domingo, 13 de maio de 2012

12 de MAIO

Outro programiña máis en galego, para tódolos nosos oíntes e seguidores. Anunciámoslles unha primicia e conexión especial coa Baixa Limia, co noso correspondente Xosé Lamela, que nos propón falar en directo cos responsables dunha emisora local moi especial: RIOCALDO FM, 103.7. Así pois a nosa primeira conexión é con eles: BORJA BARROSO e ALEXANDRA A.PEREIRA. Aquí os tedes, tan noviños e seguro que serán uns grandes comunicadores...

Na segunda hora falamos con Xulio Simón, que dende Combarro, nas Rías Baixas, sempre escolle algúns asuntos interesantes para dárnolos a coñecer e participar con todos das súas aportacións.

Despois de escoitar unha peza de música do grupo RIOBÓ, liderado concretamente por Begoña Riobó, voltamos a chamar a Galicia, para falarmos con Manuel Alfonso Álvarez Cebrián, un dos membros da directiva de MÚSICOS AO VIVO, con quen mantemos unha conversa interesante.

Xa nos fins deste nosos programiña de hoxe, chamamos a PACO RIVAS, o noso poeta da Mariña Lucense, para manter unha pequeniña conversa con algunha pincelada de "repaso" aos aconteceres e sucedidos da actualidade. E aproveitamos unha ultima peza do grupo Riobó, para despedírmonos ata a vindeira semana, que prometemos volver e ofrecerlles outro programa máis. ¡Gracias por estar ahí!

sábado, 5 de maio de 2012

Sábado 5 de MAIO

Hoxe teremos a oportunidade de falar co Ex-Presidente da Cámara de Ponte da Lima: don Manuel Marinheiro (Restaurante Lindo Verde), actualmente dedicado á hostalería e Restauración concretamente, que nos presenta o noso correspondente da Baixa Limia, Xosé Lamela. Nesta primeira hora falamos con Manel e Xosé, desa zona do Norte de Portugal e fronteira con Lobios. Paga a pena escoitar a conversa que mantivemos con eles.

Na segunda hora dámoslle a ben-vida a Abel Vázquez, un compoñente máis do grupo de Teatro "Anduriña", da nosa Asociación C.G.Rosalía de Castro, que ademais é un intérprete gaiteiro da Banda da Asociación. Agardamos que non sexa tan só unha visita de "cumprimento" e se convirta nun asíduo e colaborador da nosa emisión. Poñémonos en contacto con Xulio Simón, que nesta ocasión fálanos dende Lugo, moi pertiño de Meira. Proponnos a lectura do ultimo número da revista GRIAL, que nesta ocasión ven dedicada aos esgrevios emprendedores: Valentín Paz Andrade e Isaac Díaz Pardo.

Falamos agora con Antonio, Presidente de "O Noso LAR de Terrassa", que nos convida a participar da súa "30 FESTA GALEGA en Terrassa". Celebran o 30 Aniversario os días 11, 12 e 13 deste mes de maio. A vindeira semana estamos todos convidados a participar e disfrutar da súa festa.





Denantes de rematar tamén temos uns minutiños para saudar a LUCÍA Vázquez, de seis aniños, que ven a acompañar a Abel. Desexamos unha semana chea de engado e benestar para todos e coidamos voltar a telos na nosa emisión o vindeiro sábado á mesma hora: de 6 a 8h do serán.

sábado, 28 de abril de 2012

28 de ABRIL.
Hoxe teremos un programa algo diferente do que acostumamos cada semana. A programacion está condicionada pola necesidade de acudir a outros compromisos. En primeiro lugar dámoslles a coñecer a triste noticia do pasamento de don XAIME ISLA COUTO, o ultimo personaxe da "Xeración Galaxia". 


Dedicaremos a maior parte destas dúas horiñas de radio a informarlles dalgunha novidade acontecida e tentaremos aproveitar a ocasión para facer un percorrido, máis ou menos interesante, pola vida e obra de don VALENTÍN PAZ ANDRADE, a quen se lle adican as "Letras Galegas 2012". Durante todo o ano faránse unha morea de actos e moitas actividades no seo das nosas Asociacións Culturais, e conmemorarán esta celebración con algunha que outra Conferencia. Especialmente será a celebración do día 17 de maio, que é a data fundamental do "Día das Letras Galegas". Nós queremos ofrecerlles un pouco de información sobre este personaxe tan importante na vida Cultural e Social da nosa Galicia, debullando un chisco a documentación da que dispoñemos e intercalándoa coa escolla dalgunhas pezas da nosa música tradicional galega.


Tamén aproveitamos a ocasión para lerlles un texto espcial: Unha carta escrita por Otero Pedraio a Xosé Neira Vilas, con motivo da edición do seu libriño: "Memorias dun neno labrego". E despedíamonos ata a vindeira semana, que prometemos estar aquí outra vez, e se podemos, facelo moito mellor.

sábado, 21 de abril de 2012

21 de ABRIL

Este sábado tentamos levar adiante un programiña con algunha que outra "sorpresa" e "primicia" coa que sorprenderemos a tódolos nosos oíntes e seguidores. Na primeira hora, como é habitual, conectaremos con Galicia para falarmos co noso correspondente na Baixa Limia, Xosé Lamela, que nos ten preparado un convidado especial. Seguro que nos falará do que aconteceu a semana pasada en Entrimo. Non puidemos conectar con don José Antonio Amoeiro (a súa proposta desta semana), pero a conversa con Xosé foi moi interesante e amena.

Esoitamos algunha peza de música solicitada polos nosos oíntes e seguidores. Tamén emitimos pola Internet...

