sábado, 23 de febreiro de 2019

23 de FEBREIRO do 2019

Dúas horiñas de radio en galego para todos vostedes, oíntes e seguidores. Comezamos escoitando unha peza de música do Grupo "Son de Seu-Folk" e conectamos co Presidente da A.C.G.Rosalía de Castro, don Oliver Fernández, que nos informa das actividades previstas para próximas fechas e convídanos a participar nelas.

Despois conectamos con don HORACIO GIL EXPÓSITO, Ilmo.Alcalde do Concello de ARBO, que nos pon ao corrente da celebración da "LIX Feira-Festa da Lamprea". Un grande acontecemento cheo de moitas actividades ao que nos convida para participar nel e disfrutar deste grande acontecemento gastronómico acompañado dos viños de denominación de Orixe Rías Baixas e Condado. Agradecémoslle a súa participación e desexámoslle moitos éxitos.

Atrévome a recitar unha das poesías que cada día nos envía a nosa grande poeta pastora Nieves Fernández Vidueira, adicada á Lúa e que leva por título: O Poder da Lúa.

Ubaldo Pérez, do "Restaurante Los Ancares" na rúa Robledo de Barcelona danos a noticia da celebración da "Cacholada" prevista realizar no seu establecemento para o día 10 de marzo próximo, ao que nos convida pero que se apuren para reservar, xa que as plazas agótanse pronto.

A seguinte comunicación é con Anxo Angueira, Presidente da Fundación Rosalía de Castro en Padrón, que nos fala da celebración do "Día de Rosalía", para mañá mesmo 24 de febreiro, data na que se conmemora o nacemento da nosa poetisa. Proposta para cantar a Foliada de Rosalía e tomar o Caldo de Groria, que se ven celebrando dende comezos do mes, tanto en Padrón como en Santiago de Compostela e outras cidades da nosa Galicia.

Escoitamos agora a "María La Blanco", (filla dun grande amigo noso Xocas Blanco Blanco) que nos canta "Tierra mojada". Unha fermosa voz. Comprometémonos a tentar conectar con ela para poder coñecela máis polo miúdo.

Conectamos novamente con Galicia concretamente co Ilmo.Sr.Alcalde de Viana do Bolo, don Secundino Fernández, que nos fala da celebración da "49 Festa da Androlla", que se celebrará próximamente o día 3 de marzo, domingo Gordo. Tamén nos fala do Entroido vianés e da recuperación das Comparsas, nalgunhas das parroquias de Viana do Bolo. Dámoslles os nosos parabéns e desexámoslles que teñan moitos éxitos.

A ultima intervención é a da nosa colaboración TAMARA ANDRÉS, encargada da sección NO ESTRELAMPAR, que ten preparada varias noticias relacionadas coa poesía e coa nosa cultura galega. Tamén nos recita varias poesías moi fermosas.

Despois de agradecerlle a súa participación de hoxe á nosa colaboradora, despedímonos con música e desexando que volvan a sintonizarnos o vindeiro sábado á mesma hora.

domingo, 17 de febreiro de 2019

SÁBADO 16 de Febreiro do 2019

O programa de hoxe esta a cargo de ARMANDO FERNANDEZ, que conecta con XOSÉ LAMELA BAUTISTA  e presenta ao contertulio don JOSE MARÍA EGUILETA, cos que manten unha extensa comunicación chea de contidos e informacións moi interesantes.

A segunda conexión é con don JORGE MINAS DOMINGUEZ SOUTO, un grande traballador e coñecedor do "Entroido Vianés", que se atopa precisamente en Penouta para ofrecer o Folión semanal que percorre as diferentes localidades para adiantar e ir preparando aos veciños para o entroido ancestral que se realiza en Viana do Bolo. Agradecémoslle a súa amable aportación.

Continúa na segunda hora coa conexión co noso correspondente nas Rías Baixas, don XULIO SIMÓN, que cada semana ten preparadas unha escolla de informacións e noticias moi importantes.

Despois conecta coa nosa correspondente nos Ancares Lugueses, dona FERNANDA FOLLANA NEIRA. que aproveita a ocasión para dar cumplida información de varias noticias sobre aquela zona e propón algúns percorridos e sendeiros moi recomendables.

Finaliza a emisión despedíndose e desexando que volvan a conectarse a vindeira semana.

domingo, 10 de febreiro de 2019

09 de FEBREIRO do 2019

Disculpamos a ausencia nos estudos de Xulio e Laura, por motivos persoais ineludibles. Tampouco poderemos contar coa colaboración semanal de Xulio Simón, pero tentaremos facer as dúas horiñas de radio en galego, procurando entretervos e aportar novidades e informacións interesantes. A primeira conexión é coa Baixa Limia, para que o noso correspondente XOSÉ LAMELA, preséntanos ao combidado de hoxe don XOSÉ MARÍA EGUILETA FRANCO, Arqueólogo e asíduo colaborador do programa. Unha conversa-entrevista chea de informacións e ensinos moi interesantes. Parabens e fondos agradecementos pola participación de hoxe.


