viernes, 18 de septiembre de 2009

¡Saudiños cordiais! COMEZAMOS UNHA NOVA TEMPADA

Ola a todos.
Acabamos de recibir a confirmación OFICIAL de que o vindeiro sábado 19 de setembro ás 6h do serán poderemos comezar unha "NOVA ANDAINA", outra etapa máis de emisión en galego para todos, pero desta volta con moitas novidades e incorporacións interesantes e importantes. Así pois a primeira é que estaremos conectados directamente a Internet, dende os estudios e poderemos recibir e contestar, en directo, a tódolos comentarios, suxerencias e peticións que nos fagades os internautas. Até poderemos atender, mediante chat ou calquera outra novidade técnica, a tódolos que queirades participar. Seguro que ao principio teremos as dificultades e interrupcións correspondentes á posta en marcha deses adiantos, pero prometemos poñer todo da nosa parte para poder respostar ás vosas demandas.

Neste primeiro programa teremos tan só unha hora de emisión, é dicir de 6h á 7h. O motivo é que, segundo nos adiantou a nosa directora, haberá que conectar coas instalacións deportivas do Futbol Club Cornellà, que deberán retransmitir un dos partidos desta tempada 2009-10. Coidamos que será este sábado e agardamos non ter que retallar a nosa programación, nin mudar de horario, por mor desoutro compromiso social e popular da Radio.

Noutra orde de cousas teño que pedirvos a vosa colaboración para que esta nosa emisión sexa do agrado de todos vosoutros. Sodes vos, os oíntes e seguidores, os que nos dades azos suficientes para continuarmos coa nosa tarefa, pero gustaríanos recibir as vosas inquedanzas e as vosas suxerencias para tentar poñelas en práctica, tanto no eido da emisión de música, como das entrevistas e colaboracións. Tede por seguro que sempre serán ben recibidas e considerámolo como unha obriga poder compracervos en todo o posible.
O enderezo da nosa Radio:
Radio Cornellà 104.6 FM, Emissora Municipal
C/Costa Brava, 7 Baixos
08940 Cornellà de Llobregat
Tfonos.: 93.377.80.55 /93.377.82.00
O noso enderezo electrónico : semprengalicia@gmail.com

Para esta primeira ocasión queremos darvos a coñecer as intencións e proxectos que temos para este vindeiro curso 2009 - 2010, pero abrindo a posiblidade de poder modificar todo aquelo que pola vosa parte desexedes aportar, así como as incorporacións que posiblemente teremos, xa que os contactos mantidos perante estes meses de descanso tivemos moitas entrevistas e conversas con moitas persoas interesadas en que o noso programa se actualice, se modernice e faga o posible para que se "enganche" moitas máis xente a el. Sabemos das nosas limitacións e non temos demasiados recursos, pero queremos facer realidade aquel dito de que "fai máis o que quere que non o que pode". Os que nos coñecedes, de antigo, xa sabedes como traballamos e queremos continuar coa mesma liña, sen outra finalidade máis.

A nosa teima consistirá no seguinte :
  • * Falar en galego.
  • * Dar a coñecer tódalas noticias que nos chegan á redacción.
  • * Manter entrevistas coas persoas achegadas á nosa cultura e aquelas que desinteresadamente se prestan ás nosas solicitudes e ás nosas preguntas.
  • * Emitir todas as novidades musicais galegas, ou do noso entorno, que poidamos.
  • * Entreter e manter o interese con todos os oíntes perante esas dúas horiñas de Radio en Galego.
Contamos con todos vosoutros para acadar eses nosos anceios. Contamos coa vosa axuda

Agardámosvos o vindeiro sábado 19 de setembro de 6h a 7h do serán.

3 comentarios:

Chousa da Alcandra dijo...

Pois dende Galiza estaremos atentos a esa nova singladura. E seguiremos sendo conscentes de que tamén se fai país fora do propio país e que grazas a moita xente coma vos.
Moito ánimo e unha aperta!

Carlos Sousa dijo...

Que teñades unha boa tempada, e sigades con ese amor que profesades (ou polo menos ti) pola nosa terra.

Non puiden escoitar o programa de onte, eu tamén teño compromisos futbolísticos case tódolos sábados. Dende logo cando poida estaren aí.

Apertas.

Barreira dijo...

Benvidos de novo. Sorte no novo camiño que ides a percorrer.
Saudos.