sábado, 20 de marzo de 2021

SÁBADO 20 de MARZO do 2021

Neste ultimo programa, antes da Semana Santa, comezamos coa nosa sintonía de sempre e ofrecémoslles escoitar un bocadiño de música do Grupo de Folk LUAR NA LUBRE, liderado por Bieito Romero, a quen recibimos con moito agarimo, para que nos fale dese ultimo traballo que publicaron, que leva por título "VIEIRAS E VIEIROS, Historias de Peregrinos", teñen previsto realizar dous concertos no Centre Artesanà Tradicionàrius de Barcelona (Praza Anna Frank, s/n) o día 28 de marzo. Fálanos desa grande obra musical, dos peregrinos, dos camiños que conducen a Santiago de Compostela. Unha verdeira lección cada vez que falamos con Bieito. Agradecémoslle a súa amable atención e desexámoslle moitos éxitos.


Despois poñémonos en contacto con Eli Ríos, profesora e escritora de prestixio, que nos axuda a "entrevistar" a Beatriz Maceda Abeleira, tamén profesora, escritora e membro da directiva da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (A.E.L.G). Agradecémoslle a súa participación no noso programa e aproveitamos para convertilo nunha pequena homenaxe-celebración, por adiantado, do Día Mundial da Poesía. Unha conversa moi amena.

Tamén saudamos a Chus Lama, Profesora na Universidade de Barcelona. Seguimos coa participación e conversa distendida, chea de engado. E aproveitamos para aprender e saber algo máis. Agasállannos coa lectura dalgunhas poesías, de Xela Arias, non podía ser menos.

Recibimos a crónica da nosa correspondente Fernanda Follana Neira, que nos fala da selección dos alumnos do Instituto de Becerreá para a Liga de Debates. Tamén a felicitamos pola celebración exitosa da competición deportiva de grande resonancia a nivel nacional: II Red fluvial - Lugo. Concello de Becerreá. A pesar das restriccións provocadas polo coronavirus, contou coa participación de nada menos que 170 inscritos. Non puideron participar moitos deportistas de fóra de Galicia, por mor da pandemia.


E antes de despedirnos de tódolos nosos oíntes e seguidores, aínda temos tempo de escoitar algunha poesía máis, de Armando e das nosas contertulianas de hoxe. Foi un pracer e unha honra para o noso programa, poder contar coa colaboración e participación de tan ilustradas personalidades. ¡Moitas grazas!

Unha "primicia"  que nos chegou gravada de Tamara Andrés. Queremos compartila e disfrutala con todos vosoutros, celebrando por adiantado, connosco, o Día Mundial da Poesía.

Ate a vindeira semana, prezados oíntes e seguidores. 

Que disfruten dese descanso merecido pola Semana Santa e que teñan unhas Felices Pascuas. 

Deixamos, a continuación o programa enteiro.

sábado, 13 de marzo de 2021

SÁBADO 13 de MARZO do 2021

Outro programiña máis, en galego. Despois da sintonía de recepción e un bocadiño de música, recibimos nestes "Estudos Virtuais" que mantemos ultimamente, a dona SARA MANDIÁ RUBAL, Doutora e Investigadora que ven de recibir o Premio da Real Academia de Doutores de España pola súa Tese doutoral que leva por título: «Presencia y nivel de actividad en redes científicas de los investigadores españoles que publican en revistas de comunicación indexadas en Scopus (Elsevier): estudio de los perfiles en redes sociales y su posible impacto en los índices de citación». Felicitámola e damos a ben-vinda a tamén Periodista e Profesora Cristina Corral Soilán, que xunto co noso compañeiro Armando Fernández, nos axudaron a levar adiante esta entrevista-conversa que consideramos de moito interese. Foi un pracer e unha honra para todos nosoutros.

Facemos unha pequena pausa, cun pouco de música do Grupo "Luar na Lubre",  para adubiar un chisco a longa e fermosa conversa que estamos tendo con estas dúas galegas tan amables: Unha Científica e unha Profesora, escritora e poeta.