A segunda comunicación é a conexión con SILVIA PARDO, coa que cada ano nos poñemos en contacto para que nos informe dese grande acontecemento que se celebra en Ourense: XANTAR, o Salón Gastronómico Internacional que cada ano nos sorprende pola súa calidade e grandes innovacións que nos vai debullando pouco a pouco nesta entrevista esta nosa grande amiga.


Despois comunicámonos con FERNANDA FOLLANA NEIRA, a nosa correspondente nos Ancares Lucenses, que ten preparada unha intevención con moitas novidades e curiosidades relacionadas coa zona dos Ancares.


Falamos con don JUAN PEDRO SÁNCHEZ, Presidente de ASOBECAT, (Asociación de Bercianos en Cataluña) que ten preparado falar con don JOSÉ MANUEL PEREIRA VEGA, Ilmo.Alcalde de Villafranca del Bierzo, xa que este ano é o Concello homenaxeado neste XVI Festival del Botillo en Cataluña... ... non foi posible a conexión. Tentarémolo noutra ocasión. Aprovietamos para que o Presidente dea boa conta do recado e infórmanos do acontecemento previsto para o día 16 de Febreiro no Hotel Front Air, de Sant Boi de Llobregat. Si se apuran aínda poderán reservar algún tique para a cea, pero teñen que darse moita presa porque xa quedan moi pouquiñas entradas...


A vindeira semana máis. Non deixen de sintonizarnos.

sábado, 2 de febreiro de 2019

SÁBADO 02 de FEBREIRO do 2019

Outro programa máis con todos vosoutros. Comezamos disculpando a falta nos estudos do noso compañeiro ARMANDO FERNÁNDEZ, que está doente e dende aquí desexámoslle unha pronta recuperación. Seguro que nos está seguindo polo facebook en directo e enviámoslle os nosos mellores desexos. Despois das salutacións iniciais e ofrecerlles unha peza de música do ultimo CD FULGOR, de XOSE MANUEL BUDIÑO, poñémonos en contacto co noso correspondente nas Rías Baixas, Xulio Simón que ten como convidado a don XILBERTE MANSO, Profesor e membro do IEM (Instituo de Estudos Miñoráns) e un grande investigador dos Petróglifos galegos. Fálannos da recente noticia relacionada cos cabalos salvaxes da Serra da Groba (un desagradable suceso) e da inauguración e musealización que hoxe mesmo se celebra no Concello de As Neves. Agradecémoslle a súa amable atención e información detallada.

A seguinte conexión é coa Baixa Limia, onde o noso correspondente Xosé Lamela, acompañado dunha convidada especial, a grande dinamizadora dona MARTA DELGADO, de Mira Xurés. Falamos das Rutas que ten previsto realizar en vindeiras datas: A primeira para o 10 de Febreiro, Serra Amarela-Penedo do Encanto; a segunda Fornada en Xordos para o 16 de Febreiro. Coméntannos varias e interesantes cousas así como a creación desa Plataforma na defensa da Auga. Unha mágoa que se estea contaminando tanto o encoro das Conchas con tanto verquido das granxas. Despedímolos con outro bocado de música.

Falamos agora co Presidente de ASOBECAT (Asociación de Bercianos en Cataluña), don Juan Pedro Sánchez, que nos recorda a próxima celebración do "XVI Festival del Botillo en Cataluña" previsto para o día 16 de Febreiro próximo no Hotel FRONT AIR de Sant Boi. Están a tempo aínda, de reservar algún tique pra cea.

Despois conectamos co noso amigo Henrique Fernández-Mon Sánchez, que dende Navia de Suarna nos por ao corrente da situación climática que están a sofrir e doutras cousas daquela zona.

E finalizamos lendo unha poesía da nosa estimada e admirada "Poeta Pastora" Nieves Fernández Vidueira, moi axeitada para este tempo de candeloria e febreiro recén encetado. Tamén comentamos algunhas incidencias que están a suceder en Galicia, que nos chegan á redacción. Ofrecémoslle algunha peza musical e despedímonos ate o vindeiro sábado.

Que teñan unha feliz semana. O vindeiro sábado tentaremos compartir con vostedes outras dúas horiñas de radio en galego, con música, novidades, entrevistas e as vosas participacións.

sábado, 26 de xaneiro de 2019

SÁBADO 26 de XANEIRO do 2019

Outro sábado máis con todos vosoutros, tentando facervos máis agradables estas dúas horiñas de radio en galego. Comezamos dándolles a ben-vinda e conectando con Galicia para que o noso correspondente Xulio Simón nos presente ao seu convidado de hoxe: don IÑAKI ORGE GARCÍA, Campión de Cetrería de Galicia e tamén Nacional. Mantemos unha conversa engaiolante relacionada con esas aves de presa que el adestra como afección persoal, pero fainos disfrutar coas súas explicacións.


