luns, 28 de setembro de 2009

Día 26 de setembro do 2009

O segundo programa desta nova tempada tivemos a compañía, en directo, de moitísimas persoas que nos escoitaban mediante Internet. Teño que dárvo-las gracias a tódolos que participástedes e moi particularmente a Luís Ares, compoñente do grupo "Alann Bique", con quen mantivemos unha conversa moi entretida falando das súas aportacións á nosa cultura musical galega.

Tamén compracemos a petición dun asíduo oínte que nos demandou, hai tempo, que falaramos coa "Confitería Luísa" , de Alariz, para que nos dera as súas opinións sobre os famosísimos Almendrados, e que ela fabrica dende hai moito tempo. Estivemos a falar con "Chusa", a súa filla, quen convidou a tódolos oíntes a probar os doces que fabrican naquela confitería, e que poden demandárllelos telefónicamente tamén, que seguro quedarán contentos do seu encargo.

Na segunda hora fixemos un percorrido por algunhas das moitas noticias que nos chegan á redacción. Falamos da próxima Festa de San Froilán-2009, na Praza Maior de Nou Barris en Barcelona. Tamén mantivemos unha pequena conversa de ben-vida con Paco Rivas, o noso poeta da Mariña Lucense, que sempre nos deleita coas súas composicións en directo.

E por ultimo a entrevista "en primicia" para tódolos oíntes, con don Xosé Santiago Camba, novo Secretario Xeral de Emigración da Xunta de Galicia. Son as primeiras declaracións a un medio de comunicación en Cataluña e sentímonos moi honrados pola súa atención (así lle-lo fixemos saber persoalmente), e agardamos que non sexan as ultimas. Prometeunos que pronto viría por Barcelona para visitar aos galegos que nos atopamos por aquí.

Agardamos que sigades sintonizándonos a vindeira semana. Coma sempre convidámosvos para que participedes con nosoutros en calquera momento da nosa emisión.

martes, 22 de setembro de 2009

Programa do 19 de setembro do 2009


Este primeiro programa da nova tempada do noso "Sempre en Galicia" comeza cunha pequena eiva xa que tan só podemos realizar unha horiña de radio en galego. Son as cousas do directo que nos obrigan a deixar espazo aos compañeiros dos deportivos para que se beneficien tódolos oíntes de Cornellà da retransmisión do partido de futbol. Agardamos ter máis sorte en vindeiras ocasións e posiblemente non teñamos que "ceder" ningún espazo máis.

Escoitamos unha primeira peza de música: "El Cant dels ocells" en versión jazzista de Pedro Iturralde Quartet. Adicatoria miña e moi persoal para homenaxear a dúas donas das que recibimos ensinanzas moi especias: A mai de Antonio Díaz, Engracia Fernández González, e Carmen Vázquez Fernández, a miña nai; recentemente falecidas.
A seguinte peza é unha adicatoria para Marta Prego, que nos escoita e síguenos dende a Universidade de Bangor.
Comezamos do mesmo xeito que rematamos no mes de xuño: Nos estudios Antonio Díaz e mais un servidor de vostedes, e nos controis técnicos Marc Font Pi, aliado imprescindible para que funcionen ben as emisións musicais, as conversas telefónicas, as solicitudes... todo un traballo que desexamos destacar xa que é para nós unha peza fundamental.
A conversa que mantemos xira ao redor das posibles novidades coas que contaremos no estudio. De momento unha moi interesante: dentro da "peixeira" xa podemos disfrutar do Wi-fi e polo tanto podemos recibir, en directo, as comunicacións dos nosos oíntes internautas. Animámosvos a que participedes. O noso enderezo email é: semprengalicia@gmail.com

Recollemos a solicitude dun dos nosos asíduos oíntes e comunicantes, o tocaio Xulio, como acostuma a anunciarse el mesmo. Compracémoslle a súa demanda e deseguida conectamos coa Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro para que nos poña ao corrente das próximas actividades da Entidade. Don Ricardo Pérez Anta, Presidente de "Rosalía" indícanos que estan a traballar nelas e pronto teremos cumprida información, e polo miúdo, das tódalas cousas que se van a realizar. Adiántanos a participación da Grupo na Festa da Asociación "Agarimos de Badalona", co quen non puidemos contactar polo escaso tempo do que dispoñíamos. Prometemos facelo noutra ocasión e así poderemos facer unha valoración do que foi e representou a primeira festa dos galegos en Cataluña, despois do paréntese das vacacións estivais.

