domingo, 27 de novembro de 2022

SÁBADO 26 de NOVEMBRO do 2022

Comezamos a nosa emisión especial de hoxe saudando a algúns mebros do Xurado do "36 Certame de Poesía Rosalía de Castro", que como cada ano se achegan aos estudos para deixar constancia da súa participación e plasmar a súa presencia nunha instantánea conmemorativa. Comentan a súa participación e aproveitamos para escoitar unha peza musical para celebrar o día da violencia de xénero, reivindicativa,  interpretada por María do CEO: MORADA DE BAGOAS.

Precisamente esta peza musical axúdanos a recibir ao noso correspondente na Costa da Morte, OSCAR REY, que ten preparada a súa crónica semanal escollida, entre as moitas noticias que se poden ampliar na páxina quepasanacosta.gal.

A continuación, e porque aparecen uns pequenos atrancos para a comunicación telefónica, Armando dalles cumprida información das pezas musicais que están relacionadas precisamente co concerto que ofreceu o venres pasado o noso amigo, Profesor, Investigador, Pandereteiro e grande Cantautor XABIER DÍAZ.

Despois entrevistamos a AMANCIO PRADA, que ofrecerá un Concerto no Teatro Apolo de Barcelona, o luns día 28 co título: "Libremente". Ten previsto cantar aos poetas Rosalía de Castro, Federico García Lorca, Gustavo Adolfo Becquer, María Zambrano, Agustín García Calvo, Chicho Sánchez Ferlosio, Léo Ferré e tamén Juan Carlos Mestre. Desexámoslle moitos éxitos.

 

A seguinte é unha proposta de homenaxe a un grande poeta cubano moi aprezado na nosa Galicia e tamén en toda a Península: PABLO MILANÉS. Ofrecémoslles varias interpretacións musicais dalgúns artistas que colaboraron con el, entre os que destacamos Serrat, Sabina e os nosos benqueridos intérpretes galegos Luís Emilio Batallán ou Emilio Rúa. Tamén unha moi especial interpretada por el mesmo e a súa filla Haydée Milanés.

 

Aquí teñen o programa completo.

sábado, 19 de novembro de 2022

SÁBADO 19 de NOVEMBRO do 2022

Unha emisión máis do programa "Semprengalicia". Saudamos e damos a ben-vinda a tódolos nosos oíntes e seguidores, recibimos nos estudos a Manuel Rodríguez Julián, o primeiro Director que foi deste programiña de dúas horas en galego. Escoitamos un bocadiño de música e recibimos a crónica do noso correspondente na Costa da Morte, OSCAR REY, que como saben é un resumo escollido da páxina quepasanacosta.gal. Agradecémoslle a súa aportación.

Escoitamos outro bocadiño de música e conectamos con COTE GONZÁLEZ, Profesora de Teatro e encargada da Escena do evento: "Unha Xeración - Dous Mundos". Será o día 10 de decembro no Liceo de Barcelona. Tamén conectamos con ARTUR Pastoriza Puga, Profesor de Danza deste grande acontecemento. Conversamos con eles e enterámonos dalgúns pequenos detalles que estan preparando. Xa cáseque non hai entradas, escasean e moi posiblemente xa está o aforo completo. Agradecémoslle a súa participación.

Tamén chamamos a XURXO, Profesor encargado da sección musical do evento. Comentamos con el varios aspectos da creatividade musical, baseada na tradición e outras novidades e creacións propias destinadas a este evento, concretamente unha Alborada titulada Dous Mundos precisamente. Sentímonos moi honrados pola súa participación e desexamos que teñan moitos éxitos.

Conectamos novamente con Galicia para falarmos con OLGA NOVOA, poeta ourensana que nos fala da revista "Nós a Xente do Redor", que xa vaia polo número 8 e que están na imprenta o nº 9 listo para saír ao prelo en poucos días. Agradecémoslle o envío. Fálanos de diversos e importantes autores, poetas, antropólogos, pintores... persoas de grande valor. Tamén nos indica que os que desexen suscribirse terán como agasallo unha reproducción de grande calidade asinada polo autor da portada, que sempre é un pintor de renome e actual. Enviámoslle os nosos mellores desexos.

