sábado, 24 de outubro de 2009

Programa do 24 de outubro do 2009


Hoxe comezamos cunha boa noticia: Faremos o programa acompañados de Serxio Seoane e Kique de Vidal, que viñeron aos estudios para estar canda todos nós. Agradecémosllo moi de veras.

Comezamos cun avance de todo aquelo que temos previsto e deseguida conectamos con Antonio Rodríguez, o Presidente de "O Noso LAR de Terrassa", quen nos pon ao corrente dos acontecementos que están a realizarse nesa vila, en torno á nosa colectividade galega.

Conectamos, a seguir con Juan, o Presidente da Asociación Cultural Galega AGARIMOS, de Badalona, quen tamén nos informa das actividades que xa realizaron a semana pasada, con moitísimo éxito de asistencia e participación, e agardan o mesmo para mañá mesmo. Teñen previsto realizar (como cada ano por estas datas, máis ou menos) o seu Concurso-Participación de Roscóns e Empanadas caseiras. Os concursantes recibirán premios nas tres categorías establecidas: Presentación, Preparación e Degustación. Tamén nos adianta a celebración doutras actividades que teñen previsto realizar denantes de rematar o ano, como son "O Magosto", con castañas de Riós (Ourense) posiblemente, acompañadas de "bolos preñados de chourizo", e outras actuacións importantes na vila de Badalona e coxuntamente con Rosalía de Castro en Cornellà.

Novamente voltamos a Terrassa, para falarmos con Isabel, a responsable da exposición-mostra de libros galegos na festa do 27 aniversario de "O Noso LAR". A súa opinión é moi alentadora e séntese moi satisfeita de poder participar cos galegos de aquí, amosando un pouco das moitas editoriais galegas que alí se poden contemplar. Como é a súa primeira ocasión non pode dicirse que sexa unha experiencia totalmente productiva, pero o que si ten moi claro é que séntese moi agradablemente polo trato recibido e pola posibilidade que lle ofrecen de poder dar a coñecer un pouco da nosa cultura galega en Catalunya.

Na segunda hora comezamos cunha charla-coloquio con Serxio e Kique. Infórmanos da festa que teñen preparado no Palau de Congresos da praza de España, os responsables de "Toxos e Xestas", como cada ano, e que este coincidindo coa celebración do seu 25 aniversario estan todos convidados gratuitamente á súa asistencia. Ao parecer estarán representantes da nosa cultura galega no eido da representación artística, tanto musical como humoristas, orquestras e grupos de danza e baile tradicional.

Conectamos con Galicia e falamos con Xulio Simón, que nos fai un percorrido pola vida e obra de Anisia Miranda, que faleceu o venres pasado. É unha mágoa para tódolos galegos que coñeciamos a súa obra e máis será para o seu esposo Xosé Neira Vilas, a quen lle enviamos o noso máis sentido pésame de condolencia.

Despois falamos con Xosé Lamela. Sempre unha ledicia poder recibir novas daquelas terras de Lobios e Riocaldo. Dase a agradable circunstancia que ultimamente veñen tendo sorte na realización de obras e actuacións en favor e beneficio da zona. Felicitámolo, pola parte que lle toca e desexamos que sigan coa mesma teima e conseguindo moitos logros máis.

Despedímos ata a segunda semana de novembro, xa que non poderemos atender á emisión do vindeiro sábado por estar previsto unha programación especial de difuntos e mes dos santos. Así que desexámoslle que pasen unhas semanas agradables a todos.

sábado, 17 de outubro de 2009

Emisión do 17 de outubro do 2009

Esta semana comezamos coa intervención do Presidente da Asociación "Rosalía de Castro" de Cornellà, don Ricardo Pérez Anta, que nos fai un percorrido por tódalas actividades que estan a preparar para este trimestre final do 2009:
En primeiro lugar a excursión que teñen previsto para o vindeiro fin de semana 24 de outubro ás "Fonts del Llobregat", en Castellar de Nugth.
O seguinte fin de semana, 31 de outubro, a tradicional Festa do "Magosto".
Un Acto importante no Patronato de Cultura da cidade, no que se poderán ver actuacións do grupo da Asociación e doutras Entidades colaboradoras convidadas.
Despois, o 7 de novembro a "Asemblea Xeral" da Entidade para dar a coñecer tanto as actividades desenvolvidas neste ano, así como as previstas para o vindeiro curso e a preparación da Asemblea Ordinaria para finais de febreiro-marzo do ano 2010, na que se realizarán eleccións para levar adiante os destiños desta Asociación.
Tamén nos adiantou que posiblemente teremos a celebración das "Xornadas Culturais" para mediados ou finais de novembro. Así como tamén a festa de final de ano.
A seguinte comunicación-conversa é con Angel Luís Utrera, mantedor do blog "aopedofarelo", dende A Golada, Pontevedra, quen nos pon en antecedentes sobre a concentración que se pretende levar a cabo en Santiago de Compostela, baixo o título: "Querémolo galego".
Na segunda hora conectamos con Xulio Simón, que nos fai un pequeno percorrido polas moitas e variadas cousas das que nos fai partícipe. Dende Galicia vense as cousas doutro xeito. Tamén nos fala da concentración que teñen previsto facer en Santiago. Prometeunos falar dela na vindeira semana, e rematou a súa intervención coa declamación dunha poesía de Curros Enríquez, adicada a seu fillo.
Tamén estivemos falando con Paco Rivas, o noso "correspondente" máis antigo nesta nosa radio en galego, tal e como nos lembra el mesmo na conversa mantida. Como non podía ser menos, aproveita a ocasión para dar a súa opinión sobre esas cousas que provocan a prevista concentración en Santiago. Despedímolo escoitando dúas das súas composición poéticas.
Antes de rematar temos un bocadiño de tempo para escoitar e falar con Kike de Vidal, colaborador moi estimado e que fainos saber o seu desencanto polas cousas que están a suceder en Galicia por causa do "ataque" frontal contra a nosa lingua. Solidarízase coa plataforma "Querémolo galego" e danos a súa opinión aproveitando a entrevista, que saíu publicada no xornal Galicia Hoxe, a Camilo Nogueira.
Desexámoslle a tódolos oíntes unha semana chea de engado e convidámolos a voltar a conectar connosco o vindeiro sábado, no que tentaremos facelos pasar dúas horiñas agradables, en galego e escoitando música galega.

