sábado, 9 de marzo de 2024

SÁBADO 9 de MARZO do 2024

Un sábado máis con todos vosoutros. Hoxe non podemos contar coa participación do noso compañeiro Armando Fernández, que está convaleciente dunha pequena crisi médica, e dende aquí lle enviamos os nosos desexos de que pronto se poida recuperar e reincorporarse con nosoutros. Despois da sintonía, das salutacións e a escoita dunha peza musical, poñémonos en contacto co noso correspondente na Costa da Morte, OSCAR REY CALO, que sempre nos debulla unha escolla das noticias que podedes ampliar na súa páxina quepasanacosta.gal, tal e como informamos cada semana. As celebracións, con motivo do día internacional da dona, foron as noticias máis abundantes esta semana, xunto con outras que, como xa dixemos podedes ler na páxina antes mencionada. Desexámoslle unha feliz semana.

A segunda intervención é a de ZELTIA MATEO ÁLVAREZ, unha Peluqueira-Maquilladora de Quiroga, que ven de ser a gañadora do Cartel que anuncia a "XLII Feira do viño de Quiroga". Felicitámola e mantemos con ela unha pequena conversa sobre o seu traballo e a súa creatividade relacionada coa peluquería e maquillaxe. Ese cartel, concretamente foi confeccionado con materiais de maquillaxe, unha novidade moi interesante, algo que non se tiña realizado ate o dagora. A súa faceta de "Peluqueira á Domicilio" ten moito de atención personalizada e de atención aos maiores, nas aldeas da contorna. A súa entrega e traballo no rural, segundo nos comenta, é moi enriquecedor non só pola amabilidade con que a reciben, senón tamén polas mostras de cariño e outras satisfacións personais que lle entregan. Sempre veño pra casa con algunha cousa coa que me agasallan. Desexamos que siga colleitando éxitos.

Despois conectamos con FRANCISCO LÓPEZ FRANCO "CHESQUI", máis coñecido por "Chesqui",  Secretario do Partido Galeguista en Galicia. Fálanos da visita que realizaron a Euskadi, con motivo dunha celebración homenaxeando ao noso insigne Alfonso Daniel R.Castelao. A Presidenta das Xuntas Xerais de Bizkaia, Ana Otadui, recibiu en sede parlamentaria, a unha ampla delegación do Partido Galeguista. Ao día seguinte, foron recibidos polo Lehendakari IÑIGO URKULLU en Vitoria-Gasteiz. Recibimos unha cumprida información desta noticia e doutros aconteceres naquelas terras irmáns, moi interesantes para os nosos oíntes e seguidores. Agradecémoslle a participación no programa de hoxe.
 

Falamos con AMPARO CENTENO PRIETO, socia da nosa Asociación C.G.Rosalía de Castro de Cornellà, que tamén pertence ao colectivo "Cornellà per las Donas". Fainos partícipe das moitas e importantes actividades que o Consell de la dona de Cornellá, ten previsto realizar con motivo do día Internacional da Muller. Onte fíxose unha concentración na praza do Concello, coa lectura do manifesto e grande afluencia de persoas. Unha data moi importante será a do 16 de marzo próximo, na que participa, como cada ano a nosa Asociación e que consiste na posta en escena da obra. "Cinderela e os postres de El Rei". Baseada nun conto, pero que ten unha mensaxe feminista importante. Agradecémoslle a súa amablea atención.
 

Continuamos a emisión e recibimos a crónica da nosa correspondente nos Ancares Lugueses, concretamente dende Becerreá, FERNANDA FOLLANA NEIRA. Fálanos da publicación no xornal "La Voz de Galicia", dun traballo de investigación relacionado coa minería: "Becerreá 1.900, a febre do ouro. Unha compañía de Londres estableceuse na vila, para explotar o mineral, o que se converteu nunha euforia colectiva na zona. Este traballo é unha descuberta da que moitos non tiñan noticia.

Conectamos novamente con Galicia para falarmos con PEPE FORMOSO, do Bela Fisterra e do Bela Muxía, dous establecementos hostaleiros de prestixio na Costa da Morte. A nosa chamada é para que nos fale das moitas e interesantes noticias arredor da súa tarefa informativa en Radio Neria "Falar sen cancelas" e tamén doutros acontecementos relaciondos coa cultura en xeral e en particular coa exposición prevista no Bela Muxía, e outra moi importante e interesantísima que nos adianta, en primicia prevista para o mes de xuño, para tódolos nosos oíntes e seguidores. Agradecémoslle a súa participación e desexamos que siga colleitando éxitos nas súas empresas.

Escoitamos a definición de "galego" a cargo de Moncho Borrajo, en castelán, pero que paga a pena pola súa retranca e tan axeitada definición. En vindeiras datas trataremos de facerlle unha entrevista.

E finalizamos coa crónica do noso correspondente nas Rías Baixas, concretamente Combarro, XULIO SIMÓN RÚA, na que recibimos varias e interesantes novidades culturais da zona.

Deixamos aquí o programa completo.

Ningún comentario:

SÁBADO 26 de OTUBRO do 2024

Unha semana máis, como cada sábado, outra emisión do noso programa, con entrevistas, música e noticias dende Galicia. Comezamos coa nosa sin...