUA NOVA, que está próxima a saír do prelo. Falamos dela e da preparación do libro-recopilatorio dos Premios de Poesía dos Certames que ten entregados a Asociación C.G.Rosalía de Castro. É un traballo moi delicado e de grande documentación, pero seguro que pronto teremos noticias dunha próxima preparación e publicación.
Tamén conectamos co noso amigo e correspondente en Navia de Suarna KIKE DE NAVIA, que nos informa da reunión que se celebrou en Santiago de Compostela sobre a Reserva da Biosfera e que afecta a aquela zona dos Ancares, así como das actividades que teñen previsto realizar en Cervantes, A Fonsagrada, Becerreá, Cervantes e outros municipios da zona. Despedímolo ate a vindeira semana.
Na segunda hora, coma sempre conectamos co noso correspondente nas Rías Baixas, XULIO SIMÓN, que nos ten preparada a participación de don ANDRÉS DACOSTA PAZ, grande coñecedor, investigador e escritor de Combarro. Unha morea de coñecementos e informacións cheas de ensino que consideramos oportuno poder voltar a poñernos en contacto con el, en vindeiros programas, para que nos siga ilustrando e axudando a prender algo máis daquela zona.
Despois falamos con MARIFÉ PÉREZ ÁRIAS, a quen consideramos xa unha amiga e grande informadora do que está a suceder naqueles Ancares moi poblados polo lobo, (neste enlace podedes ver qué fixo o lobo esoutro día) que tanto daño está a facer nas gandeirías e que ao parecer, dende fai unha tempada a esta parte non fai máis ca daño e a administración parece que non lle fai caso ningún a eses destrozos que causa aos sofridos gandeiros.
E antes de finalizar conectamos coa nosa Traductora e Poeta TAMARA ANDRÉS, que nos pon ao corriente das diferentes actividades que ultimamente veñen realizando en Combarro e en Pontevedra, todas elas de grande interese, moi relacionadas coa cultura galega en xeral (Pandereteiras, música. revista galega LIGEIA, xuntanza de poetas, publicacións varias... etcétera). Grazas a ela temos unha sección: "NO ESTRELAMPAR", que se converte nun celeste ceo brilante de estrelas que aluman e engrandecen o noso humilde programiña galego. ¡Moitas grazas!
E despedímonos ate o vindeiro sábado, que tentaremos facer outro programiña máis con todos vosoutros, os que nos seguides e escoitades e os que colaborades desinteresadamente.
Comentarios