luns, 23 de maio de 2022

SÁBADO 21 de MAIO do 2022

Poñémonos hoxe a traballar para ofrecervos o programa do pasado sábado día 21, que por mor de certos atrancos informáticos e técnicos non puidemos subilo o mesmo sábado, coma sempre. Iniciamos a emisión coa nosa sintonía e ofrecémoslle unha peza de música que interpreta o Grupo Musical "PELEPAU", para recibir a ALEXANDRE, compoñente deste grupo de música tradicional galega. Falamos da próxima actuación que terá lugar o día 17 de XUÑO no Parque de Can Mercader, en Cornellà, con motivo da "Festa Celta" que organiza a A.C.G.Rosalía de Castro durante os día 17, 18 e 19 de XUÑO. Agradecémoslle a súa participación no programa de hoxe e desexámoslles moitos éxitos.

O segundo convidado é MANUEL VAZQUEZ OSORIO, Presidente do Centro Galego NÓS, de Sabadell, que están celebrando a "30 Festa Galega en Sabadell". Convida a tódolos oíntes e simpatizantes para que se acheguen á Avenida Francesc Macià e disfruten desta grande celebración.

Recibimos a continuación ao noso amigo e colborador HENRIQUE FEDEZ-MON SANCHEZ, que comparte connosco a súa visita á cidade amurallada de Galicia, Lugo. Coméntanos algunhas cousas relacionadas coa capital luguesa.

Seguimos, na segunda hora, conectando co noso Poeta da Mariña Luguesa, PACO RIVAS, que sempre ten algunha novidade que informarnos, aínda que hoxe tan só queremos que nos fale dese seu último libro que leva por título: ROMANCE DE DON DINIS E DONA HELENA. Agradecémoslle a lectura que nos regala e desexámoslle moitos éxitos.

Seguimos coa crónica do noso correspondente na Costa da Morte, OSKAR da FONTIÑA, que fai un resumo das novidades e acontecementos máis importantes desta semana. Xa sabe tódolos nosos oíntes e seguidores que poden ampliar as informacións na páxina quepasanacosta.gal. 

E finalizamos as intervencións de hoxe coa estimadísima colaboración do noso amigo LUIS LOSADA, dende Pontevedra que nos axuda a coñecer, máis polo miúdo, ese poemario tan interesante de CLARA VIDAL: A (DES) MEMORIA. Agradecémoslle a súa estimada aportación.

Ate a vindeira semana. Aquí deixamos o programa completo.

domingo, 15 de maio de 2022

SÁBADO 14 de MAIO do 2022

Comeza o programa con Armando Fernández e Manuel Rodríguez Julián nos estudios, xunto co noso técnico Kiko Belinchón. Despois da sintonía, das salutacións oportunas e unha peciña de música, conectamos con ANTONIO DÍAZ, Director da Revista "LUA NOVA". Mantemos unha conversa relacionada con actividades da A.C.G. Rosalía de Castro, como son a revista "LÚA NOVA", unha viaxe a Galicia, a próxima Festa Galega de Can Mercader, a divulgación das Baxes do "XXXVI Certame de Poesía en Língua Galega Rosalía de Castro" de Cornellà e algunha cousiña máis.

A segunda convidada é a correspondente nos Ancares, Fernanda Follana Neira. A pesar de ter preparada a súa crónica semanal tamén mantén unha conversa interesante con ámbolos dous contertulios de hoxe, sobre o Caurel, lugar de nacenza de Manuel.

Despois mantemos unha cativa conversa entre un servidor, Couxil e os dous encargados do programa de hoxe, Armando e Manuel, que están a dirixir este programa con moito acerto.

A seguinte convidada é dona OLGA NOVOA, unha poeta moi involucrada na revista "NÓS a XENTE do REDOR"de Ourense que comenta algunha das súas aficcións e dedicación especial, relacionadas coa creatividade escrita e poética. Tamén agasalla aos oíntes coa lectura dun poema. ¡Grazas Olga!

A crónica do noso correspondente na Costa da Morte, OSCAR da FONTIÑA é a seguinte participación no programa de hoxe.