Despedímolas e dámoslle-las grazas por tanto ensino e colaboración no noso humilde programa. Ate unha vindeira ocasión. E conectamos co noso amigo e colaborador intermitente Antonio Díaz, Director da Revista Lúa Nova da A.C.G.Rosalía de Castro, que nos informa dalgunhas novidades a piques de publicarse

.

Despois aínda temos un chisquiño de tempo para interesarnos pola situación do noso Poeta da Mariña Luguesa, Paco Rivas, a quen saudamos e cóntanos algunha novidade sobre os seus dous últimos libros publicados (A lúa non era Lúa e Rosas envaiñadas) e a próxima edición doutro do que está a corrixir as galeradas para a súa aprobación definitiva.

 

E finalizamos o programa despedíndonos de tódolos nosos oíntes e seguidores desexando que pasen unha feliz semana e que volvan a conectarse con nosoutros o vindeiro sábado. Prometemos unha entrevista interesante, cun grande músico. Aquí deixamos a audición do programa completo.


sábado, 6 de marzo de 2021

SÁBADO 06 de MARZO do 2021

Unha emisión máis do "Semprengalicia" con ganas de aprender e ofrecerlles dúas horiñas de radio en galego. Comezamos escoitando a nosa sintonía de sempre e despois de escoitar un bocadiño de música recibimos nos "estudos virtuais" a dona Arantxa Fernández Crespo, da Universidade de La Habana (Cuba). Profesora de galego e grande dinamizadora das actividades na maioría dos Centros Galegos de Cuba e con fermosos proxectos na propia Universidade. Unha verdadeira honra e un pracer poder falar con esta grande muller, na véspera da celebración do vindeiro 8 de marzo. Grazas pola túa participación no noso humilde programa, Arantxa!!!

A segunda intervención é a de Jabier Franco. Un gaiteiro que nos fai partícipe do seu recente traballo discográfico: "Músicas de Ferreiros". Comentamos con el cómo foi a realización deste fermoso traballo, que imos escoitando de fondo perante a conversa e fálamos dos autores e colaboradores.

Interrumpimos un momentiño a conversa para darlle entrada á chamada telefónica con Tono Correa Corredoira, un artistazo en tódolos sentidos: poeta e pintor. Acaba de publicar un libro de poesía cheo de fermosas creacións, segundo nos informa a nosa grande poeta amiga Eva Veiga, introductora dese libro precisamente: Un manifesto urxente. Fálanos desa creación e dalgunha cousa máis. Unha curta conversa pero chea de engado.

Recibimos, a continuación a dona Nuria Varela Portas, do Pazo de Vilane, en Antas de Ulla. Dámoslle os nosos parabens polo seu 25 Aniversario da súa existencia. Dirixe unha Empresa que "coida galiñas" para distribuir nada menos que catro millóns de ovos ao ano, segundo as estatísticas de anos anteriores. Grande defensora do Natural e do Rural. Fálanos desa empresa modélica e da súa traxectoria. Agradecémoslle a súa amable atención. Desexámoslles que sigan cumplindo moitos anos máis.

A seguinte intervención é a do noso correspondente nas Rías Baixas, Xulio Simón, que dende Combarro apórtanos a súa crónica semanal. Nesta ocasión continúa a exposición que fixera a semana pasada adicada aos gaiteiros e aproveita para agasallarnos coa lectura dun poema adicado ao Gaiteiro Xan de Baio. ¡Moitas grazas, Xulio!

E antes de finalizar o programa de hoxe, aínda temos tempo para seguir comentando algo sobre a creación e desenvolvemento do CD que nos envióu Jabier Franco. Agradecémoslle o agasallo e desexámoslle moitos éxitos nos seus concertos e na súa traxectoria.

Despedímonos ate a vindeira semana e deixamos pendurado, aquí o programa completo.

SÁBADO 30 de NOVEMBRO do 2024

Outro programa máis con todos vosoutros. Nesta ocasión tivemos que "enlatar" as intervencións, por mor da nosa participación na pr...