Lemos unha poesía da nosa "Pastora Poeta dona NIEVES FERNÁNDEZ VIDUEIRA, titulada Porqué? e despois conectamos coa Baixa Limia onde o noso correspondente José Lamela Bautista, preséntanos a don FILIPE PIRES, un Emprendedor portugués cheo de entusiasmo que nos fala da súa Vivenda Rural "Casa da Feira" e da "Casa do Aceite", así como das ideas tán importantes para poder desenvolver e promocionar aquelas terras do Parque Nacional do Gerés-Xurés que, como non se fagan algunhas actuacións, posiblemente o despoboamento e outras circunstancias farán peligrar a supervivencia desta zona de fauna e flora privilexiadas.


Seguimos aquí nos estudos con JUAN PEDRO SÁNCHEZ,
Visita de Juan Pedro, Presidente de ASOBECAT.
Presidente de ASOBECAT (Asociación de Bercianos en Cataluña) que nos ven a presentar o "XVI Festival del Botillo en Cataluña"- Teñen como "Berciano ilustre" homenaxeado nesta edición, a don PABLO OSSORIO, Grande Enólogo, Adegueiro e Profesor... Mantemos unha conversa moi amena e ilustrativa. Felicitámolos.


Despois escoitamos unha peza musical do "Grupo Festeiro A Tajea", que leva por título "Maldito Michelín", e aproveitamos para falar cunha das súas creadoras e compoñente, dona Cristina, que nos recibe moi amablemente. Dámoslle os nosos parabens e fálanos da súa traxectoria, recente, porque déronse a coñecer no verán pasado do 2018. Grazas á sua colaboración somos primicia en Cataluña, polo tanto considerámonos moi honrados pola súa participación nesta nosa emisión.


A continuación conectamos con FERNANDA FOLLANA NEIRA, a nosa correspondente dos Ancares, que hoxe nos fala dende Becerreá, dándonos diversas informacións, nesta ocasión relacionadas coa Cultura naquela zona.


E aproveitando a visita do Presidente Juan Pedro falamos do XVI Festival del Botillo en Cataluña, previsto para próximo dia 16 de febreiro, dos Homenaxeados (don Pablo Ossorio, Ayuntamiento del Bierzo e a participación da Adega Castro Ventosa), tamén nos comenta e pormenoriza o menú desta cea espectacular que remata con música en directo. Comentamos a celebración da "Butelada do Suso" na Asociación C.G.Rosalía de Castro para mañá e o "Filandón" despois das cinco do serán, na propia Entidade, que terá intervención das pandereteiras, do Cantautor Alfredo González Vilela, lectura de poesías a cargo de Manuel Rodríguez Julián, un cómico e outras actuacións de relevancia. 


Desexamos que teñan unha feliz semana e voltaremos o vindeiro sábado con máis música, entrevistas, informaciónse desexos de que o pasen moi ben con nosoutros.


sábado, 19 de xaneiro de 2019

SÁBADO 19 de XANEIRO do 2019

Un día máis con todos vosoutros, tentando levar adiante este programa en lingua galega, durante dúas horas. Disculpamos a non presencia da nosa colaboradora Laura Santos e Xulio Couxil, que hoxe teñen compromisos que atender. Ofrecémoslle escoitar unha peza musical do ultimo CD que nos chegou aos estudios do CORO Tradicional "Cantares do BRION" e comunicámonos coa Baixa Limia, onde se atopa o noso correspondente XOSÉ LAMELA BAUTISTA, que nos presenta ao convidado de hoxe, don DOMINGO RODRÍGUEZ ALVAREZ, Presidente da Comunidade de Montes de Rio Caldo. Mantemos unha conversa moi ilustrativa e chea de moito contido.

Falamos con don LUÍS LOSADA, Profesor e dinamizador de moitas actividades en Pontevedra, que nos informa da grande tarefa que está a levar a cabo, xunto con outros profesionais, relacionada coa Radio nas Escolas. Felicitámolo por tan extraodinario traballo e agradecémoslle a súa aportación.

Conectamos coa nosa correspondente na zona dos Ancares, Fernanda Follana Neira, que ten preparada a súa crónica semanal, moi escollida e con moitos datos relacionados coa zona.