Confinuamos escoitando unha peza musical de LETICIA REY, Licenciada en Filoloxía e Cantautora galega. Conectamos con ela  para falar da súa creatividade e parabenizala pola súa participación, o día 28 de outubro pasado, concretamente no "V Ciclo Metropolitano de Músicas e Artes pola Igualdade". ELAS SON ARTISTAS. Unha actuación extraordinaria que foi moi celebrada polos asistentes, en O Burgo. Coméntanos ese traballo que está a facer "Kitchen Sessións", do cal xa escoitamos unha primeira canción. Tamén nos fala do seu CD "LUX" que o poden adquirir solicitándolle-lo no seu correo: leticiareymusica@gmail.com, e despedímola cunha creación musical súa:"Baleiro". Desexámoslle moitos éxitos.

Seguimos con máis música e falamos con MON DEVANE, un artista urbano, muralista moi recoñecido, que ten unha proxección moi interesante. Precisamente un dos seus traballos, concretamente o mural “Fendetestas” que foi seleccionado e Premiado como o Mellor do mes de xullo, e votado a través da plataforma Street Art Cities. É un orgullo para nosoutros poder contar coa súa participación no noso programa. Tamén nos fala dunha nova proposta que consiste en que os interesados poden adquirir, por un módico prezo, algunha das súas obras en tamaño reducido. Seguiremos a súa traxectoria e voltaremos a comunicar con el en próximas datas.

Despedímonos ate o vindeiro sábado desexándolles que teñan unha feliz semana.

Temos a continuación a intervención do noso correspondente nas Rías Baixas, XULIO SIMÓN, que sempre nos deleita coa súa escollida información semanal.

Aquí deixamos o programa completo.
 

sábado, 12 de novembro de 2022

SÁBADO 12 de NOVEMBRO do 2022

Comezamos outra emisión sabatina, coa nosa sintonía de sempre, dándolles a benvida e ofrecéndolles unha pincelada musical para despois conectar co noso correspondente na Costa da Morte, ÓSCAR REY, que sempre ten preparada unha crónica semanal moi sucinta. Agradecémoslle a súa aportación. Os que desexen ampliar esas informacións, poden abrir a páxina quepasanacosta.gal, que teñen toda a información precisa daqueles concellos galegos.

Continuamos coas informacións e comunicámonos agora con AMELIA ESPINOSO, Presidenta da Agrupación Cultural Galega AGARIMOS de Badalona. Felicitámola porque están a celebrar o Magosto 2022, na sé da Entidade. Reparto de castañas asadas acompañadas de viño doce e bolos preñados. Convidan a tódolos oíntes e seguidores que se acheguen a Badalona para disfrutar con eles desa festa galega que acompañarán con música.

Tamén nos poñemos en contacto con PEPE FORMOSO, do "Albergue Bela Muxía", porque están a celebrar un acto moi interesante: Recital Poético Musical, coa intervención do músico Manuele de Felisa e varios poetas moi recoñecidos e talentosos. Agradecémoslle a súa intervención de hoxe.

Despois falamos con Fernanda Follana Neira, a nosa correspondente nos Ancares Lugueses, que nos fai unha escollida crónica moi interesante sobre as árbores, diferenciando as de follas caducifolias e follas perennes, xunto con outra nova tipoloxía moi curiosa: arbores marcescentes. Agradecémoslle a súa aportación.

Seguimos a emisión, e como tiñamos previsto unha intervención dun adegueiro, que non pode atendernos, falamos un bocadiño da súa adega: "Eladio Piñeiro". Xa falamos nalgunha ocasión con este enólogo-adegueiro, pero agora queriamos que nos comentara algo sobre unha investigación e proposta de conservación do viño moi curiosa: 14 meses de conservación de botellas de viño dentro dunha gavia e sumerxidas no mar. Noutra ocasión agardamos que nos poida desvelar algo sobre ese traballo.

Agora falamos con HORACIO GUTIÉRREZ, grande amigo e socio do Centro Galego NÓS de Sabadell, que tamén están a celebrar o Magosto 2022. Agradecémoslle a súa intervención no programa de hoxe para informarnos da grande asistencia de socios amigos e autoridades que asisten a esa festa galega tan popular. Degustación de castañas asadas acompañadas de viño galego e departindo conversas entre amigos e coñecidos.
 