Tamén recibimos a invitación dun responsable da Asociación Cultural AGARIMOS de BADALONA, que están de celebración esta fin de semana: "25 Aniversario da súa Fundación".

 

Escoitamos a crónica do noso correspondente nas Rías Baixas, concretamente dende Combarro, Xulio Simón, chea de información cultural e proposta de lecturas moi interesantes.

Despedimos o programa ata o vindeiro sábado.

E colgamos o programa enteiro.

sábado, 7 de maio de 2022

SÁBADO 7 de MAIO do 2022

Comezamos unha nova emisión deste noso programiño disculpando a presencia do compañeiro Armando Fernández que hoxe non poderá estar nos estudos connosco, pero tentaremos falar con el aínda que sexa tan só para felicitalo polo seu cumpleanos. Ofrecémoslles unha peciña de música que nos servirá para darlle a ben-vinda á nosa primeira convidada, dona ANTÍA YÁÑEZ RODRÍGUEZ, escritora galega (nada en Burela) que ven de acadar o XIX Premio Xoan Carballeira que convoca o Concello de Bueu. Felicitámola e agradecémoslle a súa amable atención. Desexámoslle que siga colleitando moito éxitos.


O segundo convidado é PEPE FORMOSO, ademais de periodista é empresario e xerente do Hotel Bela Fisterra e tamén Bela Muxía. Agradecémoslle que nos reciba e felicitámolo por ter organizado para o vindeiro luns día nove, unha "Homenaxe a Pazos de Merexo". Explícanos moi sucintamente quen era Pazos, cómo organizaou este evento no que participarán unha man chea de artistas e amigos que foron de Pazos... ... E convídanos a participar a todos mediante as redes sociais, xa que se transmitarán en directo as actividades programadas. Foi unha honra poder "entrevistar-conversar" con Pepe. Curioso o apunte tan interesante sobre o parecido entre o rodaballo e a galiña (paga a pena escoitalo). Seguiremos a súa traxectoria e ben seguro que voltaremos a incomodalo para que nos informe doutros eventos que poida organizar. ¡Moitas Grazas, Pepe!


A seguir, voltamos a conectar con Galicia para falarmos con SESO DURÁN, Profesor de música e cantautor que acaba de publicar un CD titulado "ASCENSIÓN" e que fixo recentemente a súa presentación en Vigo. Continuará facendo unha xira por Galicia adiante. Mantemos unha conversa que versa sobre a creación deste disco e as diversas cancións, en especial "O país non país" e a composición desa grande aportación musical do seu grupo. Agradecémoslle a súa participación e desexámoslle moita sorte e moitos éxitos.


Continuamos a segunda hora conectando con XURXO SOUTO, cantante, acordeonista, escritor, actor, director e locutor. É licenciado en Filoloxía clásica e grande amigo. Recibímolo escoitando un bocado de música precisamente de Pazos de Merexo. Será un dos artistas convidados para facerlle a Homenaxe prevista para o luns vindeiro en Fisterra. Cóntanos unhas cantas anécdotas da vida deste músico tan querido e admirado na Costa da Morte. Agradecémoslle a súa aportación que hoxe nosoutros convertímola en humilde homenaxe radiofónico á súa memoria.

Aproveitamos para falar con ARMANDO FERNÁNDEZ, para felicitalo e comentar con el cómo está a disfrutar desa Festa polo seu cumpleanos. Tamén saudamos a Maribel Casabella, que o acompaña na celebración. Desexamos que siga disfrutando do "seu día".

E a colaboración-crónica semanal do noso correspondente na Costa da Morte, OSKAR DA FONTIÑA, sérvenos para finalizar o programa de hoxe. Se queren ampliar as informacións recibirdas teñen que entrar na páxina "quepasanacosta.com".

Despedímonos ate o vindeiro sábado, deixando aquí o programa completo.

SÁBADO 19 de OUTUBRO do 2024

Comezamos coa nosa sintonía, as salutacións de sempre e unha peciña de música para recibir ao noso primeiro convidado, que é o noso correspo...