Tamén chamamos a Xulio, que nos presenta ao Presidente da ASOBECAT (Asociación de Bercianos en Cataluña), JUAN PEDRO SÁNCHEZ. Están a realizar a "Rolda de Prensa" de presentación do "XVI Festival del Botillo en Cataluña" previsto para o vindeiro día 16 de Febreiro deste 2.019. Agradecémoslle a información e atención coa que nos recibe.

Despedímonos ate a vindeira semana á mesma hora: o sábado de seis a oito do serán. Non faltedes!!!

sábado, 12 de xaneiro de 2019

Sábado 12 de XANEIRO do 2019

Primeiro programa do 2019, que comezamos dándolles a ben-vinda a tódolos nosos oíntes e seguidores e despois de ofrecerlles unha peza musical conectamos coa Baixa Limia, concretamente con CRISTIAN OLIVEIRA, en Entrimo, que nos fala da recente publicación do Xornal "O PICARAÑO". Fálanos dese proxecto que levan adiante con moito interese e que será un medio de comunicación no Concello para informar e culturalizar un chisco máis o rural daquela zona. Concertamos poder voltar a comunicarnos con el e, coa axuda do noso correspondente Xosé Lamela continuaremos, coñecendo máis polo miúdo, este medio de comunicación que xa ten moitos incondicionais.



A segunda comunicación é con ALBERTO ALVAREZ, de DOMINÓ - BAR, na rúa Les Flors, 12 de Barcelona, que ten moito que ver cos productos de calidade con denominación de orixe "Bierzo", e que serven el e mais a súa compañeira JESSICA, especialista en cócteles. A súa relación coa ASOBECAT (Asociación de Bercianos en Cataluña) faille ter un cariño especial con aquela terra e el mesmo nos informa da próxima celebración da "XVI Festa do Botillo en Cataluña" prevista para o vindeiro 16 de febreiro. Primeiro farase unha Rolda de Prensa informativa o próximo sábado día 19 no Hotel Front Air de Sant Boi de Llobregat. Agradecémoslle a súa amable atención, ademais de prometerlle voltar a comunicarnos noutra ocasión.


Despois conectamos con ANTONIO DÍAZ, Director da Revista LUA NOVA, que está próxima a saír do prelo. Falamos dela e da preparación do libro-recopilatorio dos Premios de Poesía dos Certames que ten entregados a Asociación C.G.Rosalía de Castro. É un traballo moi delicado e de grande documentación, pero seguro que pronto teremos noticias dunha próxima preparación e publicación.


Tamén conectamos co noso amigo e correspondente en Navia de Suarna KIKE DE NAVIA, que nos informa da reunión que se celebrou en Santiago de Compostela sobre a Reserva da Biosfera e que afecta a aquela zona dos Ancares, así como das actividades que teñen previsto realizar en Cervantes, A Fonsagrada, Becerreá, Cervantes e outros municipios da zona. Despedímolo ate a vindeira semana.




Na segunda hora, coma sempre conectamos co noso correspondente nas Rías Baixas, XULIO SIMÓN, que nos ten preparada a participación de don ANDRÉS DACOSTA PAZ, grande coñecedor, investigador e escritor de Combarro. Unha morea de coñecementos e informacións cheas de ensino que consideramos oportuno poder voltar a poñernos en contacto con el, en vindeiros programas, para que nos siga ilustrando  e axudando a prender algo máis daquela zona.




Despois falamos con MARIFÉ PÉREZ ÁRIAS, a quen consideramos xa unha amiga e grande informadora do que está a suceder naqueles Ancares moi poblados polo lobo, (neste enlace podedes ver qué fixo o lobo esoutro día) que tanto daño está a facer nas gandeirías e que ao parecer, dende fai unha tempada a esta parte non fai máis ca daño e a administración parece que non lle fai caso ningún a eses destrozos que causa aos sofridos gandeiros.



E antes de finalizar conectamos coa nosa Traductora e Poeta TAMARA ANDRÉS, que nos pon ao corriente das diferentes actividades que ultimamente veñen realizando en Combarro e en Pontevedra, todas elas de grande interese, moi relacionadas coa cultura galega en xeral (Pandereteiras, música. revista galega LIGEIA, xuntanza de poetas, publicacións varias... etcétera). Grazas a ela temos unha sección: "NO ESTRELAMPAR", que se converte nun celeste ceo brilante de estrelas que aluman e engrandecen o noso humilde programiña galego. ¡Moitas grazas!



E despedímonos ate o vindeiro sábado, que tentaremos facer outro programiña máis con todos vosoutros, os que nos seguides e escoitades e os que colaborades desinteresadamente.

SÁBADO 27 de XUÑO do 2026

  PROGRAMA ESPECIAL CELEBRANDO O 40 ANIVERSARIO DA EMISIÓN "SEMPRENGALICIA"   EN RADIO CORNELLÀ Estamos na Sé da Asociación C.G.Ro...