Informamos da seguinte intervención, a do noso correspondente nas Rías Baixas. Aproveitamos para despedirnos ate o sábado próximo.

Colaboración de Xulio Simón, falando da primeira emisión de Radio en Galego e doutras cousas moi interesantes.

Deixamos aquí o programa completo.

sábado, 5 de novembro de 2022

SÁBADO 5 de NOVEMBRO do 2022

Maribel e Xosé Luís

Neste primeiro programa do mes dos Santos, ofrecerémoslle dúas horiñas de Radio, en galego, moi entretidas. Saudaremos, en directo a algúns convidados que veñen a comparatir connosco a emisión de hoxe. Dámoslle a Ben-Vinda á nosa Audiencia e aos seguidores, despois da sintonía, e escoitamos un bocadiño de música para comunicarnos co noso correspondente na Costa da Morte, OSCAR REY, que nos aporta a súa crónica semanal, como resumo das noticias que acontecen naquela contorna e que poden ampliar consultando a páxina quepasanacosta.gal. ¡Moitas grazas, Oscar!

A segunda intervención-conversa é con MARIO SENEN LÓPEZ, da A.C.G.Saudade, que nos informa da celebración do "Magosto 2022", que están a celebrar. Convida a tódolos oíntes que se acheguen á rúa Chapi, 18 - 20 de Barcelona, que serán ben atendidos. Contarán coa asistencia de moitos socios e simpatizantes, así como tamén representantes e autoridades do Concello. Desexámoslle moita sorte.

Despois conectamos novamente con Galicia para falar coa Cantautora M J PÉREZ, que nos recibe moi amablemente e parabenizámola porque será a que pechará a "V EDICIÓN ELAS SON ARTISTAS" - Ciclo Metropolitano pola Igualdade na Música e nas Artes, que se ven realizando dende o mes de abril e finaliza neste mes de novembro coa súa actuación en Boiro o día 26. Conversamos con ela un bocadiño, e desexamos que siga tendo moita sorte e moitos éxitos.

Na segunda hora recibimos nos estudios a MARIBEL CASABELLA, unha "Chef" que nos visita e agradecémoslle a súa presencia e participación no programa de hoxe.

Poñémonos en contacto con DOMINGO GONZÁLEZ LORENZO, Chef do Balneario Caldaria de Lobios. Felicitámolo pola súa elaboración exquisita dun Menú "A ARNOIA", que se presenta no "XANTAR, 23 Salón Internacional de Gastronomía de Ourense". Fainos unha presentación desa elaboración que seguro fará a delicia dos comensais que teñan o privilexio de degustalo. Tamén nos comenta outras elaboracións e adiántanos a participación dunha clase presencial para os asistentes que impartirá o día 9 de novembro, e para a quen ten nada menos que cen comensais inscritos. Aproveitamos para darlle unha sorpresa a Domingo, xa que temos nos estudios a XOSÉ LUÍS PÉREZ PÉREZ, familiar de Domingo, que tamén ven a compartir connosco o programa de hoxe. Despedímonos de Domingo desexando que siga colleitando moitos éxitos.

Tamén aproveitamos para despedirnos de tódolos oíntes e seguidores, xa que desexamos achegarnos a degustar as castañas que ofrecen na Sé da nosa Asociación C.G. Rosalía de Castro, con motivo do Magosto-2022. Que teñan unha Feliz semana.

A última intervención é a do noso correspondente nas Rías Baixas, concretamente dende Combarro, XULIO SIMÓN, que nos envía a súa colaboración cultural.

 

Aquí "colgamos" a emisión completa deste sábado.

sábado, 29 de outubro de 2022

SÁBADO 29 de OUTUBRO do 2022

Outro sábado máis con vostedes. Dámoslles a ben-vinda e dispoñemonos a saudar ao noso correspondente na Costa da Morte, OSCAR REY, que ten a súa crónica semanal preparada para compartila con nosoutros. Como cada semana indicamos aquí, que poden ampliar as informacións na páxina quepasanacosta.gal.

