No programa de hoxe tivemos a honra de recibir a grandes personaxes. A primeira intervención foi a do noso correspondente na Baixa Limia, Xosé Lamela, que nos presentou ao Ilmo.Sr.Alcalde de Entrimo, don Ramón López. Conversa moi amena que nos serviu para coñecer un chisco máis polo miudo, esas terras raianas e que mañá celebrarán a XIV Festa-exaltación da Empanada de Forquellas e Carne de Cachena. Agradecémoslle a súa amable atención e convídanos a asistir.
A segunda entrevista é con don BIEITO ROMERO, de LUAR na LUBRE, que nos pon ao corrente das próximas actuacións dese grande grupo de música galega que lidera e que nos fará unha visita para ofrecer un Concerto o día 16 de xuño no parque de Can Mercader, con motivo da Noite de Folk Celta. Os teloneros serán "O Val das Mouras", de Hospitalet. Agradecémoslle a súa participación no noso programiña de hoxe.
Despois falamos co noso correspondente nas Rías Baixas, Xulio Simón, que nos presenta á súa convidada de hoxe: TAMARA ANDRÉS, unha poeta moi recoñecida e de longa traxectoria cultural que ven realizando unha morea de cousas moi interesantes. Quedamos engaiolados coa súa intervención e remata a súa participación declamándonos un dos seus poemas. Agardamos poder contar con ela en vindeiras ocasións.
A última intervención-participación é a do noso Poeta da Mariña Lucense, PACO RIVAS, que sempre nos recibe con frases cheas de retranca e agarimosas, e sempre nos agasalla, para finalizar con algún dos seus poemas.
A vindeira semana máis. Non deixedes de sintonizarnos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario