21 de ABRIL
Este sábado tentamos levar adiante un programiña con algunha que outra "sorpresa" e "primicia" coa que sorprenderemos a tódolos nosos oíntes e seguidores. Na primeira hora, como é habitual, conectaremos con Galicia para falarmos co noso correspondente na Baixa Limia, Xosé Lamela, que nos ten preparado un convidado especial. Seguro que nos falará do que aconteceu a semana pasada en Entrimo. Non puidemos conectar con don José Antonio Amoeiro (a súa proposta desta semana), pero a conversa con Xosé foi moi interesante e amena.
Esoitamos algunha peza de música solicitada polos nosos oíntes e seguidores. Tamén emitimos pola Internet...
Na segunda hora conectamos novamente con Galicia, esta vez con máis éxito, e da man de Xulio Simón mantemos unha pequena conversa con KIKO DA SILVA, que nos fala da inauguración da Escola de Banda Deseñada Galega en Pontevedra, que leva por nome: Garaxe Hermético, en lembranza de Moëbius, tal e como nos explica o propio Kiko, que ademais dinos que a fachada do edificio é un traballo de Miguelanxo Prado.
Despois escoitamos unha lectura referente a dous "Contos que non son contos", extraídos dunha pequena revista galega, relacionada coas previsións metereolóxicas, e que os nosos labregos empregan moito. Estamos a falar do "Almanaque ZZ", que se edita cada ano por esa empresa galega, con sede en Porriño. A verdade é que ten cousas interesantes e convén botarlle unha ollada de cando en vez, xa que é amena e, por veces, acerta nas previsión metereolóxicas e informa das diferentes Feiras e Mercados que se celebran nas nosas vilas galegas.
Esta semana non puidemos conectar coa Mariña Lucense, pero prometémoslle facer outro programiña entretido e ameno, a vindeira semana. Agardámolos a todos, e que pasen unha feliz semana.
Ningún comentario:
Publicar un comentario