O segundo convidado é dona MARIA CARREIRA, unha Doutoranda galega coa que mantemos unha conversa relacionada coa súa Tese Doutoral. Está baseada na investigación sobre a obra do grande autor galego Xosé Luís Méndez Ferrin. Unha honra para nosoutros, que ademais de axudarnos a coñecer un bocadiño máis do seu traballo, tamén nos comprometemos a voltar a falar con ela para seguir coñecendo moito máis sobre ese libro publicado, que nos promete agasallar, para así poder comentalo con ela.


Despois escoitamos unha peciña de música e recibimos con moita ledicia a unha grande cantautora: SHEILA PATRICIA, unha voz extraordinaria. Felicitámola por ter recibido, nos IX Premios Martín Codax de Música,  o seu Premio na categoría de Músicas do Mundo e Mestizaxe. Tamén a parabinzamos porque foi elixida para participar no Festival Internacional WOMEX, concretamente en Lisboa. Cóntanos que está a facer unha "mini-xira" por Galicia, que se achegará a Madrid... ... Despedímola coa súa interpretación de "A Moura" e desexámoslle moitos éxitos.

 

Na segunda hora continuamos conectando co noso Poeta da Mariña Luguesa, PACO RIVAS, que sempre ten unha fermosa lectura dalgún pasaxe creativo seu. Agradecémoslle a súa participación, que sempre enriquece a nosa emisión con ese apunte literario.

Continuamos falando con FERNANDA FOLLANA NEIRA, a nosa correspondente nos Ancares Lugueses. A súa aportación de hoxe ten moito que ver coa recomendación de visitar e achegarse ao Val do Neira, e poder degustar calquera dos produtos que se sirven nun dos máis antigos establecementos de España, "O Taberneiro", sito en Pena (Baralla).

Aproveitamos para escoitar esa peza mítica "Sementeira" do mítico Grupo musical "Fuxan Os Ventos", que están a cumplir 50 anos de existencia, e por tal motivo inauguraron, fai uns días, unha espoxición alusiva a ese traballo, no vello cárcere de Lugo. Visita que recomendamos.

A última inervención é a do noso correspondente nas Rías Baixas, concretamente Combarro, XULIO SIMÓN RÚA, que nos comenta a entrega do Premio Otero Pedraio ao grande investigador galego: Doutor Anxo Carracedo

Aquí deixamos o programa completo.



sábado, 22 de outubro de 2022

SÁBADO 20 de OUTUBRO do 2022

Despois da nosa sintonía de sempre, dámoslle a ben-vinda a tódolos nosos oíntes e seguidores. Propoñemos a escoita dunha peciña musical e deseguida conectamos con OSKAR REY, o noso correspondente na Costa da Morte, para recibir a súa crónica semana, resumida, relacionada coa aquela contorna. Repetimos, coma sempre, que poden ampliar as informacións e noticias na páxina quepasanacosta.gal.

Despois de escoitar outro bocadiño de música poñémonos en contacto con DAVID RODRÍGUEZ, escritor galego que resultou gañador do XXVI Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, cun ensaio, traballo de investigación sobre Castelao. Parabenizámolo e conversamos con el sobre este traballo e agradecémoslle a súa colaboración e aportación de hoxe no noso programa. Desexamos que teña moito éxito.

Continuamos o programa e conectamos con PEDRO PORTO, da ADEGA TERRAS BENDAÑA . Agradecémoslle a súa amable atención. Parabenizámolo por ter acadado o Premio BACELO DE PRATA, outorgado pola Fundación Alvaro das Casas. Este merecemento é por ter etiquetado os seus produtos vinícolas no noso idioma galego. Conversamos con el e fálanos dos seus viños e do Centro Etnográfico Ribeirao, que tamén teñen. Desexámoslle moita sorte.