Na segunda hora conectamos novamente con Galicia, esta vez con máis éxito, e da man de Xulio Simón mantemos unha pequena conversa con KIKO DA SILVA, que nos fala da inauguración da Escola de Banda Deseñada Galega en Pontevedra, que leva por nome: Garaxe Hermético, en lembranza de Moëbius, tal e como nos explica o propio Kiko, que ademais dinos que a fachada do edificio é un traballo de Miguelanxo Prado.

Despois escoitamos unha lectura referente a dous "Contos que non son contos", extraídos dunha pequena revista galega, relacionada coas previsións metereolóxicas, e que os nosos labregos empregan moito. Estamos a falar do "Almanaque ZZ", que se edita cada ano por esa empresa galega, con sede en Porriño. A verdade é que ten cousas interesantes e convén botarlle unha ollada de cando en vez, xa que é amena e, por veces, acerta nas previsión metereolóxicas e informa das diferentes Feiras e Mercados que se celebran nas nosas vilas galegas.

Esta semana non puidemos conectar coa Mariña Lucense, pero prometémoslle facer outro programiña entretido e ameno, a vindeira semana. Agardámolos a todos, e que pasen unha feliz semana.

domingo, 15 de abril de 2012

Programa do sábado 14 de ABRIL

14 de ABRIL do 2012

Despois de dárlle-la ben vida a tódolos nosos oíntes e seguidores, comezamos informándolles das propostas para estas dúas horiñas de radio en galego. Escoitamos unha peza de música do ultimo CD de María do Ceo: "FADO CON OUTRO ACENTO" e aproveitamos para saudar ao noso correspondente na Baixa Limia XOSÉ LAMELA, que nos presenta ao convidado desta semana: O Sr.Alcalde de Entrimo, don RAMÓN ALONSO LÓPEZ, quen nos informa das actuacións que se están a levar a cabo nese Concello pertencente á Reserva da Biosfera, como parte do Parque Internacional Transfronteirizo Peneda-Xurés. Un honor para a nosa emisión poder conversar con eles.


Na segunda hora poñémonos en contacto con don ANTONIO ALVAREZ, Presidente da Asociación Castaño y Nogal (responsables da rehabilitación e reconstrucción do sendeiro de 16 quilómetros Quintá-Río Donsal), quen nos fala do Acto de Homenaxe que teñen previsto realizar no Auditoiro da ONCE, en Coruña, para entregarlle-los distintos Certificados acreditativos ás diferentes personalidades. Felicitámolo e dámoslle as gracias pola súa amable participación.


Rematamos o programa conectando coa Mariña Lucense para falarmos, un chisco, co noso poeta mariñán, don Paco Rivas, que como sempre fainos manter unha amena conversa sobre diferentes puntos de vista da realidade que estamos a vivir nestes momentos, facendo especial mención á situación actual do emprego e uso do noso idioma galego.
 

Despedímonos desexando que volvan a conectarse á nosa Radio a próxima fin de semana.

sábado, 7 de abril de 2012

31 de marzo

Ultimo programa denantes da SEMANA SANTA

Comezamos, como cada semana acompañado de ARMANDO FENANDEZ. Nos controis o noso técnico MARC FORT. Despois da sintonía e dunha pequena introducción, deseguida conectamos con Galicia para mantermos unha conversa moi interesante con XOSE LAMELA e o seu convidado de hoxe: don FRANCISCO FUMEGA, ex Delegado de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, e actual Xerente do Solo Empresarial do Atlántico. Premendo abaixo podedes escoitar as diversas intervencións.


Na segunda hora, coma sempre, conectamos con XULIO Simón, que sempre nos ten escollidas algunhas interesantes noticias para todos. Desexámoslle unhas moi ¡Felices Pascuas!


Para finalizar conectamos novamente con Galicia, nesta ocasión con PACO RIVAS, o noso poeta da Mariña Lucense, co que tiñamos unha débeda, xa que ultimamente non puidemos comunicarnos con el, pero que dende agora retomamos a mesma andaina de sempre e voltaremos á rutina de cada semana, para deleitarnos coas creacións e composicións poéticas deste noso colaborador estimado.


Voltaremos na segunda semana de ABRIL, con máis azos se pode ser, para ofrecerlles máis programas. ¡BOAS PASCUAS PARA TOD@S!!!!!

Programa do 24 de MARZO

Sábado 24 de marzo.

A dirección do programa, nesta ocasión estivo a cargo de ARMANDO FERNÁNDEZ, o noso estimado colaborador e director do programa "Galegos no BAIX", no 89.4 da FM en RADIO Sant Boi. 
Seguindo a liña de anteriores emisións, conecta con Galicia, concretamente coa Baixa Limia para manter unha "conversa a tres bandas" con XOSÉ LAMELA e co seu convidado don DOMINGO, cociñeiro Xefe do Balneario de Lobios, que ven de recibir a recente distinción en calidade de Euro-Toque. Unha colaboración-entrevista moi interesante, que podedes escoitar enteira aquí:


Na segunda hora a consabida conexión coas Rías Baixas para falar con XULIO SIMÓN, o noso correspondente semanal que escolle unha serie de interesantes informacións relacionadas coa cultura galega.


E para rematar conecta con ABEL LÓPEZ SOTO, ex-Alcalde de SADA (A Coruña). Unha entrevista interesante que serve de comezo para voltar a conectar en vindeiras ocasións.

SÁBADO 27 de XUÑO do 2026

  PROGRAMA ESPECIAL CELEBRANDO O 40 ANIVERSARIO DA EMISIÓN "SEMPRENGALICIA"   EN RADIO CORNELLÀ Estamos na Sé da Asociación C.G.Ro...