martes, 13 de outubro de 2009

10 de outubro do 2009

Nesta fin de semana tivemos un programa algo máis extenso, con máis conexións teléfónicas e con moitas participacións dos nosos "escoitantes e internautas". Unha vez máis, temos que agradecervos a vosa participación e colaboración estimadísima. Precisamente sodes vosoutros os que facedes posible que esta nosa emisión saia adiante e se manteña nesa liña de alta audiencia que nos enche de orgullo e satisfacción. ¡Graciñas, unha vez máis!

A primeira entrevista-conversa foi con Xosé Luís Santiso, considerado por nosoutros como un colaborador imprescindible nas nosas emisións, e mantedor desa páxina tan fermosa que leva por título "chousadalacandra.blogspot.com". Coido que teremos que comprometelo para que nos faga de "reporteiro-comunicador" dende o Centro xeográfico de Galicia. Paga a pena escoitalo.

A seguir, despois de escoitar algunha peza das nosas músicas galegas, falamos con Henrique Fernández, "Kique de Vidal", que é o seu identificativo persoal na rede. Versou a súa intervención sobre a Cultura Galega en xeral e moi en particular rememorando a figura de don Vicente Risco, que debería ser recuperado para unha maior gloria e memoria da nosa historia.

Na segunda hora conectamos con Galicia e falounos Xulio Simón de variados temas. Mentounos a posibilidade de visitar Lugo, con motivo do domingos das mozas, de tantas lembranzas e ledos recordos para moitos dos nosos oíntes e para el mesmo. Lectura de textos interesantísimos e despediuse cunha referencia a Alberto Miguez, que faleceu o mes pasado en Madrid e lenos un texto de Méndez Ferrin sobre o Pensamento Político de Castelao, publicado en París... ...¡¡¡Escoitádeo aquí !!!

Despois falamos con Cesar, un dos compoñentes da Asociación de Veciños de Freixo e da Peña Freixo Rock, de Valladares, Vigo: http://freixo.net/penafreixo. Acaban de recibir nada menos que 30 participacións no "1º Concurso de CUTREMETRAXES de Freixo". Algo novidoso e do que seguiremos falando en vindeiros programas, xa que non só ten rabiosa actualidade, senón que tamén debemos ter información doutras cousas interesantes, ou cando menos fóra do común, e que serven para "enganchar" aos mozos-as en actividades diferentes e de certo interese, aproveitando as novas tecnoloxías. Noraboa pola súa inicitaiva e seguiremos en contacto, cando menos para saber cal foi o veredicto final e cales foron os gañadores dese "1º Concurso de Cutremetraxes de Freixo".

¡¡¡ Felicidades a tódalas PILAR e ata a vindeira fin de semana !!!

luns, 12 de outubro de 2009

O Programa do día 3 de outubro do 2009

Tendo en conta que este sábado celebráronse unha morea de cousas interesantísimas para tódolos galegos que nos atopamos en Barcelona, non puidemos realizar un programa con tódalas novidades e actualizacións correspondentes, tan só tivemos tempo de acceder aos estudos e facerlles un adianto dos acontecementos:
Inauguración dos Xardíns de don Tiberio Ávila, en Nou Barris, a cargo do Sr.Alcalde de Barcelona, don Jordi Hereu, en presenza doutras autoridades locais, municpais e autonómicas, entre as que se atopaban:
.- a Rexidora do districte de Nou Barris dona Carmen Andrés,
.- unha delegación do Concello de Viana do Bolo composta por Bernardino, Manoel Carrete e un servidor de vostedes, de ahí a nosa ausencia no programa de hoxe,
.- o Presidente da Asociación Amigos de San Froilán, Sr. Fouce,
.- e o Ilmo.Sr.Presidente da Deputación de Lugo don José Ramón López Besteiro.

Pedímoslle desculpas aos nosos oíntes por ausentarnos da emisión para asisitir a este acto, pero non tiñamos outra opción. A verdade é que non podiamos relegar a nosa obriga de asistencia, xa que nos comprometéramos con moita antelación. Por outra banda o feito de que se incluíra no Nomenclator da cidade de Barcelona a figura de don Tiberio Ávila, hónranos a tódolos galegos que nos atopamos en Cataluña, non só pola distinción dunha persoa galega con moitísima proxección política e social no seu momento, senón tamén polo recoñecemento que con este acto se nos fai aos galegos que participamos e colaboramos no engrandecemento da cidade condal.

SÁBADO 19 de OUTUBRO do 2024

Comezamos coa nosa sintonía, as salutacións de sempre e unha peciña de música para recibir ao noso primeiro convidado, que é o noso correspo...