A segunda hora continuamos chamando a JUAN PEDRO SÁNCHEZ, da Asociación de Bercianos: ASOBECAT, que nos pon ao corrente do próxima celebración da "castañada 2022". Será o vindeiro día 5 de novembro no Asador del Bierzo, sito na rúa Mallorca, 18 - 20. Tamén nos falou da celebración en Galicia da entrega dos Premios Arlequín, que este ano serviu para entregarlle o recoñecemento a un grande colaborador desta Asociación. Trátase da Empresa Vallelongo, que seguro virán a participar e colaborar o próximo ano 2023 no Festival do Botillo. Desexamos que teñan moitos éxitos.

Falamos con noso Poeta da Mariña Luguesa, PACO RIVAS, que sempre ten algunha que outra ocurrencia interesante e agasállanos coa lectura dalgunha das súas creacións literarias.

Despedímonos ate o vindeiro sábado, desexando que teñan unha feliz semana.

A continaución escoitamos a colaboración do noso amigo LUÍS LOSADA, que nos fala do libro escrito por EVA MEJUTO. "A LADROA DA BIBLIOTECA DE MEIRÁS".

 

Deixamos aquí o Programa completo:

domingo, 16 de outubro de 2022

SÁBADO 15 de OUTUBRO DO 2022

Comezamos unha nova emisión do "Semprengalicia" coa nosa sintonía e as salutacións de ben-vinda a tódolos nosos oíntes e seguidores. Ofrecémoslles unha peciña musical e conectamos coa nosa amiga e compañeira LAURA SANTOS, que dende Santa Coloma de Gramenet, infórmanos da "Festa Cultural do pulpo", organizada pola Asociación Cultural Galega "Airiños da nosa Galicia" que están a celebrar. Convídanos a participar e asistir para disfrutar dese bocado gastronómico de grande calidade, que están ofrecendo no Parque Europa de Santa Coloma. Agradecémoslle a súa participación e colaboración, desexando que teñan moita asistencia.

Continuamos a emisión e comentamos o éxito que están acadando as "Tanxugueiras" co seu ultimo CD "Diluvio" e escoitamos algunha peza dese seu traballo.

Conectamos co noso correspondente na Costa da Morte, Oscar Rey, que nos ten preparada a súa crónica semanal cun resumo das noticias máis salientables que el mesmo escolle para ofrecerlle a tódolos nosos oíntes e seguidores. Poden ampliar todo elo na páxina de Internet quepasanacosta.gal. Agradecémoslle a súa colaboración desinteresada e voltamos a indicar que, precisamente esta colaboración fai que se reemita o noso programa en Radio Roncudo e Radio Neira os domingos.

Voltamos novamente a Galicia para conectar con Eusebio Méndez Toural, un gaiteiro aficionado (agora de profisión taxista en Lugo) que consideramos grande amigo dende que formou parte do Centro NÓS de Sabadell. Agradecémoslle a súa atención. Falamos do 50 aniversario do Grupo musical "Fuxan Os Ventos". Van a inaugurar unha exposición no Vello Cárcere de Lugo que rememora algunhas das moitas actuacións e os discos editados neses 50 anos de existencia.

Conectamos con Armando Fernández, que nos fai unha crónica informativa relacionada coa "Festa Galega de Hospitalet". No día de onte, venres, tiveron a actuación estelar de "Celtas Cortos", que ademais fixeron un "mix" co Grupo de Gaitas e Danzas da "Casa Galega".

Informamos sobre unha noticia que chegou á Redacción: O Concello de Carballo ten previsto nomear o ano 2023 como o "Ano Xestal", como homenaxe a Carlos Díaz Gestal (O Xestal), tratando de poñer en valor a figura do humorista e músico, que aínda que nacido na Coruña residiu no lugar do Seixo (Lema) durante máis de vinte anos ata o seu falecemento.

Conectamos co noso "Poeta da Mariña Luguesa", Paco Rivas. Coméntamos cómo foi o verán e as actividades nas que interviu, Feiras do Libro en varias localidades e agasállanos coa lectura de dúas "píldoras creativas súas".

Ofrecémoslles a colaboración de Xulio Simón, o noso correspondente nas Rías Baixas, concretamente Combarro.

E deixamos aquí o programa completo.

SÁBADO 28 de XUÑO do 2025

Último programa desta tempada 2024-2025, que comezamos coa nosa sintonía de sempre e anunciando en qué consiste o programa que temos prepara...