domingo, 5 de outubro de 2008

4 de outubro do 2008


A primeira colaboración-conversa foi con Juan Carlos, o responsable de comunicación de Cristina Pato. A noticia foi unha primicia para tódolos nosos oíntes: O día 14 sairá ao prelo un novo disco no que Cristina, afincada en Nova York dende o ano 2004, colabora co prestixioso “chelista” YoYoMa.
A seguinte noticia, xa que estabamos a falar de gaitas: O gaiteiro Pablo Devigo (Castro Caldelas 1990) , consegue o trofeo McCrimmon do Festival de Lorient. Xa fora gañador, este ano 2008 do festival de gaita de Bandeira, do concurso de gaita na Estrada, do Manuel de Villanueva de Poio e o de composición, organizado polo concello de Ferrol e que leva por nome “Constantino Bellón”. O ano pasado acadou o primeiro premio, no concurso de Soutelo de Montes. Precisamente escoitamos a súa composición: “Novo Milenium” que pertence ao corte nº 7 do CD II Encontro de Gaiteiros Manuel de Villanueva, que nos agasallo este verán un bo colaborador, Cándido Ameixeira de Edicións do Cumio.
Fixemos unha nova comunicación con Galicia, e nesta ocasión falamos con Silvia, de Expo-Ourense, quen nos puxo ao corrente das moitísimas actividades que se estaban a realizar no marco da feira Internacional de TERMATALIA. Unha fita importantísima, a nivel Internacional que se celebra en Galicia, e Ourense convértese, por uns días en “Capital Termal”, na que se presentou a VIII edición da Tematalia, que o Príncipe de Asturias aceptou se-lo Presidente de Honra de Termatalia, que á inauguración asisitiu o Vicepresidente da Xunta Sr.Quintana, que nesta ocasión asistiron e presentaron as súas novidades as ciddes de Jürmala (Letonia), Villa Elisa (Arxentina), Kusatsu (Xapón), Salto (Uruguay), Auga Chaves (Verín-Portugal.España). Tamén nos informou da presentación do Sistema de Calidade para as Vilas Termais de España, a cargo do Presidente da sección de Municipios con Augas Minero-Medicinais, don Francisco Escobedo. A exposición conta cunha morea de espazos todos dedicados aos balnearios e ás súas múltiplas novidades: zona de fisioterapia, bar de augas (envasadas en diferentes países), bolsa de emprego… … e visita guiada para os que desexen achegarse ao balneario centenario de Curtis (A Coruña) ou a posibilidade de disfrutar percorrendo os balnearios que existen en Galicia ao carón do Río Miño. Quedamos en voltar a poñernos en contacto con Silvia para que nos informe da seguinte Mostra ou Exposición, no vindeiro mes dos santos, dedicada aos maiores.
Novamente escoitamos unha interpretación de Anxo Pintos, peza que se atopa no CD “Foliada nas Rías Baixas” homenaxe ao mestre Ricardo Portela, xunto con 22 gaiteiros máis.
Falamos con Anxos Sumai, a nosa amiga, escritora, tradutora e documentalista galega, que moi amablemente nos informou da próxima visita a Barcelona, con ocasión da súa participación no LIBER-08. O seu calendario está ateigado de actuacións: O martes 7, na Universidade de Barcelona, un acto baixo o título “Dentro do Acuario”. O mércores 8, na Universitat Autónoma (Bellaterra), na que participará coa ponencia que leva por título “A onde van as palabras…”. O venres 10, no Ateneo Barcelonés (rúa Canuda,6), Sala Pompeu Fabra, ás 20 horas, charla que leva por título: “Notas para unha melodía das baleas”. E por fin o sábado día 11 terémo-lo pracer de escoitala e falar con ela persoalmente no Centro Galego Nós de Sabadell ou na Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro, ás 20 horas, que nos presentará o seu libro : “Así nacen as baleas”.
A continuación tivemos a visita de KIKE, o noso amigo e colaborador de sempre e que veu acompañado e presentounos ao “locutor máis novo do noso programa”, de catro aniños e que el mesmo se deu a coñecer: “Chámome XIAO e mándolle un saúdo para Matuca, para Iria e para tódolos galegos que están a escoita-la radio”. Contamos que non sexa esta a única ocasión que nos visite e agardamos que en vindeiras ocasións poidamos disfrutar da súa presencia, xa que o seu desenvolvemento e a súa frescura no emprego do idioma é un deleite para os ouvidos dos oíntes.
A nosa conversa con Xulio Simón estivo acompañada de diversas intervencións e saúdos cordiais por parte de Kike e un servidor, e aproveitamos para felicita-lo pola celebración das Festas de San Froilán, así como polo seu ben aproveitado descanso estival no que sempre se achega a algún país Europeo para darlle un paseo en bicicleta (este ano tocoulle Letonia, e convidou a tódolos oíntes a que fixeran esa visita non só pola beleza das vistas, senón por tódolos atractivos que ofrece). Despois, e facendo un esforzo para non quedarse sen voz, fíxonos unha pequena semblanza da Festa de San Froilán en Lugo, dándonos citas de diversos autores e escritores galegos, lembrando as belezas e disfrute delas.
Xa para rematar, no “RECUNCHO POÉTICO”, tivemos a intervención de IRIA, a nosa poeta galega en Catalunya, que nos deleitou coa declamación dun poema surrealista, do dadaista André Breton, que deunos pe para convidarvos e que voltedes a conectar o “Sempre en Galiza” a vindeira semana, na que tentaremos facervos pasar dúas horiñas agradables, con música galega, as noticias que nos cheguen á redacción e as novidades máis interesantes que atopemos.

Ningún comentario:

SÁBADO 23 de NOVEMBRO do 2024

Unha semaniña máis con todos vostedes. Tentamos levar adiante este programa con ánimos de aprender e procurar ofrecervos dúas horas de Radio...