Agardamos poder volver a contar con todos vosoutros para o vindeiro sábado e prometémosvos "primicias importantes", concretamente a 1ª entrevista que concede o señor Secretario Xeral de Emigración da Xunta de Galicia, don Xosé Santiago Camba Bouza, a un medio de comunicación en Cataluña; temos a súa confirmación. Estamos a traballar para poder ofrecervos cousas importantes e interesantes para tódolos nosos oíntes. Tamén estamos a recibir moitas suxerencias e propostas para incorporar á nosa emisión e seguro que algunha levarémola adiante.
Ata o vindeiro sábado: Saudiños para todos.

venres, 18 de setembro de 2009

¡Saudiños cordiais! COMEZAMOS UNHA NOVA TEMPADA

Ola a todos.
Acabamos de recibir a confirmación OFICIAL de que o vindeiro sábado 19 de setembro ás 6h do serán poderemos comezar unha "NOVA ANDAINA", outra etapa máis de emisión en galego para todos, pero desta volta con moitas novidades e incorporacións interesantes e importantes. Así pois a primeira é que estaremos conectados directamente a Internet, dende os estudios e poderemos recibir e contestar, en directo, a tódolos comentarios, suxerencias e peticións que nos fagades os internautas. Até poderemos atender, mediante chat ou calquera outra novidade técnica, a tódolos que queirades participar. Seguro que ao principio teremos as dificultades e interrupcións correspondentes á posta en marcha deses adiantos, pero prometemos poñer todo da nosa parte para poder respostar ás vosas demandas.

Neste primeiro programa teremos tan só unha hora de emisión, é dicir de 6h á 7h. O motivo é que, segundo nos adiantou a nosa directora, haberá que conectar coas instalacións deportivas do Futbol Club Cornellà, que deberán retransmitir un dos partidos desta tempada 2009-10. Coidamos que será este sábado e agardamos non ter que retallar a nosa programación, nin mudar de horario, por mor desoutro compromiso social e popular da Radio.

Noutra orde de cousas teño que pedirvos a vosa colaboración para que esta nosa emisión sexa do agrado de todos vosoutros. Sodes vos, os oíntes e seguidores, os que nos dades azos suficientes para continuarmos coa nosa tarefa, pero gustaríanos recibir as vosas inquedanzas e as vosas suxerencias para tentar poñelas en práctica, tanto no eido da emisión de música, como das entrevistas e colaboracións. Tede por seguro que sempre serán ben recibidas e considerámolo como unha obriga poder compracervos en todo o posible.
O enderezo da nosa Radio:
Radio Cornellà 104.6 FM, Emissora Municipal
C/Costa Brava, 7 Baixos
08940 Cornellà de Llobregat
Tfonos.: 93.377.80.55 /93.377.82.00
O noso enderezo electrónico : semprengalicia@gmail.com

Para esta primeira ocasión queremos darvos a coñecer as intencións e proxectos que temos para este vindeiro curso 2009 - 2010, pero abrindo a posiblidade de poder modificar todo aquelo que pola vosa parte desexedes aportar, así como as incorporacións que posiblemente teremos, xa que os contactos mantidos perante estes meses de descanso tivemos moitas entrevistas e conversas con moitas persoas interesadas en que o noso programa se actualice, se modernice e faga o posible para que se "enganche" moitas máis xente a el. Sabemos das nosas limitacións e non temos demasiados recursos, pero queremos facer realidade aquel dito de que "fai máis o que quere que non o que pode". Os que nos coñecedes, de antigo, xa sabedes como traballamos e queremos continuar coa mesma liña, sen outra finalidade máis.

A nosa teima consistirá no seguinte :
  • * Falar en galego.
  • * Dar a coñecer tódalas noticias que nos chegan á redacción.
  • * Manter entrevistas coas persoas achegadas á nosa cultura e aquelas que desinteresadamente se prestan ás nosas solicitudes e ás nosas preguntas.
  • * Emitir todas as novidades musicais galegas, ou do noso entorno, que poidamos.
  • * Entreter e manter o interese con todos os oíntes perante esas dúas horiñas de Radio en Galego.
Contamos con todos vosoutros para acadar eses nosos anceios. Contamos coa vosa axuda

Agardámosvos o vindeiro sábado 19 de setembro de 6h a 7h do serán.

SÁBADO 19 de OUTUBRO do 2024

Comezamos coa nosa sintonía, as salutacións de sempre e unha peciña de música para recibir ao noso primeiro convidado, que é o noso correspo...